A nosa achega á educación infantil

Avaliar en infantil (1ª parte)

In ActualizArte on 05/12/2013 at 07:36

Segundo o Dicionario da RAE, a palabra “evaluar” pode ter tres acepcións: 1. Señalar el valor de algo. 2. Estimar, apreciar y calcular el valor de algo. 3. Estimar los conocimientos, aptitudes y rendimiento del alumnado. No eido educativo, polo xeral, úsase a 3ª, pero en educación infantil, nós sostemos e defenderemos a 1ª, é dicir, poñer en valor os coñecementos dos nenos e das nenas. O día que se nos caia esa concepción, será mellor traballar nunha fábrica de parafusos. Sempre pensamos que isto era indiscutible, pero canto máis falamos con compañeiras de distintos centros, máis temos a seguranza de que se está collendo unha perigosa deriva cara o que impera noutros niveis superiores. Outra desgraza máis na que case ninguén parece reparar; nin as profesionais, nin as facultades de educación, nin a formación do profesorado, nin a mesma administración.

Nós, nos vinte e cinco anos que levamos traballando decote tivemos como cabalo de batalla a avaliación. Nunca demos coa ideal. Sempre nos produce unha sensación de desacougo por pensar en que non sexa o modo correcto de facelo, tanto pola información que se lle transmite ás familias, como  pola que se traslada aos centros onde logo cursarán o ensino primario. Xa temos pasado por darlle información só verbal aos pais –hai moitos anos-; polos boletíns de cariñas (alegres, circunspectas, tristes); polos dos semáforos, por boletíns abertos, semipechados, e pechados para cada trimestre, tratando de fuxir da sempre temida asociación dos boletíns informativos ás odiadas notas de toda a vida. Se ben adoptábamos cada moda con moita alegría, desinchábamos cada vez que escoitábamos aos pais contar as caras tristes, ou semáforos vermellos. Ademais tíñamos a percepción de que non éramos moi rigorosas, e de  que era visto coma cousas “das de infantil”, que ademais cada unha facía como lle petaba ou en función do que lle marcaba a editorial coa que traballaba. (Non esqueceremos tratar máis adiante a equívoca asociación da avaliación ao remate de trimestre e ao reducionismo do boletín informativo.)

Con motivo da aprobación do currículo de infantil LOE, en Galicia, quíxose afinar máis no tema da avaliación, de modo que se introduciu a través da aplicación informática XADE; algo que consideramos un grande paso adiante, porque ata daquela os cativos transitaban tres anos polo sistema educativo e non quedaba pegada administrativa do mesmo. Asemade, ademais do expediente, a través do XADE, introduciríase a avaliación: inicial, trimestral, de final de nivel e de final de etapa. Isto foron palabras maiores, xa que logo, intentouse fuxir dunha avaliación por áreas/materias semellante ao que se fai nos outros niveis. Aquí, as profesionais que traballaron neses equipos, fixeron unha labor magnífica. Deuse a coincidencia de que as asesoras de Ordenación e Innovación Educativa e os de Sistemas Informáticos, eran persoas curtidas na educación infantil e sabían o que tiñan entre as mans. Poucas comunidades autónomas contan cun currículo e cunha norma de avaliación tan coherente como en Galicia (a este punto xa lle dedicaremos outra entrada no blog). Así partindo dos obxectivos xerais de etapa cos seus correspondentes criterios de avaliación, e non perdendo de vista as competencias básicas –como orientadoras da práctica educativa-, elaboraron unha batería de preto de 500 indicadores específicos (ítems), coa finalidade de que cada docente (que podía traballar de maneira moi diferente a outro) puidera seleccionar para cada trimestre aqueles que máis se axustaran ao que pretendía valorar nos nenos e nenas cos que traballaba, (que podían ser ben distintos dos de calquera outro centro). Non habería máis que marcalos, e avaliar a súa consolidación en base a tres posibles situacións: con dificultade, en proceso, sen dificultade. Seguramente é mellorable, pero é das máis atinadas decisións que se tomaron na educación infantil.

No que logo iso se traduciu e como se interpretou nos centros ben merecería un anecdotario. Houbo quen non o empregou. Houbo quen collía o boletín da editorial coa que traballaba, llelo daba ás familias, e logo cubría un ficticio na aplicación. Houbo quen perdeu o sentido e mandaba uns boletíns coma memorandos con máis de 80 ítems. Houbo quen collía un por área e asunto resolto.

Houbo e hai moito desatino. Tanto que cremos necesario facer unha reflexión sobre esta cuestión, pedindo o contraste de opinión de todas e todos os que nos seguides, porque chegamos a un punto que ata resulta difícil defender as nosas concepcións, dado a multiplicidade de interpretacións –ao noso entender confusas e/ou erróneas- sobre isto.

Como é un tema que toca todos os demais aspectos da educación infantil, por ordenar a nosa exposición e as nosas ideas, organizarémolo en varias entradas nas que trataremos desde a lexislación de aplicación, ás concepcións de avaliación, pasando polos modos, tempos e instrumentos, así como pola coordinación internivelar e intranivelar, polas comisións de avaliación, e por outras moitas cuestións que irán xurdindo ao fío do discurso.

Cremos necesaria esta reflexión, xa que logo as consecuencias deste ad libitum poden ser moi graves. Lamentamos que haxa Claustros que poidan debater 3 horas seguidas sobre celebracións, romarías e festexos e non lle dediquen o tempo preciso a avaliación. E máis aínda que non teñan argumentacións sólidas sobre o que facer.

Formularémolo en base a preguntas que nos xorden, como poden ser:

Como avaliamos? Son o mesmo os indicadores específicos (ítems) que os criterios de avaliación? Un mesmo ítem pode facer referencia a dous criterios de avaliación diferentes? Pódense establecer de antemán os ítems para guiar a práctica? E os criterios? Valen os dunha promoción para outra? Son o resultado da suma das eleccións das titoras, das especialistas e dos apoios? Pode haber discrepancias entre as avaliación dos ítems por parte das titoras e das especialistas? Poden avaliar as especialistas cargando información pola súa conta na aplicación? Cal é o peso da opinión das diferentes profesionais que interveñen co alumnado? Pódese repetir un ítem en diferentes trimestres e atribuírlle unha valoración inferior ca na primeira vez? Poden establecerse os de cada trimestre desagregándoos dos de final de nivel? Pode ser que non estean contempladas todas as áreas/bloques no boletín? É posible que se valore o nivel de consecución en base a aspectos comportamentais? Somos quen de argumentar unha valoración perante u pai/nai que cuestiona a información reflectida? Pódese avaliar un neno/a que non asiste con regularidade ao centro? Quen avalía no caso de ausencia da titora? Que información se debe rexistrar na aplicación informática e cal non? O equipo directivo pode rebater unha decisión de equipo de nivel/ciclo? Os boletíns informativos cumpren coa súa función primordial?, informan ou desinforman ás familias?…, e moitas outras que temos escoitado.

Isto vai ser coma pórlle o cascabel ao gato, pero non pode facelo outro que non sexamos as que estamos todos os días cos nenos, as que asistimos ás reunións de nivel/ciclo, as que participamos nas xuntanzas de avaliación.

Vainos dar moito traballo, reflexión e desgustos. Pero este debate xa non se pode adiar por máis tempo. É demasiado serio como para seguir facendo cadaquén segundo lle pete ou segundo (mal)entende.

  1. Ola. Logo de ler o voso artigo quedo máis tranquila, vexo que non son a única en facerme esas preguntas, o problema é ás veces atopar con quen comentalas, por eso vos agradezo de antemán as vosas aportacións. Estou de acordo con vós de que a avaliación é unha das cuestións máis olvidadas na educación no seu conxunto. De acordo tamén en que a Educación Infantil ten que entendela dun xeito individualizado. Unha das cuestións que plantexábades era sobre se os ítems elexidos tiñan que ser os mesmos para cada promoción; eu penso que sí, polo menos deberíamos revisalos e adaptalos aos novos alumnos. Gustaríame coñecer outras opinións ao respecto. Moitas gracias.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: