A nosa achega á educación infantil

Plantando crasas ou suculentas

In EncienciArte on 14/10/2014 at 07:04

Á volta de vacacións tivemos a desagradable sorpresa de atoparnos as poucas plantas que temos nun estado lamentable pola calor e falta de auga, motivo polo que estivemos matinando para que isto non volvera suceder. Así buscamos plantas que resistiran prolongados períodos de seca e de altas temperaturas. Descubrimos que poderían ser as crasas ou suculentas, que moitos temos nos balcóns e macetas nas nosas casas. Polo cal comezamos un dos nosas xeiras na escola.

En primeiro lugar analizamos todo o que precisaríamos: macetas, terra areosa, plantas crasas, unha ubicación cálida para o inverno, carteis explicativos para o resto dos compañeiros/as, etc.

-As macetas fixémolas con latas que decoramos con cores cálidas e motivos “desérticos”. Logo non houbo máis ca facerlle buratos para que así puideran expulsar a auga sobrante.

-A terra areosa, supúxonos unha análise das súas calidades (drenaxe, lixeireza e cor). Aproveitando unhas obras que están a facer preto do centro, fixemos un plano coa súa localización para darlle as indicacións ás familias e así, cada unha puidera recoller unha cantidade aproximada de 2 k. que foi o que calculamos precisábamos para cada maceta.

-As plantas conseguímolas nas casas das familias e amizades do alumnado. Trouxeron aloes, aeoniums, crásulas, etc, así puidemos comprobar o grosor das follas e talos destas plantas que actúan a modo de depósitos de auga, emporiso son chamadas “suculentas”.

-A ubicación das macetas supúxonos un estudo das condicións do centro: temperatura, accesibilidade, visibilidade, facilidade para o rego, e outras, polo que nos decantamos por un “espazo morto” que queda baixo as ramplas de acceso ao patio, onde teñen luz e calor, tal e como comprobamos con varias medicións de temperatura.

Feito isto, puxémonos mans á obra coas plantacións, para o que empregamos distintos procedementos de reprodución de plantas: de fillos, de anacos de talo (ramas) ou de folla.

No caso dos aloe vera, aloe ferox, aloe aristata e aloe arborescens, foi moi doado ver como arredor da planta nai lle van saíndo fillos que se poden arrincar con raíz e plantar xa directamente na terra.

As crásulas arborescens ou as de trompetas foi preciso dividilas en anacos máis pequenos que plantamos na terra e algunha nun recipiente de cristal para poder seguir o proceso de botar raíces. Ao cabo dunha semana xa se podían apreciar unhas pequenas e aos vinte días estaban en condicións de plantar, o que nos viña a indicar que ás que estaban na terra lle sucedería algo similar.

O cactos de Nadal dividímolo en cada unha das súas “paletas” plantámolo inicialmente nunha bandexa con terra especial para enraizamento (sustrato, fertilizado, húmido, con abundancia de perlita). Periodicamente faremos comprobacións e cando vexamos que bota raíces e novas paletas, pasarémolo para outras macetas.

O aeonium arboreum do que unha nena nos trouxo unha “planta nai”, foi preciso dividilo en cada unha das súas “piñas” que colocamos en vasos de plástico con auga para ver como lle van saíndo as raíces antes de trasladalas á terra.

Entanto puidemos ir coñecendo moitas características destas plantas, desde os seus lugares de orixe, utilidades, propiedades, usos na medicina alternativa, cosmética e outros.

Cando todas estean enraizadas e plantadas nas súas macetas pasarán para o “Xardín das crasas”, que é como denominamos esta zona do centro, que preparamos con carteis explicativos, xa que logo están á vista de todo o alumnado deste o patio. Isto tamén nos supuxo longas divagacións porque queríamos colocar unha cartelería que non impedira a visibilidade, polo que os rotuladores con pintura para vidro nos pareceu a mellor opción; o problema xurdiu á hora de escribir desde dentro para ser lido desde fóra. Tras moitos intentos, demos en calcar por dentro o que queríamos que fora visto desde o exterior.

O seguimento do proceso de enraizamento, o control de humidade e de temperatura (agora co cambio estacional), mantéñenos atarefados en varias ocasións á semana. Agora, pouco a pouco iremos recreando un ambiente “desértico” (cunchas, pedras, ramas secas), máis acorde co Xardín das crasas.

Nestes días, incrementaremos a colección de crasas cuns kalanchoe que aportaran un toque de cor.

Esta experiencia supúxonos un traballo dun mes, cunha morea de oportunidades de aproveitamento didáctico, aprendendo, investigando, coñecendo o ciclo vital das plantas, escribindo notas ou planos, tomando apuntamentos, pesando, medindo, colaborando coas familias, e tamén descubrindo que non é preciso gastar cartos para ter plantas, xa que logo o compartir fillos ou escallos é unha opción para ter un xardín de custe 0.

Confiamos en que nesta ocasión déramos coas plantas adecuadas para o noso centro.

Ver a presentación de todo o proceso. 

Crasas
Advertisements
  1. Que ledicia comezar o día lendo esta marabilla! Facedes todo tan sinxelo e á vez tan complexo 🙂 encantoume vivenciar este proceso a través das vosas verbas

  2. Como sempre, impresionada, como me gustaría pasar horas e horas na vosa escola simplemento observando

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: