Hai días nos que non se me vai da cabeza que algo estamos a facer mal. Penso, reflexiono, analizo e falo con outras compañeiras para descartar a posibilidade de que o que me preocupa só me suceda a min, no meu contexto e cos meus alumnos/as. Pero non, todas coincidimos no mesmo: os nenos e nenas (nomeadamente) urbanos xa non saben moverse no medio natural nin respectalo. A natureza non é arestora o seu medio ambiente. Criámolos en contextos artificiais, educámolos nos virtuais e perderon o contacto coa “natureza natural”. O que veño de dicir pode parecer unha redundancia pero é que non sei expresar doutro modo que, ata o medio natural que lle presentamos, é artificial e artificioso.
Esta semana, co meu grupo, estamos coñecendo a natureza na nosa contorna urbana (xa presentaremos a experiencia en vindeiras entradas no blog), motivo polo que fixemos saídas diarias. E asisto perplexa a:
1º Vese que non saben andar pola rúa, por unha corredoira ou por un campo. Sempre son portados, carrexados e levados con moita présa en coche dun “punto de repostaxe” a outro. Se saen ao exterior é para ir a actividades, a festas en ludotecas ou a xogar a parques que cumpren con todas as normas de seguridade infantil. Se algún ou algunha das lectoras é paseante habitual, pregúntense cantas veces se encontran con nenos/as nas súas camiñatas polo monte, pola praia ou polos campos: nunca, ou moi poucas se falamos da fin de semana. Os nenos/as teñen os seus propios circuítos artificiais ou naturais de ficción.
2º Ao meu alumnado linlle todos os contos, amoseille todos os albumes, reciteilles toda a poesía que considerei relacionada coas árbores, coas plantas ou coas estacións do ano. Seleccionei todas as cancións que pensei transmitían valores medioambientais, achegueinos a todas as representacións plásticas da natureza en todos os estilos artísticos. Saben dicir flor, árbore ou sol en galego, inglés e español (e nalgún outro idioma). Plantei con eles todo tipo de sementes, reproducín plantas, recollín froitos e elaborei pratos saudables a partir de produtos da natureza. Recendemos, observamos, gabamos e agradecemos todo o que nos brinda a terra. E, sen embargo, saímos ao medio natural e arrincaron flores, esgazaron pólas, déronlle couces ás árbores e deixaron un regueiro de formigas esmagadas. Eu non podía crer o que estaba vendo, é coma se tolearan. Non desistín, e ao día seguinte volvemos a saír trala reflexión sobre o feito. E ao seguinte tamén. Cada vez a cousa foi a menos. Poida que se fosen “adaptando” pouco a pouco ao choque que lles supuxo o contacto coa natureza natural.
Pero como é isto posible?
Podería “tranquilizarme” pensando que eu non sei facer ben a miña labor educativa, pero cando saio a dar unha volta por un lugar onde hai nenos e mozos, sempre acabo convencida de todos eles tiveron que tropezar con xente coma min “incapaces” de inculcarlles o verdadeiro amor pola natureza. Cando vexo que tiran latas de refrescos ao río, que apedran aos paxaros, que tiran ao chan as cascas das pipas, que queiman contedores ou que enchen as rúas de lixo sempre penso cantos deses rapaces ou mozos traballaron na escola os temas transversais, cantos a educación en valores, cantos as competencias sociais e a cidadanía, cantos realizaron obradoiros das 3 R, cantos soltaron pombas da Paz, cantos encheron os ríos de crías de troita, cantos clasificaron o lixo, cantos leron manifestos á Nai Terra, cantos axudaron nas hortas ou xardíns escolares, cantos foron a campamentos, granxas-escola ou parques temáticos da natureza, cantos …
Podería quedarme coa idea de que o home é un ser destrutivo por natureza, pero antes de aceptar a nulidade da acción educativa, prefiro pensar en que algo estamos a facer mal.
Podo pensar en que cargamos tanto as tintas no visceral, no efemerizante, no non real, que todo quedou nunha ficción. Falamos da natureza fóra da natureza, sen a natureza nin para natureza. Houbo moita abstracción, moita simbolización, moita representación, moita simulación e pouca vivencia real.
Tamén poida ser que estes nenos e mozos sexan fillos de xente activista coma nós, que nos comprometemos a golpe de click de rato (clicktancia ou miclicktancia) opoñendonos á deforestación dun illote perdido no medio do Pacífico ou á extinción da tartaruga raiada, e sen embargo, atentamos varias e consecutivas veces ao longo do día contra o medio natural máis inmediato, a nosa contorna.