A nosa achega á educación infantil

Lodoselo. Cousas pequenas de xente pequena en vilas pequenas (III)

In InformArte on 05/06/2014 at 06:00

 

Desde que coñecemos persoalmente a Antonio Rodríguez Corbal tiñamos ganas de falar del. O noso encontro tivo lugar en febreiro nas Xornadas Educabarrié celebradas en Vigo, daquela puidemos poñerlle cara a unha desas persoas que nos sigue desde o Facebook e que nos tiña mandado saúdos por coñecidos comúns. Sabíamos de Toño de Lodoselo, tíñannos falado da súa labor en Preescolar na Casa, pero descoñecíamos como era Toño e que era Lodoselo. Temos que dicir del que nada máis velo xa se percibe que é desas persoas que emanan humanidade e bondade, pero desde que o escoitamos na súa presentación do proxecto do Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) O Viso quedamos matinando en moito do que alí dixo e con moitas ganas de visitalo.
Lodoselo en Sarreaus (Ourense) é o corazón, corpo e espírito das actuacións do CDR O Viso, que ten como empeño “mudar o medio rural visitable nun medio rural HABITABLE”. Esta iniciativa ten como misión acompañar á xente do medio rural limiá en procesos de desenvolvemento que lle supoñan unha medra a todas as persoas. Pretenden ser un referente da utopía realizable no medio rural galego a través dunha estratexia de desenvolvemento integral dirixida á poboación rural máis vulnerable da comarca da Limia, a través de accións globais de carácter social, educativas, económicas, de formación, de emprego para que a nosa comunidade permaneza no seu medio, en mellores condicións e cunha maior calidade de vida.”

Lodoselo é, tamén, un pobo escola, onde o alumnado visitante se integra nas actividades cotiás que desenvolven os seus habitantes, xa que logo, estes non poden interromper as súas tarefas agrícolas, gandeiras, de servizos, e/ou domésticas.  Isto non é a visita a un “parque temático”, a un museo etnográfico ou a un centro de interpretación do mundo rural, é a vida real dunha aldea, cuxos habitantes se esforzan por pór en valor o traballo común como base do desenvolvemento, abríndose ao futuro pero sen perder o respecto ao pasado. Pódense ver imaxes das visitas realizadas por escolares no blog do CDR O Viso.

Lodoselo, ducias de iniciativas similares non divulgadas, centos de experiencias escolares descoñecidas, e milleiros de persoas anónimas (case sempre hai mestres polo medio), fan que a sociedade mellore traballando altruístamente desde a base, sen esperar a que se resolvan os problemas desde arriba, senón arrimando o ombreiro coma sempre se fixo na aldea ou nas comunidades pequenas. Sen postureos, sen buscar máis nada que a medra do grupo humano no que comparten a meirande parte das horas das súas vidas. Tal e como dicía Toño nunha entrevista para o xornal El País: “aínda que non temos a solución a todos os problemas nas nosas mans, temos as nosas mans para solucionar problemas”
Adoitan repetir en Lodoselo que “O que é necesario é posible”, e non nos parece mal lema para afrontar os actuais desafíos da sociedade.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: