A nosa achega á educación infantil

Implicacións do currículo de Primaria en Infantil

In LexislArte on 23/05/2014 at 06:37

movimiento-del-agua_1848155233

 Lemos o Proxecto de Decreto polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia e debemos confesar que, inicialmente, fomos a tiro fixo ao punto de “conflito histórico” entre o profesorado de educación infantil e o de primaria: a lectura e a escrita.
Esta é unha liorta que comeza desde o mesmo momento no que se establece a educación preescolar e chega ata os nosos días, de modo que cada vez que entra unha nova promoción en educación primaria, sempre hai protestas por parte do profesorado porque os nenos/as non saben ler e escribir. Isto acaba repercutindo en que as familias “esixen” que se lles ensine a ler e escribir en infantil para evitar que o neno/a se vexa en desvantaxe á súa chegada a primaria. Nin as mestras de infantil concordamos nese punto, pero, polo de agora amparabámonos en tres argumentos:
1º A educación infantil é unha etapa voluntaria, non obrigatoria, emporiso, ninguén pode presupoñer que se adquira a lectura e a escrita de forma obrigatoria, xa que iso suporía unha diferenza para os nenos cuxas familias, no exercicio do seu dereito a elixir, deciden non escolarizalos.
2º A educación infantil é unha etapa con identidade propia e non con carácter propedéutico, nin preparatorio nin subsidiario da educación primaria.
3º No recollido no Decreto 130/2007, de 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, e que dicía así:
Área de Lingua galega e Literatura (pax. 107)
É na etapa de educación primaria cando, ademais da progresiva consolidación e perfeccionamento da lingua oral, se produce unha aprendizaxe máis sistemática da lingua escrita.”
“Bloque 2. Ler e escribir. Nesta etapa consolidarase o dominio de técnicas gráficas, a relación son-grafía, as normas ortográficas convencionais e a disposición do texto.”
Isto aparecía con igual redacción para Área de Lingua castelá e Literatura (pax.133)

Ben, pois agora no novo Proxecto de Decreto eses parágrafos, nos que se determina que a lectura e a escrita é obxecto de adquisición e consolidación na educación primaria, desapareceron, e queda como segue:

Área de lingua castelá.
“Os Bloques 2 e 3 Comunicación escrita: ler e escribir deben fomentar o achegamento, en contextos persoais, académicos e sociais á comprensión e produción de textos de diferente tipoloxía, atendendo tanto a forma da mensaxe (descritivos, narrativos, dialogados, expositivos e argumentativos) como a intención comunicativa (informativos, literarios, prescritivos e persuasivos).” (pax.138)
“Pola súa parte, o bloque sobre a escritura pretende a aprendizaxe desta como un procedemento estruturado en tres fases: planificación do escrito, redacción, e revisión de borradores antes de producir o texto definitivo. Así, a ensinanza da escrita non se debe centrar no produto final, elaborado de forma individual ou en grupo, senón en todo ao proceso de escritura.”(pax.139)
“Así pois, o profesorado implicado no proceso de ensino-aprendizaxe da Lingua castelá e literatura e de Lingua galega e literatura, en cada curso da educación primaria, deberá organizar o seu labor para evitar a repetición de contidos naqueles aspectos comúns á aprendizaxe de calquera lingua, como son as estratexias de lectura, ou o proceso de escritura, a tipoloxía textual ou a definición de termos lingüísticos.” (pax. 140)
Área de Lingua galega e Literatura
O bloque 2, Comunicación escrita: ler, recolle diversos aspectos da comprensión escrita. A lectura implicará dominar a decodificación do texto e achegarse a unha progresiva regulación de estratexias que permiten operar co significado do texto,establecendo relacións entre coñecementos previos e información nova. O alumnado debe ser quen de entender textos de diferente complexidade e xénero e extraer as ideas explícitas e implícitas no texto co fin de elaborar o seu propio pensamento crítico e creativo. Comprender un texto implica poñer en marcha unha serie de estratexias de lectura que deben practicarse na aula e proxectarse a todas as esferas da vida e a calquera tipo de lectura: ler para obter información, ler para aprender a propia lingua, ler por pracer.”(pax 623)
“O bloque 3, Comunicación escrita: escribir, potencia o uso persoal, autónomo e creativo da lingua escrita. Este uso da lingua implica o coñecemento das posibilidades que ofrece o código desde o punto de vista do léxico, da ortografía, da estrutura do discurso e da dimensión estética. A produción escrita significará buscar para cada situación o tipo de texto, adecuando, planificando e redactando, atendendo a aspectos diversos e revisando a escrita final. Nesta etapa consolidaranse o dominio de técnicas gráficas, a relación son-grafía, as normas ortográficas convencionais e a disposición do texto. O ensino do proceso de escritura pretende conseguir que o alumnado tome conciencia deste proceso como un procedemento estruturado en tres partes: planificación, redacción a partir de borradores e redacción e revisión do texto definitivo.”(pax. 623)

Supoñemos que esta redacción tan xeral ten que ver con que se dirixe a toda a etapa de educación primaria, cando no Decreto 130/2007, figuraba no apartado do primeiro ciclo.

Por outra banda, o Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia, é claro nese sentido:
“No segundo ciclo de educación infantil preténdese así mesmo que o alumnado descubra e explore os usos da lectura e a escritura, espertando e afianzando o seu interese por elas.
A apropiación da linguaxe, nas súas formas oral e escrita, dependerá da amplitude, variedade e calidade das experiencias comunicativas que os nenos e nenas teñan.”

Sempre nos pareceu insólito que no artigo 17 da LOE dedicado aos obxectivos da educación primaria non houbera nin unha soa mención á lingua escrita, algo que tampouco foi modificado pola LOMCE, cando sen embargo aparece entre os Principios da EP en ambas as dúas, no apartado 2 do artigo 16:

«A finalidade da Educación Primaria é a de facilitarlle aos alumnos e alumnas as aprendizaxes da expresión e comprensión oral, a lectura, a escritura, o cálculo, a adquisición de nocións básicas da cultura, e o hábito de convivencia así como os de estudo e traballo, o sentido artístico, a creatividade e a afectividade, coa  fin de garantir unha formación integral que contribúa ao pleno desenvolvemento da personalidade dos alumnos e alumnas e de prepararlos para cursar con aproveitamento a Educación Secundaria Obrigatoria.» (LOMCE)

Emporiso, obxectivamente, consideramos que se debería afinar a redacción do devandito apartado no proxecto de decreto evitando ambigüidades porque, pola contra, deixaría un baleiro xa que non aclara cando nin con quen deprenderán os nenos/as a ler e a escribir. E certamente, cremos que unha norma da envergadura dun currículo do ensino primario obrigatorio non debe inducir a confusións, máxime sendo coñecedores de que estas existen.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: