Ao longo destas vacacións e previo aos días fortes, aproveitamos para facer unha viaxe curta, desas case domésticas. Queríamos desconectar, deixar atrás esta larga invernía, cargar as pilas de cara ao tramo final de curso, e mesmo ter tempo para partillar e estar xuntas.
Pactáramos en silencio o non falar da escola nin da educación. Isto, sábeno todos/as os que se dedican á docencia, é case un imposible. Pero nós levábamos plans dabondo como para non deixarlle un oco de entrada ao tema. Ata evitamos mirar cara os colexios cando chegábamos a unha poboación. Non o conseguimos, porque para que xurda a cuestión educativa abonda con observar os comportamentos, relacións e maneiras de estar de nenos, nenas, mozos, mozas e persoas adultas. Ao igual ca nós, centos de pais e nais elixiron esa zona para viaxar acompañados de fillos e fillas. Así vimos pais con nenos, nenos acompañados de pais, nenos arrastrados polos pais, e pais lastrados polos nenos. Ao igual ca na vida diaria, ben se nota cando pais e fillos están acostumados a pasar tempo xuntos respectándose e cando non.
Acéptase comunmente que viaxar é enriquecedor. Todos e todas queremos amosarlle aos nosos fillos aqueles lugares que cremos poden abrir a súa mirada, ampliar a súa cultura e mostrarlle outras realidades. Moitas e moitos queremos que os nosos fillos/as teñan acceso a aquilo que nós só coñecemos xa de ben maiores. Adoitamos pensar que os cativos que poden viaxar son uns privilexiados.
Pois non. Non todos os nenos que viaxan nas vacacións son uns afortunados. Todo estriba no respecto que os pais/nais teñan polos cativos, polos seus intereses, polos seus gustos, polos seus tempos e polas súas características. Que os rapaces se poñen pesados a unha hora ou outra sábeo calquera. Que as veces hai que manter unha tensión continua con eles para facerlles interesarse por algo, tamén. Pero iso é unha cousa e outra ben distinta son algunhas das escenas que presenciamos en cada unha das paradas que fixemos, e que nos levaron a preguntarnos que é o que motivou esa viaxe, se os gustos dos pais ou o goce dos nenos. Berros, ameazas, castigos, reproches, acusacións e culpabilizacións, evidencian moito máis ca o cansazo dunha ruta.
A agresión verbal, a violencia dalgunha das expresións que escoitamos fixéronnos pensar no que é ser nenos afortunados ou desafortunados. Para estar así, ao mellor estaban máis a gusto na súa casa e no colexio.
O peor de todo é a evidencia constatada de que a meirande parte do colectivo que podemos permitirnos viaxar nesas datas prefestivas a eses lugares somos a xente que nos dedicamos á educación. Parece imperdoable e inxustificable que nós non saibamos que a mediación entre o coñecemento e os nenos/as é o afecto e o respecto.