A nosa achega á educación infantil

O traballo visto polos nenos e nenas

In InformArte on 01/05/2014 at 09:19

Con motivo do festivo de hoxe, onte conversei co meu alumnado sobre a celebración do Día internacional do traballador/a. Como non podía ser doutro xeito levámolo ao terreo do traballo que desenvolven os seus pais e nais e no que lles gustaría traballar a eles de maiores. Sen dramas e sen esaxeracións houbo tres cousas que chamaron a miña atención, non por novidosas pero si por reiterativas:
1ª Coma sempre seguen sen considerar o traballo que desenvolven nos fogares, xeralmente, as nais, mesmo cando os pais están no paro.
2ª Preguntados polas súas arelas de futuro, máis ca nunca notei as diferenzas de xénero: de 14 nenos, 12 queren ser policías, 1 médico e 1 veterinario; de 11 nenas, 10 bailarinas, 1 veterinaria. Ben sei que as respostas poden estar condicionadas polo que dixo a primeira, ben sei que isto non ten nada que ver co que será no futuro, ben sei que son moi pequenos, pero é o que dixeron. Mesmo forcei a situación insistindo en se non había ningunha nena que quixera ser policía ou neno bailarín, o que provocou a súa hilaridade.
3ª Só entenden o traballo como fonte de ingresos, como a maneira de obter cartos para dedicalos ás necesidades básicas e aos caprichos.
Volvín para a casa pensando que algo estamos a facer mal. Certo que só teñen 4 ou 5 anos pero son intelixentes, poida que lle falte vocabulario e recursos para expresarse adecuadamente, pero verbalizan aquilo que pensan e que viven nos seus contextos persoais. En verdade, a meirande parte do noso alumnado pertence a familias en situación de precariedade, e os seus referentes adultos de seguro que non realizan os traballos que desexan, senón aqueles nos que os contratan con horarios que non lles permiten gozar da paternidade/maternidade, e iso os nenos/as percíbeno. Razón para que debamos insistir máis en que o traballo é unha realización persoal.
Poida que eses sexan os condicionantes desas respostas, pero non me tranquiliza porque, na clase de miña irmá, cun contexto totalmente diferente -case oposto-, as contestacións con respecto a eses tres aspectos foron as mesmas.
A Fundación Adecco leva varios anos realizando o informe ¿Qué quieres ser de mayor?, para o que entrevista a milleiros de nenos/as e mozos/as de entre 4 e 16 anos de todo o Estado, preguntándolle polas súas aspiracións profesionais de futuro, polas claves da felicidade no traballo, polos xefes ideais, etc. No IX informe, presentado en agosto de 2013, dise que os máis pequenos son os máis conscientes (55,8%) de que as nais desenvolven as tarefas domésticas, (isto non quere dicir que o consideren traballo). No estudo do pasado ano, tamén realizado en Galicia, os nenos/as galegos propuxeron como xefes ideais a Cristiano Ronaldo e a Shakira, e as súas profesións futuras neste orde por sexo:
-nenos: futbolista, policía, astronauta;
-nenas: profesora, perruqueira, actriz.
Cremos que hai conquistas que nós damos por consolidadas e sen embargo non é así, emporiso hai que insistir nelas na clase. Traballamos os oficios e profesións –mesmo aquelas máis exóticas ou estrañas-, falamos das achegas de homes e mulleres senlleiros, empregamos unha linguaxe non sexista, sen embargo non imos ao fondo, ao básico nestas idades. Unha vez máis, constatamos que, ás veces, ascendemos tanto que non pisamos a terra e a realidade.

Fotografía de Sam Falk, 1958.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: