A nosa achega á educación infantil

Celebrar ou traballar o Nadal na escola

In RebelArte on 20/12/2013 at 07:44

Coma nos chistes, imaxínense vostedes que nestas datas chegara un marciano/a de estadía formativa aos nosos centros. Coma ser interesado na educación, nas maneiras de facer escola e nas fortalezas/debilidades da nosa idiosincrasia educativa, estaría coas antenas conectadas, coas orellas e ollos pendentes de todo o que acontece. Por suposto, podería preguntar todo aquilo que lles suscitara algunha dúbida.

Supostamente, este marciano/a tería estudado a lexislación de aplicación, así como tería lida moita literatura pedagóxica, tanto da que sentou as bases como a máis actual, a dos pedagogos de pro. Tamén sabería das críticas que se lle fan desde distintos colectivos á actual lei en proceso de implantación, a LOMCE. Coma ser formado e instruído no sistema educativo español sabería dos blindados convenios entre a Santa Sé e o Estado Español; así como das críticas da cidadanía a moitas das concesións que se fan, por unha banda e pola outra.

Sabería tamén sobre a nosa Constitución, a nosa Transición, antecedentes así como das singularidades autonómicas, historia e incidencia no tipo de escola que temos. Así comprendería a coexistencia da escola pública, a privada e a concertada, gozando de máis prestixio as dúas últimas, malia a ser España un estado aconfesional (artigo 16.3 da Constitución española) e pertencer estas case sempre a unha orde relixiosa.

A estas alturas, cómpre apuntar que o marciano/a é un ser literal e pragmático, entón aplica rigorosamente todo o que ten lido.

O/A marciano/a cortocircuítase  en canto pon un pé nun centro público e ve a decoración, ambientación e tarefas académicas/docentes destas datas. Reinicia o disco, volve a revisar todas as súas base de datos e mantense en pause; malia todo non perde detalle. Como é un ser especial, ten tempo e ganas para ler o currículo, o Proxecto de centro (PC), o Regulamento de réxime interior (RRI), a Programación xeral anual (PXA), a Programación de nivel e a de aula. Tamén os estatutos da ANPA, o Regulamento Orgánico dos centros (ROC) e moitos outros documentos que marcan a vida académica.

Transcorridas as dúas semanas da súa estadía, o/a marciana, -que xa se fixo amigo/a no Facebook e no Twitter de todos/as as docentes do centro, e cre coñecer as súas filias e fobias- e a imaxe que queren transmitir, así que decide manter entrevistas co profesorado (individuais, por niveis, en Claustro) e co equipo directivo. Logo tentará facelo coa mesma administración.

Para todos eses casos elabora unha batería de preguntas, froito do contraste entre o lido e a experiencia vivida neses días. De moitas delas, o marciano/a xa ten a resposta pero quere coñecer as crenzas docentes sobre esas cuestións, xa que logo, son as que finalmente determinan o discorrer escolar.

Arranca preguntando que é o Nadal. A isto recibe respostas do tipo de que se trata dunha tradición; dunha celebración de orixe cristiá que recorda o nacemento de Xesús, o Mesías para os crentes. Outros, -o/a marciano/a máis ou menos xa se fixo a súa propia clasificación da xente-, din que é unha celebración á amizade, á fraternidade, á familia e á felicidade. Outros que o Nadal é unha colonización máis  das grandes multinacionais e das leis do mercado. Mesmo hai quen lle fala da cristianización doutras celebracións máis ancestrais relacionadas coa entrada do solsticio de inverno.

O/a marciano/a segue preguntando se todas as persoas celebran o Nadal, se o sofren, se o aturan ou se renegan del. Díselle que iso será en función da súas crenzas e tolerancia, pero que está presente en case todos os lugares públicos aos que accede toda a cidadanía, sexan crentes ou non.

Pregunta se todos os nenos e nenas que asisten ao centro pertencen a familias católicas cristiás. Daquela dinlle que non e amósanlle as estatísticas de alumnado que profesan outras relixións ou ningunha; na meirande parte dos casos, son aqueles que logo optan por non recibir Relixión Católica nos centros educativos.

O/a marciana segue coa súa cantinela que poderíamos resumir en:

-Si se permiten símbolos e signos de carácter relixioso nos centros. Daquela pregunta por que se pon un Belén e o que se quere recordar con ese xesto.

-Quen son os Reis Magos e se todos os nenos cren neles; que fan; cando aparecen; se é normal que veñan polos centros a traer agasallos antes da súa data no calendario; quen son os Paxes Reais e a que veñen á escola; quen é o Papá Noel; quen é o Apalpador;  si se empregan como ameaza para mellorar o comportamento dos pequenos; se todas as familias se alegran da entrada destes personaxes na escola…

-Pregúntase se está contemplado na norma que o mes de decembro se dedique academicamente a facer manualidades, preparar murais, decoracións ensaios e festivais; e por que se fai isto…

-Quere saber se o Nadal é un tempo de disfraces; espértalle curiosidade que haxa cantidade de xente polos centros con traxes fastosos, con longas barbas brancas ou coas facianas tisnadas de negro. Pregunta si o alumnado pode ir á escola coa cabeza cuberta, e sobre o sentido de que o profesorado poña gorros vermellos con luces intermitentes ou cornamentas de renos.

O marciano/a afonda e reflexiona sobre o asunto que o ten totalmente fóra de xogo. Non acaba de ver a relación entre a educación formal e regrada e todas estas manifestacións. Non pode comprender que se rompa o ritmo e harmonía escolar –xa que os nenos están totalmente alterados-, para un fin que non acada de ver e que bota por terra a meirande parte dos “grandes” obxectivos educativos: a educación para a paz, para o respecto, para a sostibilidade, para o consumo responsable ou para a igualdade, que non pretenden outra cousa ca lograr unha cidadanía sólida, solvente, competente, formada e crítica.

Andando o tempo, hai quen empeza a cansarse das súas preguntas; mesmo hai quen lle di que confunde o touciño coa velocidade. Como o marciano de velocidade sabe moito pero de touciño non ten nin idea, segue teimando e procesando. Indaga o que sucede noutros centros e descubre algunhas das rarezas e incoherencias de cada un deles e das persoas que os integran.

Facendo uso dos seus contactos, entrevístase con xente de responsabilidade nas distintas confesións relixiosas presentes neste contexto. Ningún está contento do que se está a facer, pero, por un motivo ou outro -basicamente para evitar significarse e producir rexeitamento social- deciden calar e deixar que corra a cousa, malia que se puidera estar vulnerando a condición de aconfesionalidade dos centros públicos así como á liberdade relixiosa de todos. En contra do que puidera parecer, resultoulle  curioso que nin aos católicos lles guste o que se está a facer nas escolas; persoas solventes desta relixión, manifestáronlle que para facer iso, era mellor que o deixaran quedar seguindo co ritmo escolar normal.

Como colofón da súa estadía, asiste á traca final: festas, actuacións, enchentes e cuchipandas polas que se suspenden as clases e que en nada fan recordar que se está nun centro educativo.

Despídese e volta de novo para Marte.

Hai quen queda aliviado/a de perdelo de vista. Xa empezaba a ser cargante coas súas preguntas que algúns tildaban de inxenuas pero outros de maliciosas.

Polo que sabemos, o/a marciano/a, agora está redactando un informe para os seus superiores no que lles dará argumentos sobre a necesidade ou non de implantar todas estas actuacións nos centros marcianos, para que así os nenos e nenas marcianas poidan saber tamén desta tradición cultural terrícola –para eles non pode ser outra cousa-, que é o Nadal.

Os seus superiores, en vista da indumentaria coa que volveu, cren que está algo contaminado, mesmo estudan poñelo nunha tempada de corentena. El porfía e dilles que se vestiu de Papá Noel porque esta é unha época de ilusión e felicidade e quere transmitirlle esa alegría aos nenos e nenas.

Un amigo marciano que ben o quer, recomendoulle sacar o gorro, xa que logo, segundo el, é o que lle está impedindo o paso das ondas ás antenas, e así pensar con claridade.

Advertisements
  1. HAHAHAHAHAHAHAHA (é risa, que non é papá noel :D), non podería estar máis de acordo. Aos meus 34 anos vinme obrigada, por primeira vez na vida, a ter que poñer unha árbore na casa (iso si, ben pequerrecha e chea de papeis pintados polas pequenas, máis xa me parecía un exceso)… Eu tamén son das que tildan de “quitailusións”, pero estou convencida que algo me rociou de pequena que me fai inmune á publicidade do corteingles e ao consumismo sen-xeito-nin-guía… O ano pasado na gardería había un belén en cada curruncho, a nosa achega (había que achegar si ou si, a pesar de haber uns cantos meniños doutra relixión e uns cantos ateos convencidos) foron dous porcos, non sabía máis por onde escapar sen ferir sensibilidades… en fin… espero que o marciano tamén entreviste as familias, seguro que levaba unha sorpresa!

    • Levas razón Luz, tamén se debería facer unha consulta á comunidade. En realidade e técnicamente xa se fai: cando se pasa a PXA ao Consello Escolar para o seu coñecemento e aprobación. O que sucede é que non se especifica con claridade o que significa “coñecer as principais festas e tradicións da súa comunidade”. En verdade, hai centros nos que supón unha auténtica “faltada” á diversidade e liberdade relixiosa.
      Un saúdo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: