Fai hoxe catro anos iniciamos a andaina de InnovArte e malia que o fixemos moi ilusionadas non podíamos daquela imaxinar o que isto supuxo para nós, tanto a nivel profesional coma persoal. En cada un dos aniversarios anteriores xa o temos dito, emporiso non queremos repetirnos, agora ben, terán que pasar anos para que coa distancia poidamos valorar todo o que nos aportou, nomeadamente a posibilidade de coñecer moitas persoas que confiadamente comparten con nós as súas inquedanzas profesionais, das que tanto aprendemos e que tanto nos axudan a reflexionar. Grazas a todas e a todos.
Coma desde o primeiro día, Spiral Jetty estará presente neste cuarto aniversario. A nosa imaxe de cabeceira, a metáfora coa que nos identificamos, esta intervención do Land Art feita en 1970 no Gran Lago Salado de Utah, para o que Robert Smithson tivo que remover toneladas de roca basáltica, areas e escombro, logrando unha perfecta comuñón entre a natureza e a arte. O Muelle espiral desde a súa creación, muda cada minuto, nunca é o mesmo só permanece o básico, a súa estrutura. O paso do tempo, as condicións meteorolóxicas, as circunstancias, van deixando estratos sobre estratos que modifican a súa visión, facendo que non sexa nunca igual.
Velaquí unha das últimas fotografías que se lle fixo, tomada fai dous días, o pasado 26 de xaneiro de 2014.
Así InnovArte xa non é o mesmo que cando comezamos. Ao inicio tiña un ton máis aséptico, máis formal, máis informativo, daquela, basicamente, queríamos compartir o que sabíamos. Logo, foi dando un xiro, gañando confianza, mostrando o que facíamos nas nosas aulas. Coma nunha relación, xa abríamos as portas da nosa casa. Pero non se pode estar catro anos amosando cousas novas todos os días, ademais, preocupábanos o como nos entendían, de modo que empezamos a contar e explicar o que víamos. Nós últimos tempos, sentíndonos comprendidas e acollidas entre amigos/as, falamos do que sentimos, das nosas inquedanzas, angustias, anhelos e desexos. Este proceso foi similar ao da consolidación dunha amizade entre persoas que empatizan e comparten sinerxías. Agora xa non nos vemos na obriga de falar cando non temos ganas. Pode haber períodos de silencio pero non son molestos. Falamos cando temos algo que dicir e cando non deixamos tempo para reflexionar e volver sobre o xa dito.
Pero estamos aquí, coma Spiral Jetty que ao longo dos seus 44 anos, aparece, desaparece, e reaparece cambiada; ao igual, InnovArte desaparecerá definitivamente cando remate o período da seca, cando as augas sexan abondosas e asolaguen toda a intervención, quedando para só para o recordo a través das reportaxes gráficas.
Polo de agora gústanos pensar que InnovArte áinda fai a súa achega á mellora da educación infantil; isto é o que nos motiva para seguir, para escribir ata cando estamos desganadas e para dedicarlle horas roubadas a outras parcelas da nosa vida persoal.
Grazas mil a todas as persoas que comparten amizade con InnovArte.
Grazas a vos pola tenacidade, pola riqueza de contidos, por axurdarnos a pensar, a dubidar, a cuestionar os nosos puntos de vista…
Benquerido Jesús, onte cando estaba redactando pasaron pola miña cabeza as iniciativas de xente coma vós que cre que hai que arrimar o hombreiro e facer o traballo desde abaixo coa colaboración altruista da sociedade de base sen esperar a que os cambios veñan desde arriba. Por suposto, nese balance Filosofía para nenos de Pontevedra foi dos primeiros grupos nos que pensei. Por iso estamos tan agradecidas de tervos coñecido a vós e a tantos outros. Grazas
Parabéns a Innovarte. Sempre é moi interesante lervos, achegades moito non só á comunidade educativa, senón tamén ás familias. Dá gusto atoparse reflectida en moitas opinións, e tamén tranquiliza saber que os nenos (eses aos que practicamente lles perdemos a pista desde as nove da mañá) están nas mans de persoas xuizosas, críticas e intelixentes. Aínda que pensedes que non, sodes unha ventaíña da escola para os fogares. Polas razóns que sexan -circunstanciais, administrativas, burocráticas, organizativas-, e que coñecedes sobradamente, a implicación familiar é practicamente testemuñal -se non chega a ser nula – (eu aínda non dou asumido o cativo contacto que teño co lugar e coas persoas que pasan case tempo coma min ao día coas miñas pequechas, e non sabedes o frustrante que é… ás veces amarrámonos ás coidadoras do bus coma se fosen o correo real!!!!). Así que calquera tipo de pista ou sinal de por onde está indo o derroteiro escolar agradécese infinitamente (inda que non sexades en ningún caso as docentes ás que me correspondería acudir, unha sempre fai a ficción de que pode ser que ese sexa o espírito xeneralizado -inda que despois moitas veces descubra que non, e chegue a un blog escolar onde se publicita a festa de fin de curso con taller de maquillaje y peluquería para niñas y exhibición deportiva para niños, además de inchables y chuches variadas (e non, non é ficción, é realidade e está a uns poucos quilómetros de nós)). En fin, que de todo hai no mundo. Así que parabéns sinceros polo traballo, pola páxina e por facernos partícipes do voso bo facer, das vosas ideas, experiencias, propostas…
Prezada e constante Luz, grazas polas túas palabras. Esperamos non defraudarte nunca. O noso agradecemento polas túas palabras cheas de respecto cara InnovArte. Contamos contigo.