A nosa achega á educación infantil

Compromiso na escola coa pobreza infantil

In Uncategorized on 09/09/2014 at 08:36

Rara é a escola na que ao longo do curso non se fai algunha actividade coa que se pretende sensibilizar ao alumnado con outras realidades más desfavorecidas que a súa (de fóra). Todas elas moi loables. Agora ben, hoxe queremos reflexionar sobre como se compromete a escola coa pobreza do alumnado que ten escolarizado (de dentro).
Antes ilustrábamos a pobreza con fotografías de nenos/as descoñecidos; arestora, a pobreza ten cara coñecida, témola ao noso carón, entre o noso alumnado. E preguntámonos que medidas se adoptaron ao respecto. Agora é o momento no que se amosa con claridade o compromiso da escola pública coas situacións desfavorecidas de moitas familias: coas peticións de material e coa organización de eventos/saídas para todo o curso.
1º Material escolar. De sempre, cando estudábamos a carreira e as oposicións fomos “preparadas” para traballar con recursos mínimos, sabíamos sacar proveito do material da contorna, do refugallo, do alternativo …, e sen embargo agora parece que precisamos o máis sofisticado, o máis específico para cada caso e ocasión. Niso as provedoras saben darnos polo pau, non hai nada no que non pensen para “solucionarnos a vida” e ofrécenos todo ben empaquetado, organizado e clasificado para as distintas situacións. E nós non temos máis ca mercalo ou pedirllo aos pais. Se a alguén se lle pasa pola cabeza a crise, sempre haberá quen lle diga que poden solicitalo ás axudas dos concellos ou a Cáritas. (¿??) De verdade necesitamos todo iso? Non poderíamos substituílo por outra cousa? É preciso que todo o que fagamos co alumnado pareza saído dunha tenda de agasallos ou dun bazar? Que cremos lle estamos proporcionando ao noso alumnado con esas actuacións: educación estética/artística, educación para o consumo responsable, compromiso coas desigualdades sociais, …? Que é o que pode xustificar tanto malgasto?
2º Eventos/saídas. Non é a primeira vez que falamos neste blog sobre disfraces, festivais e saídas, sempre preguntándonos se non hai outro tipo de alternativas. É preciso organizar saídas didácticas co alumnado de infantil (e doutros niveis) que supoñan custes de autobuses e entradas? Non deberíamos tirar proveito do que temos de balde na contorna? Xa non estamos apelando só a cuestións económicas, senón de sentido común.
Non parece lóxico que a escola e os/as docentes procedamos dese xeito. Somos os primeiros en detectar cando a situación económica dunha familia non é óptima: a roupa, as merendas, os pagos do comedor escolar e outros moitos detalles do día a día son para nós indicadores diso que poden tratar de ocultar para que o neno/a non sexa diferente dos outros ou mesmo por vergoña. Pero nós, que somos xente lista, sabémolo de inmediato. Hai moitos tipos de pobreza que sen chegar a ser severa, lle supoñen ás familias grandes sacrificios, malia que se esforcen para que o neno/a teña unha mochila coma a dos demais.
De cando en vez, os titulares dos medios de comunicación recórdanos que en España 2.306.000 nenos/as, o 27% da poboación infantil, vive baixo os limiares da pobreza, o segundo país da UE (Informe UNICEF 2014). Desde diversas institucións, ínstase ás administracións a adoptar políticas públicas para reducir a pobreza da infancia (axudas ás familias, subvencións, etc.). Todos desexamos que desde arriba se faga algo para paliar isto (protestas, comunicados, manifestos …), pero, desde abaixo, que facemos?, acaso somos nós máis comprometidos coa pobreza ca os que non adoptan medidas sociais?, ou, procedemos coma algúns “filántropos e mecenas” que primeiro esquilman e logo crean fundacións sociais para lavar os cartos e de paso un pouco a conciencia?
Nestes días non facemos máis ca escoitar as queixas das compañeiras pola inversión que deben facer no equipamento escolar dos seus fillos/as, e que pensamos lle sucede aos que nin sequera teñen un soldo coma nós?
Cando imos emprender unha viaxe, sempre pensamos nunha morea de cousas que nos poderían facer falta, logo, por mor do peso da equipaxe, por comodidade, imos desbotando e cribando, quedándonos só con prendas versátiles, multiusos, de fácil combinación e mantemento. Pois aquí e agora, á hora de elaborar as listaxes de material para o alumnado cómpre facer o mesmo.

Equipos docentes, equipos directivos e consellos escolares, deberan velar por iso. Ás familias non lle queda outra, bancos de libros escolares, cooperativas de pais/nais para a compra de material, mercadiños solidarios de materiais escolares proliferan por todas partes, e nós, que estamos a facer para paliar a crise e maila pobreza infantil?

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: