Mafalda a eterna nena ocorrente, utópica e contestaria cumpre hoxe 50 anos sen perder un chisco da súa curiosidade inxenua e clarividencia reivindicativa. Malia que dende hai tempo se fan homenaxes e exposicións sobre este medio século da súa existencia, é o propio autor, Quino, quen no seu web se encarga de aclarar que Mafalda naceu o 29 de setembro de 1964 na revista Primera Plana.
Pouco ou nada podemos engadir a todo o escrito e mesmo estudado sobre esta cativa filla da clase media arxentina que cre nun mundo mellor, no que as mulleres teñen voz e no que ela pensa que pode contribuír á paz mundial. Tan só, dicir que Mafalda é un personaxe de ficción que reflicte a “descomplicación” infantil, sempre mirando as cousas ao dereito, sen os condicionantes adultos, porén, pregunta, afirma ou nega do mesmo xeito que fan os cativos das idades coas que nós traballamos: de fronte, sen eufemismos e sen as falsas cortesías ou convencionalismos sociais coas que se vai perdendo esa frescura da infancia. Cantas veces somos incapaces de dar resposta a cuestións que nos expoñen cunha claridade meridiana?
Hoxendía, en Bos Aires e ata o 30 de novembro, está aberta unha exposición homenaxe a Mafalda con motivo deste 50 aniversario.
Fai pouco, a nosa amiga Malós que sempre se acorda de InnovArte cando anda polo mundo adiante, tróuxonos, como recordo da súa viaxe a Arxentina, o libro “Mafalda inédita”, unha publicación de Ediciones de la flor, na que se recollen 48 tiras aparecidas en Primera Plana, nunca antes compiladas. Asemade, contempla campañas ocasionais, posteriores a 1973, nas que Quino volve a retomar os seus personaxes, tal e como fixo en 1976, Ano Internacional do Neno, cando UNICEF lle pide que ilustre os 10 principios da Declaración dos Dereitos do Neno, ou en 1984, cando a Liga Argentina para la Salud Bucal, lle solicita unha campaña para que todos os nenos de Arxentina se laven os dentes con Mafalda. Calquera destas dúas campañas poden ser perfectamente utilizadas nas escolas na actualidade.