A nosa achega á educación infantil

O tamaño das escolas infantís

In RebelArte on 07/05/2014 at 06:48

“Happy children”, Paul Barthel, tomado de Children in art history

Hoxe recibimos a visita dunha compañeira que estivo con nós varios anos como provisional no centro. Neste curso déronlle a definitiva nunha unitaria da zona. Cando se foi laiábase porque estaba afeita a esta escola, gustáballe o ambiente e non coñecía outra cousa. Ao incorporarse ao seu novo destino botábanos de menos. Agora xa non é así. Atopámola feliz, falábanos do cambio, de estar nun centro con 325 nenos/as a un con 11; de estar condicionada polos horarios que temos que seguir aquí por manter unha organización operativa a deixarse levar polo tempo dos nenos; das problemáticas sociais das familias á a serenidade que se respira nunha unitaria de aldea; da desasistencia na que viven algúns dos nenos de aquí á integración na vida familiar cotiá dos seus actuais alumnos. Falounos da noite e do día. Mesmo sentimos unha envexa profesional pola súa actual situación. Pensamos que agora ten unha vivencia axustada do que se idealiza que é ser mestra de infantil. Alegrámonos por ela. Algunha vez na vida profesional hai que ter esa percepción da escola e da profesión.

Sempre digo que para resistir en ambientes coma o noso hai que estar moi afeito. Non é doado de aturar. Mesmo se perde a noción da normalidade. As que aquí estamos, polo xeral, pasamos todas con anterioridade por escolas máis pequenas e de máis doado desempeño. Iso creo que é o que nos axuda, botando man da veteranía fronte a todo o que día a día nos supera por descoñecido, e de cando en vez recordar con nostalxia o que é unha escola infantil “das de libro” desas coas que soñabamos cando estudábamos para ser mestras.

Con todo e desde a nosa experiencia, rogámoslle aos responsables educativos que non constrúan macrocentros. Non se enganen, poden ser fantásticos no seu deseño arquitectónico, ser todo o funcionais que queiran, estar dotados cos últimos avances, cumprir todos os requirimentos de seguridade, pero non deixan de ser almacéns de nenos/as. Certo é que non só é culpa da administración educativa; as familias tamén teñen a súa responsabilidade, pois moitas prefiren levar os fillos a macrocentros onde “gozan” de todo tipo de servizos con horarios de apertura de 12 ou 14 horas todos os días do ano agás as fins de semana. Niso e nas actividades que se ofertan parece estribar, para eles, a calidade dun centro, o que conduce a que se pechen unitarias pola falta de matrícula.

Están todos enganados. A calidade da escola infantil mídese pola serenidade da súa vida diaria. E un centro que pasa de 6 unidades xa require dunha organización de tempos, de espazos e de persoal que fai perder a esencia de escola infantil na que nenos e nenas poden vivir unha infancia tranquila, plena e satisfactoria.

Nota: para quen se pregunte por que non pedimos o traslado unha das respostas pode ser que nos supón un reto profesional conciliar as nosas concepcións na situación actual, resistíndonos a deixarnos levar polas inercias ás que nos conduce a masificación de alumnado e de unidades.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: