Unha Mestra para o recordo: Victoria Navaza

Ao longo da nosa vida académica pasamos polas mans de ducias de docentes, duns lembrámonos e doutros non. Ao longo da nosa vida profesional no ensino tamén coñecemos centos de ensinantes que case todos merecen un recordo. Ao longo da nosa vida persoal atopámonos con persoas que deixan tal pegada en nós que merecen entrar na categoría de “Mestres”, aínda sen telo sido.

O luns foise unha das nosas últimas e senlleiras Mestras, a nosa compañeira Victoria Navaza, unha muller memorable coa que tanto compartimos e da que tanto aprendemos no profesional e no persoal.

Filla de mestra, muller, irmá, nai e amiga de mestres, esta lalinense de nacemento, parisiense de sentimento e viguesa de adopción foi unha muller desas das que é difícil esquecerse, malia que polo seu carácter sinxelo e discreto podería ser todo o contrario.

Nós tíñamos oído falar dela, xa que logo moitos a recordarán coma unha das espalladoras convencidas da reforma da LOXSE, pero non a coñecemos ata que traballamos ao seu carón cando asumiu a responsabilidade da Subdirección Xeral de Ordenación Educativa na Consellería de Educación. Para nós foron catro anos nos que todos os días nos daba unha lección de compromiso co ensino. Loitadora incansable e muller de ir de fronte, sufría –e non o ocultaba-, cada vez que trataba de pór en marcha unha iniciativa e tropezaba coa lenta e burocrática maquinaria da administración; aínda así, coa súa tenacidade saía para diante cun sorriso.

Moitos docentes non saberán dela, pero cómpre recordar que neses anos, pola súa iniciativa e baixo o seu auspicio se puxeron en marcha moitas iniciativas que aínda permanecen: os currículos LOE, accións formativas específicas para o profesorado de linguas estranxeiras, as estadías no estranxeiro, o incremento do profesorado de apoio e dos departamentos de orientación, programas de fomento da lingua galega, publicacións didácticas, e outras moitas que sempre lle supoñían grandes desvelos, sinsabores, horas de traballo, e ao tempo satisfaccións e alegrías por crer que estaba aportando o seu gran de area á mellora da calidade educativa en Galicia. Sentíase afortunada por aquela oportunidade que lle brindou a vida de poder estar no lugar onde se tomaban as decisións educativas. Pero abofé que nunca o entendeu coma un privilexio senón coma unha responsabilidade e un compromiso coa escola, así non lle escatimou tempo, dedicación e ilusión.

O día da súa xubilación sentimos envexa dela, porque ten que ser ben satisfactorio pechar un ciclo recibindo o agarimo de compañeiros, alumnos e familias que tiveron trato con ela desde os seus inicios na unitaria de Extramundi, ata a dirección das Escolas Proval en Gondomar, pasando por outros centros da zona de Vigo. Daquela, todos salientaron o apoio e comprensión que sempre atoparon nela.

Nese momento todos estábamos convencidos, ela tamén, de que, aínda fóra da docencia, lle quedaba moito por facer e aportar á educación en Galicia. Quería facelo, e podería, pero non puido ser.

Sempre cremos que o que diferenza ás persoas non é a beleza, a riqueza, as ideas políticas ou relixiosas ou a lingua que falan; o que distingue a uns sobre os outros son os motivos que deixan para seren recordados, e abofé que Victoria Navaza nos deu moreas de razóns para tela presente en máis ocasións das que podería supoñer esta muller discreta, culta, afable e bondadosa.

Adeus Mestra, foi unha honra para nós coñecerte e traballar contigo.

2 Comments

  1. Alegrome moito de atopar esta carta “Unha Mestra” eu tamén coñecín e admireí a Victoria Navaza. Tivemos ao longo da sua vida profesional catro ou cinco encontros que me deisaron un maravilloso recordo. Ela foi a que me ensinou a amar a lingua galega no curso de iniciación. Mais tarde como profe de francés tivemos varios encontros todos eles cheos de humanidade.
    o noso último encontro foi no barrio de Coia paseando, contoume o que era evidente cun sorriso nos labios es os seus ollos cheos de cariño.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s