A nosa achega á educación infantil

Avaliar en infantil (2ª parte)

In ActualizArte on 09/12/2013 at 08:08

Poñamos por caso que ao fío da actual coxuntura na que está tan en boga a cultura emprendedora, decidimos montar unha fábrica de parafusos. O primeiro que teríamos que coñecer é a demanda do mercado, xa que logo non se pode ir contracorrente. Deseguido, se queremos saír adiante haberá que introducir algunha innovación, pois non hai oco para quen fai máis do mesmo; é tamén unha obriga do mercado. A continuación, decidir e deseñar o tipo de parafuso que imos producir. Será unha decisión difícil, pero cadaquén decantarase por aquilo que lle sexa máis afín, porque un non pode/debe embarcarse en proxectos nos que entren en clara contradición as súas crenzas e as súas actuacións. Así haberá quen pense que o futuro está na produción dos parafusos clásicos (é o que hai, dan o que dan, pero nunca fallan, por algo permanecen); outros apostarán polo deseño (é algo efémero pero impactante, vende moito); outros pola funcionalidade (a practicidade pode ser tanto unha virtude coma  unha eiva); outros pola versatilidade e permanencia; mesmo haberá que soñará con parafusos “intelixentes autoexecutables ou autoparafusables”, con nanomecanismos que lle permiten detectar e acomodarse ás condicións.

Unha vez se sabe o tipo de parafusos a realizar, establecerase como obxectivo a súa  produción coa maior calidade, co menor custe de tempo e esforzo e con máis retorno económico. Para isto débense plasmar os procesos a seguir, sempre os mesmos, para así minorizar custes. Analizada a materia prima e os posibles provedores; a maquinaria e os pasos a dar, tan só queda por determinar o control de calidade ao que se someterán os produtos acadados, coa finalidade de rexeitar os que non cumpran cos parámetros. O lóxico será establecer un catálogo e as condicións para cada un dos produtos. Por exemplo poderíamos producir parafusos calibre 3, parafusos calibre 4 e parafusos calibre 5. De cada un deles estipularíamos a súa procedencia, as intervencións ás que deben someterse, o peso final que deben ter, a súa funcionalidade, a súa presentación, así como os criterios polos que consideraríamos a súa validez para entrar nos circuítos comerciais. Por suposto tamén serán sometidos a controis externos. Hai un estándar internacional que marca as calidades dos parafusos, a súa etiquetaxe en función da súa resistencia e a numeración que deben levar o que permitirá que en calquera país do mundo un parafuso se axuste a unha arandela, a unha rosca, a un desparafusador, a unha broca e a un taco; aquí non pode haber equívocos. Imaxinade se a cada empresario lle dera por facer os parafusos segundo lle petara ou segundo o que lle “inspirara” a materia prima: unha toleada!

Que un parafuso se axuste e cumpra cos estándares internacionais permítelle,  por unha banda, garantir a súa calidade, e pola outra, levar unha lapela que lle concede o título de “universal”: ese parafuso valerá para un oco igual aquí ca na Cochinchina.

Maxistral. Por iso hai moita xente que se pregunta porque non se fai o mesmo en educación.

Trala lectura dos parágrafos anteriores esperamos que ninguén dubide de a onde queremos chegar; cremos que non é necesario afondar máis na diferenza entre a produción industrial e a educación. Para a elaboración dun parafuso introdúcese sempre a mesma materia prima, coa mesma procedencia, sométese aos mesmos procesos os mesmos tempos, e avalíase o resultado obtido, sempre en base aos mesmos criterios e indicadores de calidade –establecidos de antemán-, rexeitando os que non cumpren cos requisitos. Na educación, na escola, isto non pode ser así. Polo de agora, levamos como bandeira a defensa da individualidade e diversidade dos nenos e das nenas.

É certo que cada vez hai máis tendencia a introducir eses sistemas avaliadores homoxeneizadores, uniformadores e anuladores das potencialidades persoais, individuais e singulares dos nenos e das nenas; pero por fortuna, isto, non era aplicable na educación infantil. Dado o carácter voluntario e non obrigatorio deste tramo educativo, nin a mesma administración ousou marcar parámetros fixos cos que avaliar por igual aos pequenos. E paradoxalmente agora vai resultar que se quere facer pola iniciativa de algunhas mestras de infantil. As promotoras destas iniciativas, -seica condicionadas pola aplicación informática XADE- pensan que non pode ser que cada promoción, cada trimestre, cada curso, poidan aparecer indicadores observables (ítems) diferentes nos boletíns informativos e nos informes individuais de final de nivel/ciclo. Argumentan ademais, que o establecemento de antemán dos ítems axuda a orientar a práctica educativa.

Destas afirmacións pódense deducir varias cousas:

1ª Non entenden a filosofía e principios da educación infantil. Asemade, polo de agora, van contra o estipulado nos regulamentos educativos.

2ª Entran en clara contradición cando logo din que traballan por proxectos educativos que xorden e se configuran en función dos intereses dos nenos e nenas. (sobre a idea do traballo por proxectos tamén hai moito que falar).

3ª Descoñecen que os orientadores da práctica educativa son os obxectivos, non os indicadores observables (ítems) de avaliación.

4ª Desconfían profesionalmente de compañeiras/os, dubidando da súa autonomía e da competencia académica, motivo polo que queren establecer ítems fixos iguais para todos os nenos/as e para todas as mestras/es.

Dá para moito pensar.

O peor é que isto está prosperando. Estase a facer así en moitos centros. E a razón principal é comodidade: para non ter que desmiolarse todos os trimestres de todos os cursos de todas as promocións. Comodidade, falta coñecemento profesional e falta de reflexión sobre as consecuencias das decisións escolares (por banais que estas poidan parecer). Tamén pode ser atribuíble a un mal entendido exceso de celo profesional.

Como noutras ocasións, somos nós mesmas as que nos estamos a meter na boca do lobo. Sempre benintencionadamente, pero tamén desatinada e desacertadamente.

Parafusos idénticos ou nenos e nenas con capacidades, habilidades, destrezas, coñecementos, vivencias e sentimentos diferentes? Con que traballamos nós?

(Seguirá)

Advertisements
  1. Vosotras ya vivís directamente en la boca del lobo, y desde ahí nos animáis a no olvidar que trabajamos con personas. Gracias una vez más.

    • Grazas a vós pola consideración que nos tedes. Sei que compartimos a idea de que non podemos deixar que este andazo avaliativo se extenda e perverta a educación desde os primeiros anos. Sería unha desgraza que ata o de agora puidemos esquivar e agora, supoño que por mor de darlle unha maior “credibilidade” á educación infantil, se quere copiar dos niveis superiores. Temos que manter, cando menos, o reducto da educación infantil. Polo menos que sexa unha “reserva” do que realmente é a educación. Apertas e ánimo tamén para vós que tanto facedes polo ensino “con sentido”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: