A editorial Galaxia ven de publicar dous novos libros-disco, que foron presentados a pasada fin de semana no Culturgal.
“Toc Toc“, de Pablo Díaz, que toma o seu título dunha das cancións que o integran e que mesmo define a súa filosofía e contido:
“Toc toc, abre a porta, / toc toc, quen quere entrar / toc toc, somos os nenos, / toc toc queremos soñar. (…) “Neste mundo, hai moitas portas pechadas; / neste mundo, poderíanse abrir; / neste mundo, buscaremos a igualdade; / neste mundo no que estamos a vivir.”Como indican na reseña editorial “Un mollo de cancións cheas de ledicia, ilusión, amizade e compañeirismo, onde non teñen cabida os malos rollos e si a defensa do medio ambiente, a protección dos animais e todas esas cousas que nos axudan a facer un mundo mellor. Un disco pensado para toda a familia, e do que gozarán todas e todos, en especial os máis pequechos da casa, que non van parar de cantar e bailar.”
“Cartas que veñen e van” de Susa Herrera e Mamácabra, unha revisión do disco xa editado no 2006 que agora se acompaña dun libro no que se recollen as cartas escritas polo elefante Casimiro, por Papá Noel, polo polo Pepe, mamá Loba, a vaca Sofía, a ratiña curiosa e polo gato meloso, entre outros. Un clásico, agora cunha coidada presentación na que cada carta está escrita cunha tipografía diferente, xunto coas coloristas ilustracións de María Lires.