A nosa achega á educación infantil

Como sobrevivir ao Entroido e non perecer no intento

In RebelArte on 21/02/2014 at 08:01

Máscara tres-veinte, Maruja Mallo (1979)

Pensamos que non teríamos máis nada que engadir ao xa dito sobre a elaboración de disfraces de Entroido na escolas nos anos 201020112012 e 2013 , pero ao parecer aínda nos queda algo. Isto vai camiño de ser un “clásico InnovArte”.

Escríbenos algunhas persoas para comentarnos que aínda concordando coas nosas reflexións do sensentido da entrada destes entretementos/afeccións/ocupacións na escola non tiñan forza ou valentía dabondo para negarse a facelo, entre outras razóns:

-Por ser provisionais ou substitutos no centro e dado o breve da súa permanencia deciden acatar o que alí se determina por maioría.

-Por non desmarcarse do que fan todas as compañeiras, xa que logo isto pode ser unha fonte de conflitos ou unha maneira de significarse, máxime se é ir en contra da postura do equipo directivo. A incidencia da presión dos grupos de poder nas decisións escolares é algo non suficientemente analizado.

-Por non sinalarse perante os pais e nais, expoñéndose á crítica de que “non é boa mestra” ou “es una floja”.

Porén, estas persoas -inmersas nas súas propias contradicións entre o que cre que debe facer e o que ten que acabar facendo-, sofren en silencio e, coma todas, rematan elaborando 25 disfraces do que toque ese ano.

Certamente, ser discordante non é cousa doada. Vívese mellor indo cara onde van todos. Téñense menos complicacións e atúranse menos críticas. É unha opción: ser coma todos.

Hai que ter moita seguridade nun mesmo para defender unha postura contraria á de todos e todas as compañeiras de traballo, sabendo que iso nos vai colocar no punto de mira de pais e nais, facendo que nos xulguen por esa negativa e non por todo a labor que desenvolvemos ao longo do curso cos seus fillos e fillas.

Talvez sería mellor ceder. Mesmo haberá quen se pregunte se hai tanta diferenza entre facer un disfraz ou algunha das intervencións artístico-plásticas que realizamos. Poderíase pasar o “maltrago” e deixalo correr…, total logo veñen detrás catro ou cinco días non lectivos que axudan a esquecer esta “traizón” aos nosos principios.  Poderíamos si só pensáramos en nós.

Pero si pensamos no noso compromiso profesional vémonos na obriga de volver a dicir NON!!!

NON porque facer 25 disfraces supón unha alteración do ritmo da aula que non compensa que os nenos/as estean quince días á vaicheboa. Logo queixámonos de que non hai quen os ature.

NON porque a nosa obriga profesional é a de atender educativamente aos pequenos poñendo en funcionamento os coñecementos adquiridos ao longo dos anos de carreira, de oposición e de formación permanente, atendéndoos a cada un segundo as súas necesidades, capacidades e situacións persoais, non téndoos entretidos para que a mestra faga de costureira para vestilos a todos iguais.

NON porque o noso deber é espertar neles o desexo de saber e de aprender, non o de esperar e estar calados mentres a mestra está atarefada facendo atrezzos.

Podería dicir outra ducia de NON pero por mor de non repetirme, remítovos ás razóns xa dadas nos anos pasados, agora ben, a postura é a mesma. NON, porque o que temos que mostrar é que o que facemos require da nosa preparación específica, xa que logo, como para facer disfraces, non vale calquera.

Iso é o que debemos amosarlle ás familias, deben comprender que que  unha mestra pase o tempo escolar facendo disfraces é unha malversación do seu potencial e da súa función para co alumnado.

E aos claustros debérase esixir rigorosidade no cumprimento das súas tarefas, pero isto só pode ser reivindicado desde dentro, coa voz dos propios docentes, pois só eles saben o que pasa nos previos a todas as foliadas. Se botamos contas groso modo dos días e horas dedicadas a romarías poida que comprendamos que logo haxa que impoñer deberes para a casa e que mandar os nenos a pasantías. Cando escoitamos falar do fracaso educativo sempre pensamos en que parte do mal está nas concepcións docentes sobre as funcións e responsabilidades da escola e dos seus traballadores. Isto hai que paralo, pero só podemos facelo nós; os pais non saben o que pasa dentro e atórdense coa vistosidade dun desfile; na Universidade viven no papanatismo de que detrás de cada disfraz hai un traballo por proxectos ou unha secuencia didáctica; nos medios de comunicación quedan pampos coas imaxes de centos de escolares uniformados; e a administración non podería meter man, imaxínense vostedes o que sucedería se alguén ousara dicir que se prohibe a realización de festexos, desfiles e festivais varios, alzaríanse as voces denunciando unha volta ao pasado máis escuro do noso país. Pero os docentes si sabemos ben o que pasa, máxime si lle afecta aos nosos fillos/as, daquela somos sumamente críticos coa perda de tempo escolar. Cando miramos máis alá “do noso” e vemos o que supoñen os disfraces nos centros, de inmediato lle quitaríamos a posibilidade de “educativo”.

Emporiso, cadaquén á súa conciencia profesional. Quen queira crer que o seu cometido é facer disfraces que o faga, quen queira dedicar o seu tempo aos trapos en troques de aos nenos que o faga, quen queira pensar que lle pagan o soldo por andar coa agulla, coas tesoiras e cos adobíos que o faga, agora ben, que saiban que non están a facer aquilo que se lles confiou e polo que se lles paga. E isto hai que dicilo así, con todas as letras e non disimulando detrás de motivos didácticos. O gran mal actual da escola é que se lle deu cabida a todo, porque seica todo é educativo, e agora resulta que fan dentro o que logo terían que facer fóra e viceversa.

Talvez dicir isto sexa moi duro, pero mentres non lle chamemos as cousas polo seu nome así nos irá.

Hai quen trata de explicar a miña postura en base a que non me gusta disfrazarme polo Entroido, equivócanse na xustificación, pois así, segundo eses argumentos  as afeccións, gustos persoais e tradicións tamén poderían determinar a entrada na escola de temas tan criticados nas redes como a caza, a política ou as ideas relixiosas.

Para rematar, e coa intención de contestarlle a aquelas persoas que nos escribiron, vostedes deciden se acatar, calar e facer o que fan todos ou se levantar a voz para preguntar para que se fai isto.  Sempre haberá quen diga que confundides o touciño coa velocidade, sempre haberá quen diga que é unha tradición e que a escola non pode estar ao marxe, sempre haberá quen vos diga que todos temos moito que rascar. Certo, por iso hai que empezar xa a rascar se ou non sei onde vamos acabar.

Recorden que estamos a falar de algo máis ca de disfraces e de desfiles.

Advertisements
  1. Encántame esta afirmación doutro dos post relacionados co entroido:
    -É para pechar un proxecto. NON, non nos enganemos, o traballo por proxectos é unha metodoloxía que partindo dos intereses dos nenos/as por algo que queren saber, toman como punto de partida o que saben e o que lles falta por saber, así van procurando información, clasificándoa, organizándoa, categorizándoa e asimilándoa. Pero nunca se sabe como vai rematar, porén, que tres meses antes xa se saiba de que van ir disfrazados non é un proxecto. É outra cousa.
    Pois agora coa LOMCE vai haber que pegarlle duro ao traballo por proxectos, ás competencias (desde a lexislación, quero dicir, por proxectos e competencias xa se leva traballando moito!!)… hummmm, seguro que a alguén se lle ha ocorrer algunha competencia “chuli-chuli” para avalar os festivais e as efemérides variadas :DDDDD
    Estou de acordo con vós. Oxalá os esforzos para cos nenos corresen cara a outros derroteiros, e non digo cales, porque cadaquén pensa nos seus.
    Eu si que adoro disfrazarme, pero onde toca e cando toca, claro. Conste que cada ano dáme máis repelús ver certas cousas: preadolescentes versionando profesións para ensinar cacha (enfermeiras, diaños, bombeiros, colexialas propias de cine de destape dos oitenta…), roles estereotipados para os nenos (nenas princesas-purpurina e moito adorno e nenos superheroes, loitadores e piratas…) e unha morea máis de desvaríos que che quitan as ganas.
    En realidade, no Nadal e no Entroido é cando máis gana me dá de que un trasno malvado veña clausurar as tendas todas do todo a cen… para que non animen tanto a nada!

  2. Cando o mellor acto de afirmación é dicir NON! Saúde irmás

  3. Parece que durante estas festividades (Nadal, Entroido…) esquecemos eses importantes valores que queremos transmitir (educación non sexista, educación ambiental, no ó consumismo…). Penso que nos falta reflexión sobre a nosa práctica educativa. Grazas de novo por contribuír a mellorar as nosas escolas, por darnos argumentos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: