A nosa achega á educación infantil

Falando claro coas familias

In FamiliarizArte,RebelArte on 21/05/2014 at 06:39

Yelmo veneciano

Hai días nos que dá a impresión de que a educación se converteu nunha profesión de risco, nos que unha non sabe ben como manter a compostura perante o que está a ver e escoitar. En toda a literatura pedagóxica actual se fala da importancia da relación coas familias, pero hai veces nas que dan ganas de levantar unha barreira, poñer un casco e evitar todo contacto. Sei que isto lle fará rachar a vestiduras a máis dun ou dunha (especialmente aos teóricos da educación e aos que non están a pé de obra). Sei que cando arrefríe volverei a crer nos beneficios desa fluidez no trato. Pero tamén sei que hai que dicir que non sempre é fácil e que temos que esforzarnos moito, moitísimo, por manter unha mirada bondadosa.
O noso oficio ten unha cara moi bonita -a que se vende e vendemos-, pero tamén un lado non tan bonito, que sempre prefire ocultarse evitando que saia na foto. Esa parte é a que só aflora nas reunións con compañeiros de confianza que poden entender a nosa frustración, xa que logo, ao resto da sociedade lle puideran parecer queixumes esaxerados de quen non ten outras preocupacións.
Cada familia é un mundo cunhas expectativas e cunhas esixencias distintas sobre o que espera da escola e dos mestres. E aquí é cando digo que isto non é coma un negocio no que o cliente sempre ten a razón. Non, as familias non teñen sempre a razón, e a nosa obriga é manifestárllelo se iso sabemos afectará á educación dos seus fillos/as. E aí é onde pode xurdir o conflito. Pódense tomar dúas opcións: pasar e pensar que o problema é deles (esta é a menos arriscada), ou manifestar a nosa opinión contraria (esta é a máis arriscada), expoñéndonos a protestas perante os nosos órganos superiores. E aquí é onde un/unha se define; onde nola xogamos pola profesión e polo compromiso coa educación das novas xeracións.
Non coñezo ningunha publicación, informe ou investigación que verse sobre a dificultade da relación coas familias. Hai milleiros sobre iniciativas fantásticas e as bondades da colaboración, pero ocúltanse baixo a alfombra esas pedras no zapato coas que todos/as nos sentimos molestos ou nos danamos nalgunha ocasión. Pois miren, nin todo é branco nin todo é negro. Nin todos os pais veñen á escola con actitude prepotente nin todos son potenciais fontes de aprendizaxe. Hai algúns que cando temos titoría con eles xa sabemos que sairemos de mal humor non chegando a un entendemento intelixente polo ben dos nenos. Problema de química? Non. Desaxuste entre as súas demandas e a oferta da escola. Concepcións erróneas do servizo que prestamos.
Nesta nosa sociedade actual perverteuse ata tal punto a función da escola que isto dá lugar a que se lle pida o que non está nas mans nin nas competencias dos docentes. Apunto algunhas posibilidades e vostedes dirán:
-é a nosa obriga saber sobre as condicións particulares de cada convenio regulador das responsabilidades dos proxenitores en caso de separación da parella, poñendo especial coidado en que ningún deles se sinta desprazado/molesto/importunado?
-temos a obriga de rebater as opinións de todos os pseudoexpertos que aconsellan aos pais/nais dando diagnósticos de hiperactividade, altas capacidades, síndromes varios, como xustificación á manifesta falta de normas/orden/serenidade dos nenos/as, cando nós somos  conscientes de que iso ten unha orixe que os pais non queren admitir?
-que facemos cando os pais/nais nos reprochan que os seus fillos/as se contaxian de piollos na escola, esixíndonos algunha actuación contundente para impedilo?
-é a nosa obriga manter unha postura ecuánime cando sabemos que un pai e unha nai colocan ao fillo/a no centro das súas tirapuxas?
Son tan só catro exemplos, das ducias deles que poderíamos apuntar, perante os cales non podemos ser imparciais, neutrais ou ser meros observadores. Mostras de casos nos que nos vemos abocados a posicionarnos levándolle a contra á familia.
Que ninguén me veña agora con discursos sobre a asertividade, a empatía ou sobre habilidades sociais e comunicativas. Non os quero escoitar, porque son das que penso que ás veces hai que dicir as cousas sen panos quentes e sen anestesia, xa que isto pode atordar e facer confusa a mensaxe. Hai ocasións nas que é preciso chamar ás cousas polo seu nome, claro, firme e con todas as letras. Custe o que custe.

Advertisements
  1. Non vou xustificar o inxustificable, está clariño o que dicides, nin toda a xente está polo labor de contribuír, nin tampouco toda a xente é de “non”. Eu ultimamente constato que hai moita “delegación” pensando que teñen toda a razón do mundo, e por riba con esixencias.
    O trato familia-escola é evidente que está deteriorado nas vilas e nas cidades (creo que todo está explicadiño en (e por) entradas en que falades das unitarias e do seu xeito de enfocar a educación na escola.
    Os mestres e mestras da miña época falaban acotío cos nosos pais, nais, tíos e avós. Educaran a varias xeracións e membros da casa e pódese dicir que eran un máis do barrio. Eran accesibles totalmente e coñecíannos e coñeciámolos. Eran colaboradores na nosa formación “para andar pola vida”, en moitos aspectos (será por iso que nos acordamos aínda hoxe dos seus nomes, apelidos, fillos, onde vivían, os seus retrousos e manías…).
    A partir dunha enquisa e dun par de titorías a información familiar que podedes ter é ridícula, probablemente falsa e falseada e totalmente subxectiva.
    A impresión que podemos ter de vós é dunha casuística inimaxinable (os que teñan a sorte de teren fillos falangueiros, ou un blogue de aula, ou que sei eu) terán unha idea do que fan e do que deixan de facer. Os que temos fillos fantasiosos e que contan o primeiro que lles vén á cabeza, temos máis complicado saber obxectivamente por onde andan.
    Practicamente, case non coñecemos nada (e en moitos casos non por gusto).
    Os tempos son os que son, as escolas son concibidas e proxectadas como “gardanenos-o-máximo-tempo-posible”, os pais e nais vense na obriga de delegar, delegar e delegar ata o infinito… ¿como non se van dar enfrontamentos, malos entendidos ou choque de intereses?
    O máis triste é que non haxa vontade de cambiar a situación. Que cada vez se esixa máis traballo administrativo ao docente, se lle cargue de máis responsabilidades que non dá asumido por máis que queira, que se masifiquen as aulas, que se esixa cumprir items no canto de deixar fluír.
    E polo que respecta aos pais e nais, que o plan de acollemento (xa nin se fala de integración) coas familias sexa un bonito pdf na páxina da consellaría e unha enquisa para o docente, as titorías unha vez á semana e facendo malabares para poder pedir esas horas no traballo, que non exista en absoluto iso que se chama conciliación, que os muros que rodean a escola sexan muros reais que non se poden traspasar a non ser que te conviden formalmente, e moitas outras cousas ás que te vas afacendo, sen que acaben de gustarche.
    Eu creo que falta comunicación, e iso, coma en calquera outra relación, leva a momentos coma os que describes. Pais e nais tamén acabamos desafogando con xente próxima.
    Oxalá se puidesen ir cambiando estas cousas, que nos fixesen a todos e a todas un pouco máis felices. Oxalá.

    • Levas razón ti tamén Luz, pero como moi ben apuntas non estamos a falar dos pais/nais que teñen ganas de ser corresponsables coa escola na educación dos seus fillos/as. O enfado de onte provén da frustración que nos xenera ver que o neno/a é unha arma arroxadiza, que se pode deixar en calquera recuncho. Falamos de cousas moi tristes que por sorte teñen que quedar para nós, o deber de confidencialidade profesional e de respecto á intimidade do neno/a nolo impide. Por iso, e coma que bota un berro para desafogar escribimos isto.
      Tamén o fixemos para que as persoas que nos siguen (moitas novas en período ou proceso de formación), non pensen que nós non temos problemas. Isto pode parecer algo baladí, pero non é así. As persoas que nos mostramos en público, adoitamos ensinar o mellor do que facemos, e quen nos escoita pode ternos coma referentes, de modo que mesmo lle pode ser un exemplo frustrante cando eles se atopan con problemas. Todos e todas temos días malos, todos/as facemos cousas ben e outras non tan ben, todas/as temos días atinados e outros desatinados. E agora nós, cremos que temos tamén unha obriga para quen nos sigue de dicirlle que todos acertamos ou non, e de cando non somos quen de cambiar as cousas malia que teñamos toda a razón do mundo.
      Poderíamos gardarnos isto para nós, pero contámolo porque somos coma todo o mundo.

  2. Moitas gracias por compartir un “día a día” tan real. A verdade é que con este artigo me sentín identificada en varias situacións vividas nalgún momento da miña profesión. Simplemente o contalo, fai que un se sinta “escoitado”, entendido e arroupado. Pola contra, ás veces, este tipo de situacións soen “perder” cando as contamos respecto á situación da que parten. En calquera caso, penso que tanto familias como alumn@s son fundamentais no proceso educativo, sen embargo os esforzos das mestras e mestres penso deben centrarse nos alumnos que temos, e que iso coa ratio das aulas require duns esforzos que xa moitos coñecemos. Non quere dicir que non se coide a información e relación coas familias, pero tamén penso que esa necesidade de querer sabelo todo en todo momento, non é de todo “sá”, xa que nenas e nenos, mestras e mestres, temos dereito a vivir dentro do cole e gardar no corazón e na alma as cousas que facemos sen ter que contalo todo.

    • Magnífica achega Bea. Moitas grazas polo que nos aportas, temos a seguridade de que recordaremos en máis dunha ocasión o que aquí dis. Quedámonos co de “gardar no corazón e na alma as cousas que facemos sen ter que contalo todo.” Totalmente de acordo, de igual xeito que tratamos de non entrar na intimidade e privacidade das familias. Grazas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: