A nosa achega á educación infantil

Moras das moreiras e moras das silveiras

In EncienciArte on 19/06/2014 at 06:28

Nestes días de saídas, entre dous nenos xurdiu unha discusión porque un deles dixo que a súa rúa estaba chea de árbores de moras que nos traería en canto maduraran. Outro respondeulle que as moras nacían nas silvas e non eran árbores. Cada un defendía o que coñecía, emporiso tivemos que intervir e suxerir a posibilidade de informarnos e ver ambas opcións.

En efecto, na rúa Xaquín Lorenzo hai máis de vinte moreiras (árbores), máis coñecidas polas súas follas (alimento dos vermes da seda), ca polos seus froitos nos que case ninguén repara. Pero son moras que neste momento están madurecendo, así o puidemos comprobar o día que pasamos por alí para ir ás hortas urbanas.

No caso das moras das silveiras, arestora están en plena floración (coa lúa de San Xoán), algo que tamén constatamos nunha saída expresa que fixemos a un arró ao carón do centro. Aínda así puidemos ver a diferenza das silvas, follas e flores con respecto ás moreiras.

Moras das silveiras e moras das moreiras

Cando andabamos a facer os carteis para as rúas sen nome, dous alumnos que viven na rúa Xaquín Lorenzo, dixéronnos que lles gustaría facer un para a “Rúa das moreiras”. Tanto insistiron dando as súas razóns –moita xente non sabe que son moreiras-, que tivemos que aceptar e deixalos deseñar dous carteis: un para o comezo e outro para o remate da rúa. Sobre iso tampouco se poñen de acordo, ata que decidiron que pode ter dous comezos e dous remates, segundo onde se empece.

Nestes días trouxéronos as moras das moreiras, que todos gorentamos, apuntando as diferenzas con respecto ás das silveiras: máis alongadas, máis brandas, menos ácidas, cun sabor que parece recordar o das cereixas e o da sandía, e comprobamos que manchan moito máis.

Como polo de agora non podemos probar as das silveiras, quedamos emprazados para o mes de setembro, daquela iremos a recollelas e faremos tortas de moras.

Rúa das moreiras


IMG_20140618_173325112_HDR

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: