Chegado este tempo, sempre aproveitamos para “traballar co nariz”. Non é que o resto do ano nos esquezamos deste sentido pero, neste momento, a vida cotiá proporciónanos moitas ocasións: ramos de flores cos que nos agasallan, froitas máis variadas para o petisco de media mañá, o remexer na terra ou o recendo de cando cortan a herba nos xardíns veciños.
Así, cada día, cando nos chegan con flores variadas, aproveitamos para describir as sensacións olfactivas que nos producen. Pero reparamos en que sempre empregábamos as mesmas categorías, descritores e atopábamos as mesmas semellanzas. Finalmente reduciámolo a agradable/desagradable, moi intenso/pouco intenso, polo decidimos dedicarlle un pouco máis de atención pois consideramos que se poden tirar grandes aprendizaxes sen recorrer a situacións ficticias ou artificiais.
Ulindo
![]() |
Narices |
Para nós, foi fundamental distinguir entre cheiro, recendo e olor, xa que logo hai moita confusión canto ao uso deses termos. Ulir, recender, abafar, alcatrear, apestar, feder, cheirón, cheirento, aroma, esencia, fragrancia, olor, perfume, recendo, peste, tufo, cheirento, pestilencia, aromático, oloroso, recendente…, son algúns dos relacionados co sentido do olfacto.
Logo buscamos clasificacións e tipoloxías de olores, por suposto de modo moi diferenciado e simplificado para idade do noso alumnado: especiados, florais, afroitados, resinosos, queimados, pútridos/pestilentes, doces, picantes. Aquí descubrimos que hai moitas relacións entre sabores e olores.
Cores
![]() |
Olores, cores, sabores |
Deseguido fomos levando á clase algún exemplo desas categorías. Mesmo chegamos a aventurar a hipótese de que a cor tivese algo que ver coa cor. Algo que logo descartamos. Chocolate, café, torradas queimadas, pan tostado, terra, follas secas, marmelo, azucre, pemento, especias, piñas e ramas de pino, froitas, laranxas, limóns, bergamotas, rosas, margaritas, peonias, xeranios, fiúncho, menta, menta chocolate, romeu, ruda, lavanda, follas verdes, iogur, queixo azul, auga sucia, auga limpa, reproducións de froitas, verduras e bolos de plástico, papel, libros, gomas, acetona, perfume, alcohol …, foron ulidas individualmente, por grupos, por contraste e adiviñando.
Contrastes
![]() |
Contrastes olores |
Un exercicio que nos permite dar un paso máis na identificación e verbalización das sensacións que perciben cada día froito dos milleiros de estímulos aos que están expostos.
Fixemos moitas observacións pero, para nós, unha das máis salientables foi a constatación da influencia cultural na maneira na que se reciben os olores. Así, cando lles achegamos as especias o nariz, todos se retiraban dicindo que lles desagradaba, agás cando llelo puxemos a unha nena marroquí, nese momento iluminóuselle a faciana, logo dixo que lle gustaba moito porque lle ulía á comida da súa nai
En cursos pasados levamos a cabo AromatizArte, ao que se pode acceder deste estas ligazóns.
AromatizArte II: auga de rosas
AromatizArte III: espantainsectos