Unha das cousas que máis cohesiona a un grupo é aceptar as diferenzas de cada un dos integrantes, minimizando os puntos febles e salientando as potencialidades de cada un. Os nenos/as son plenamente conscientes das debilidades de cada un dos seus compañeiros, pero cústalles un chisco máis dicir algo positivo. Nisto pode que estean moi condicionados polas persoas adultas. Nós tamén temos moito que mellorar nese apartado, emporiso nos gustou tanto esta publicación da editorial A buen paso, “Los cinco desastres” de Beatrice Alemagna. Un álbum de escaso texto (pero dabondo suxestivo) e unhas ilustracións que foron o primeiro que chamaron por nós cando o vimos no escaparate da nosa librería de cabeceira.
Cinco personaxes desastrosos que viven coa sensación de que non serven para nada, o que lles vén a confirmar un ser perfecto, un tipo sensacional que chega non se sabe de onde belo, liso, co nariz no lugar do nariz, cun fermoso corpo ergueito e cunha fermosa melena. Cando este lles reprocha que non serven para nada, cada un deles descubre que teñen algo que el non posúe: un nunca se enfada, outro conserva todos os seus recordos, outro é tranquilo, o cuarto ve as cousas que os demais non ven, e o último ten a fortuna de satisfacerse co que lle sae ben. Non é pouca cousa, así deixan plantado coa boca aberta ao tipo perfecto.

Tiñamos dúbidas sobre se o noso alumnado entendería a mensaxe, pero deseguida a captaron. Agora estamos en pleno exercicio de recoñecemento de calidades persoais que ás veces quedan agochadas tralas “imperfeccións”: a alegría, a xenerosidade, a complicidade, a empatía, a sensibilidade, a afabilidade, a bondade …
Ninguén é perfecto nin tampouco un desastre absoluto.