Adoitamos dicir que hai que ser moi prudentes coas valoracións das intervencións escolares realizadas por outros compañeiros/as, xa que logo cando lemos o traballo alleo, decote non dispoñemos de información de como xorde, en que contexto, con que rapaces, e que previos hai, e as veces os resumos ou redaccións das devanditas accións non atinan a explicar o que pretenden. Dito isto, pódese entender que somos respectuosas coas realizacións dos outros. Cousa distinta é cando iso se converte nunha exemplificación e se distribúe a todos os centros educativos. Aquí hai que valorar algo máis ca boa intención.
Neste caso estamos a falar do caderno de actividades remitido aos centros para a celebración do Día das Letras Galegas, a festa máis grande da nosa lingua. E máis concretamente do que nos afecta, as actividades para educación infantil, que semellantes aos dos pasados anos son do estilo de “le e colorea”, “recorta pola liña de puntos; pega no cadro da páxina seguinte a fotografía de Xosé María Díaz Castro; pinta as letras de colores distintas; escribe o nome e os apelidos debaixo da foto”.
É igual quen fixo isto, quen o aprobou ou quen o difundiu, pero, ao noso entender, pouco ou nada aportan ao fomento da lingua e da cultura galega en infantil. Somos así, pero deben saber que non todo o que “se fai pola lingua galega” leva patente de corso didáctica. O único que nos tranquiliza é que, polo xeral, quen bota man destas actividades son aqueles que só “celebran” a lingua galega nese día.
Para quen queira ler, velaquí as nosas reflexións dos anos 2013, 2012, 2011 e 2010.
Día das Letras Galegas? (2010)
As Letras Galegas en infantil (2011)
Eu vou de galego, e ti? (2012)
Poemas galegos no Kartonlibro (2012)
“Palabras de mel” na escola (2012)
A tradución á lingua galega: a visita dun tradutor. (2013)
Lingua de regalicia (2013)
Ou todo canto temos publicado baixo a lapela “lingua galega”.
Tras isto, e vendo o que nos ofertan non temos nada que engadir. Ou ben non nos entenden ou ben non entendemos nós en que consiste a celebración co gallo de homenaxear aos que tanto fixeron pola nosa lingua e pola nosa cultura.
Non hai nada como repensar, reflexionar, ser autocrítico… Para todos/as. Un bico, Natalia
2014-05-12 16:38 GMT+02:00 “InnovArte Educación Infantil” :
> Ángeles Abelleira e Isabel Abelleira posted: ” Adoitamos dicir que hai > que ser moi prudentes coas valoracións das intervencións escolares > realizadas por outros compañeiros/as, xa que logo cando lemos o traballo > alleo, decote non dispoñemos de información de cómo xorde, en que contexto, > con que rap”
Completamente dacordo.