A nosa achega á educación infantil

O apoio dos apoios

In InformArte on 01/10/2013 at 06:55

Escríbenos unha amiga de InnovArte para pedirnos a nosa opinión canto á organización dos apoios en infantil; tema controvertido, nunca resolto ao gusto de todo o mundo.

Nós non temos a solución perfecta porque cremos que non existe. A mellor é aquela que sabe dar resposta ás necesidades do centro e do alumnado, emporiso non pode ser igual en todas partes.

Inicialmente, temos que partir de tres premisas que ao noso entender condicionarán todo o que digamos a continuación:

1ª Por moito que tratemos de enganarnos, aquí, pola nosa cultura profesional, non somos quen de traballar en “parella educativa” ao igual que se fai noutros sitios, sin establecer unha relación xerárquica entre a titora e a mestra de apoio. Porén, a introdución de dúas persoas na aula fai que se desaproveiten recursos humanos, sendo unha delas mera executora (pasiva/tolerante/crítica) das directrices da outra ou dedicada ao control disciplinar do grupo. Hai honrosas excepcións nas que as sinerxias creadas entre elas poden ser marabillosas, agora ben, non é así na meirande parte dos casos. Tampouco estamos a falar dos especialistas de Pedagoxía Terapeútica.

2ª A acomodación dos horarios da docente é a fragmentación en parcelas do currículo de educación infantil (psicomotricidade, música, TIC, oralidade, grafomotricidade, expresión plástica, e outras variadas fórmulas) non fai outra cousa que asignaturizar a educación infantil en compartimentos estanco escasamente relacionados entre si.

3ª O enfoque globalizado en educación infantil vai máis alá de que se a titora está a traballar a sobre a saúde, o apoio que imparte música teña que cantar cancións de médicos. É unha esaxeración, pero é o máis comunmente aceptado. A globalización máis que a cuestións conceptuais, alude a planeamentos metodolóxicos e didácticos nos que se entenda que, afortunadamente, todas as áreas curriculares están relacionadas entre si, desde todas se teñen que traballar todas as competencias, e o modo no que o fagan todas as persoas que interveñen coas criaturas, teñen que ter a mesma concepción, confluíndo todas. Non pode haber saltos ao longo da xornada. Velaí o difícil do asunto da coordinación, acentuado porque esas prazas case sempre son cubertas con profesorado provisional.

Dito isto, todas sabemos que é un reto conciliar os horarios do profesorado, a elevada ratio das aulas, a dispoñibilidade de espazos e as distintas crenzas educativas das docentes coa a necesidade de persoal de apoio.

Poida que a clave estea aí: o profesorado de apoio podería ser destinado a titorías se os centros fosen máis grandes, logrando así unha redución de ratio a 18-20 alumnnos/as. Isto de cara á administración non incrementaría en demasía os gastos,  e cos nosos condicionantes sería o máis rentable para os nenos.

Agora volvendo á realidade e axustándonos ao que temos, cal debe ser a función dos apoios? Apoiar non converténdose en pseudoespecialistas. Sinxelo. Pero a quen hai que apoiar e como?

Dependerá de cada centro e das súas necesidades. Agora e sen dúbida, independentemente de que calquera pode dicir que non é o que indica a norma:

1º Durante o primeiro trimestre nas aulas de 3 anos. Máis alá do período de adaptación, porque, como todas sabemos, ese tramo é algo case irreal: os nenos están pouco tempo, os pais tráenos e espéranos, retornando deseguida aos seus brazos. O verdadeiro problema vén ao remate do período de adaptación cando a titora se encontra soa no aula con 25 (26 ou 27) criaturas desconsoladas e conscientes de que ir á escola supón estar alí moitas horas. Non queremos esquecernos de que durante o período de adaptación o equipo directivo e o departamento de orientación ten que apoiar unhas horas en cada unha das aulas de 3, xa que logo é a mellor maneira de detectar problemas non manifestos, coñecéndoos in situ e saben así que medidas se deben adoptar en cada caso (organizativas e de apoio educativo).

2º Ao anterior hai que engadir que no caso de producirse situacións excepcionais como poden ser a entrada de varios novos alumnos nunha unidade, en calquera momento do curso, haberá que dedicarlle un apoio especial a esa “adaptación” que rompe o ritmo do grupo.

3º Máis que asumindo “parcelas”, sería mellor facendo desdobres de grupos (de ser posible, noutro espazo), permitindo así unha mellor atención tanto aos que quedan coa titora como cos que se van co apoio. Agora ben, o que facer nese tempo ten que ser consensuado polas dúas. Espazo sempre hai, tan só hai que saber velo e adaptarse a que non todo ten que facerse na aula. Esta é pedra de toque: todo o mundo quere unha aula; sen ela séntese un desposeído/a.

4º Aproveitando o potencial de cada profesional en beneficio dos nenos/as e do centro. Explicámonos: por moito que o Claustro decidira que un apoio se dedicará a educación musical, se esa persoa non ten cualidades para tal cometido, será unha perda de tempo. Se unha especialista de Inglés ten que asumir horas de apoio, o lóxico é que o faga en inglés, beneficiando dese xeito aos nenos. Agora ben, se entramos en disquisicións legais, perderemos tempo, proveito e esforzo.

Haberá quen diga que isto non é posible, que así non se poden cadrar horarios. Haberá que estudar como facelo, sabendo que nada é permanente, que cada ano, cada trimestre e cada día os condicionantes cambian. O que non é posible -nin pola súa dignidade profesional nin polas necesidades que hai nos centros- que haxa apoios sentados ao carón dun neno, ou que pasen os seus días facendo carteis, colaborando nos festivais, nas excursións ou nas exposicións. Que ninguén se sinta ofendido, pero todos sabemos do que falamos.

Agora ben, sen desbotar o seu papel nos centros, persoalmente insistimos na proposta de cara á administración da utilización do profesorado de apoio como titores, pois cremos que, pola debida atención á individualidade e á diversidade, sería o máis vantaxoso para a totalidade dos nenos/as na totalidade das horas que permanecen nos centros. Non podemos entender que reduzan unidades amoreando criaturas nunha aula e que logo lle manden unha mestra de apoio. Sexamos sensatos!

Xa que InnovArte é un espazo de intercambio, gustaríanos saber a vosa opinión e coñecer experiencias interesantes de “apoio dos apoios”.

Imaxe, escultura de Henry Moore.

Advertisements
  1. Coincido en que non estamos acostumados a traballar en “parella educativa” pero considero que temos que ir hacia aí. Son PT e traballei e traballo moi a gusto coa maioría dos compañeiros titores. Paréceme que os Mestres de apoio en Infantil son un recurso importantísimo que debe ser flexible e adaptarse ás necesidades dos grupos e ás necesidades individuais. E pregúntome por que considerades non profesional que un mestre se sente a carón dun neno?. Ás veces esto é o único que necesitan que algúen se sente con eles e que os miren ós ollos, que os escoiten, que os guien individualmente nas aprendizaxes. Non considero tampouco menos importante facer e colocar un mural ou organizar una saída complementaria. Paréceme importante ser flexibles e adaptarnos ás necesidades dos centros, das aulas e dos alumnos e alumnas. Un saúdo.

  2. Prezadas compañeiras:
    esta é a miña experiencia como apoio educativo no Ceip de A Ramallosa en Teo, onde vimos contando ultimamente con cinco unidades de E.I.
    Teño a sorte de comezar o meu sexto curso como figura de apoio. Sorte por unha banda, de tratarse dunha elección persoal desde o primeiro ano e por outra, por que o equipo educativo de infantil sempre coincidimos no enfoque e na posta en práctica do mesmo.
    Nin que dicir ten que coincido plenamente na vosa extensa e certeira análise, e parto do que tan ben explicades vós :que ten que adaptarse a cada cento, e a cada circunstancia educativa. Ademais cremos que se debe conferir ao apoio a mesma importancia educativa que ao resto do currículo. Así, fomos variando cada curso en función das necesidades e por suposto valorando e aprendendo do que viviamos cada ano.
    Como punto de partida, a miña proposta foi ofrecer distintos obradoiros e a dirección pediume impartir a psicomotricidade. Despois duns primeiros anos onde todas pensabamos que o mellor era compartimentar posto que así todas gozabamos de máis horas libres para “preparar as clases”, cada vez fómonos dando conta que iso das viaxes continuas das criaturas, sempre bailando dun lado para outro, acaba por estresalas a elas e a nós. Así levamos dous cursos onde reducimos o número de “especialidades”, desdobrando os grupos e ampliando a dúas sesións continuas o obradoiro de plástica. Cremos que deste xeito podemos ofrecer unha mellor calidade, tanto por dispoñer de máis tempo para traballar os contidos elixidos, como por poder chegar moito mellor ao noso alumnado ao reducir o número.
    Comentar, que o curso pasado apoiaba varias sesións a unha compañeira non especialista en E.I con 25 de tres anos, “intentando” poñer en práctica a parella educativa ademais de ampliar a miña permanencia con máis especialidades.
    Tamén, nas primeiras semanas dos inicios de curso, no período de adaptación, estou a disposición da titora ou titoras e por supostos dos nenos e nenas que entran na escola.
    Aclarar, que todos os cursos case todas realizamos algún “reforzo educativo” na aula doutra compañeira ata completar as 21 horas de docencia directa.
    Moi probablemente, seguiremos cambiando e adaptando segundo conveña mellor ao noso alumnado e a nós, as docentes.

    Marisa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: