A nosa achega á educación infantil

Cousas pequenas de xente pequena en vilas pequenas

In InformArte on 27/05/2014 at 06:01

Cada vez estamos máis convencidas de que estamos a vivir un cambio de época, de maneira de entender a vida en sociedade, e de formas de compromiso social. Se ata fai pouco tempo esperábamos a que a cousas cambiaran de arriba para baixo por mor de propostas institucionais ou gobernamentais, arestora sabemos que o único que pode dar resposta precisa ás nosas necesidades son as nosas propias accións individuais ou sumando forzas en iniciativas colectivas. Hai que recoñecer que somos moitos/as e non hai quen faga todo ao gusto de todos, emporiso, valoramos a cantidade de iniciativas de base que están a xurdir por todas partes e das que temos coñecemento grazas, fundamentalmente, ás redes sociais.

Nós temos especial debilidade por este tipo de “cousas pequenas de xente pequena en vilas pequenas”, emporiso queremos abrir unha nova sección no blog no que se recollan estas actuacións. Sabemos dunhas poucas, pero queremos aproveitar o coñecemento de todas as persoas que nos seguen, para descubrir moitas máis. Sería unha honra para nós salientalas en InnovArte, así que pedimos a vosa colaboración.

En case todas esas iniciativas hai persoas relacionadas coa educación, os/as docentes sempre desempeñamos unha labor -nunca suficientemente recoñecida- de dinamizadores sociais, e esa sensibilidade para coa mellora da cidadanía nótase de lonxe nos obxectivos das súas accións. É marabilloso saber de compañeiros/as que colaboran na medra de colectivos desfavorecidos ou de zonas deprimidas, na defensa do patrimonio natural, no coñecemento das tradicións, na recuperación da sabedoría popular, na actualización de tradicións, etc. Xente que se entrega con paixón convencida de que a súa pequena achega aporta un gran de area á mellora do mundo no que vive.

Así, daremos cabida a todo aquilo que directa ou indirectamente axude á construción dunha cidadanía máis formada, máis comprometida e máis orgullosa dos seus elementos de identidade que os fan singulares e diferentes, ao tempo que máis achegados ao sentir doutras moitas persoas.

Dixo Eduardo Galeano que moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas poden cambiar o mundo, por iso, axudádenos a coñecelos e a difundir o seu labor.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: