A nosa achega á educación infantil

“Viaxe á semente”

In InformArte on 25/11/2013 at 07:43

O pasado venres tivo lugar o ingreso de Fina Casalderrey na Real Academia Galega. Como non podía ser doutro xeito, foi en Pontevedra, na vila á que ela tan vinculada está e que tan ben soubo arroupala neste fito na súa vida. Así se viu un Teatro Principal ateigado de académicos, personalidades, docentes, familiares e amigos que quixeron acompañala e mostrarlle o cariño e satisfacción que sentían pola súa chegada a esta institución. Unha das cousas que máis chamou a atención de moitos dos que alí estábamos era a variedade de xente  que acudiu: vellos e mozos, xentes das letras e outros que de seguro este sería o seu primeiro contacto coa RAG pero que todos coincidían en que coñecían a Fina. Isto é algo que consideramos de  moi importante, porque supón unha apertura, do que a autora nomeou como a Casa de Noso e do Noso.

Tralo saúdo, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, sabedor de que estaba perante un público non habitual nestes actos, explicou como discorrería, así como recordou a vertente literaria da cidade na que se atopaba. De seguido, os dous académicos de máis recente ingreso foron buscar á escritora que, ata daquela, esperaba ás portas. Chegou con paso firme, ocupou a súa cadeira (deixada vacante por Xaime Isla Couto), e logo dirixiuse ao estrado para comezar un fermoso discurso que nos mantivo a todos engaiolados  ata o remate. O título xa era prometedor: “Viaxe á semente. Dende os refachos do corazón ata onde habita o imaxinario”.

Xa a inicio advertiu que quería pensar que non estaba alí nin por que vai cumprindo anos nin por ser muller, xa que logo, “ningún dos dous criterios lle parece un demérito, máis tampouco razón dabondo”.

A súa estimulante disertación estivo chea de mencións á escola. “Dado que unha parte importante da miña vida está na escola, préstame deixar un espazo para os lembrar, un a un, unha a unha, a todos aqueles ensinantes capaces de, con moi pouco, facer tanto, porque foron e son, entrega e resistencia, porque non cren na auga  bendita en cestas de vimbios. Ensinantes que, sen ventos favorables, seguen a remar con forza e, tal como poetiza Gabriel Celaya, anhelan que, cando un día estea a durmir a nosa propia barca, en barcas novas siga a nosa bandeira enarbolada; impedindo, así, que volvan aqueloutros tempos nos que mestras e mestres anónimos vivían baixo sospeita, sempre dispostos a dar unha derradeira lección.”

Pendentes das súas palabras seguimos un discurso brillante, sentido, cercano, macerado no corazón e no pensamento, dende a humildade como persoa, dende o bo facer de mestra, dende a paixón de escritora, dende a reivindicación de que a literatura para nenos e mozos (LIX) non é unha literatura menor, pois como ela mesma recordou citando a Neira Vilas en boca de Gumersindo, un dos personaxes de Xente no rodicio, “Os zocos para un neno levan menos pau pero dá máis traballo facelos”, así é Fina Casalderrey.

A RAG xa fixo accesibles os dous discursos, o da nova académica, e o de Rosario Álvarez Porto, secretaria da institución e encargada de darlle a resposta, ademais de  coñecida da infancia desde que foron ao instituto feminino de Pontevedra onde se empezou a tecer o fío invisible que neste día volvía a unir os seus camiños vitais.

Os ramos de flores que ao remate lle entregaron nenos e nenas de Pontevedra, viñeron a remarcar, aínda máis se cabe, o obxecto do discurso, así como o mérito da nova académica.

Parabéns Fina! sabemos que o lema que sinala o roteiro da Real Academia Galega: “Colligit, expurgat, innovat” – “”Recolle, depura e innova”- está a salvo contigo. O venres, unha vez máis e coma sempre, fuches ti.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: