A nosa achega á educación infantil

26, 27, 28… alumnos/as por aula?

In RebelArte on 10/09/2013 at 08:18

2013-03-06 23.10.13_Clean

Chégannos novas de centros de infantil nos que se están metendo máis de 25 nenos/as por aula por mandato das comisións de escolarización ou dos servizos de inspección. A norma, na súa ambigüidade, é clara ao respecto: poden facelo. E estano a facer. E os mestres, que podemos dicir? Patexar.

Emprégase o argumento da excepcionalidade, pero o que uns entenden por excepcionalidade non é o mesmo ca o que entendemos a maioría de nós. Excepcionalidade é unha circunstancia extraordinaria que obriga a superar, de forma irregular, unha norma; no caso que nos ocupa: enfermidade grave dun proxenitor, inexistencia doutra posibilidade de escolarización que non implique desprazamentos insensatos,  traslado por violencia doméstica, sometemento a tratamentos médicos ou doutro tipo por parte do/a alumna e poucas máis. No resto dos casos haberá que adoptar outro tipo de medidas: oferta doutro centro ou habilitación doutra unidade. Non hai máis.

Ata o de agora o límite de 25 foi sagrado, arestora xa non. Calquera que exerza unha autoridade superior sobre un docente o pode vulnerar. E ao docente non lle queda outra que apandar, as represalias poden ser moi fortes. Hai anos, se pasaba unha cousa destas, de inmediato había unha manifestación de pais, de equipos directivos e de compañeiros. Hoxe non. Cadaquén mira para o seu e coida de que non se lle estrague o que ten. Os abusos de autoridade, a submisión, o acatamento, a insolidariedade e a insensatez abonan un campo no que medran os desmandos pedagóxicos. O caso é meter nenos para dentro e que non haxa protestas, así todos contentos agás o mestre, pero como é un só tampouco importa moito.

En realidade, que supón un neno/a máis na clase? Isto é o que se preguntan moitos, que logo apostilan, “nos meus tempos eramos 40 e aínda así, saímos para diante”. Abondaríannos argumentos para dar resposta, pero fáltannos folgos para facelo. O único que nos gustaría é convidalos a facerse cargo dun grupo de infantil de 3, 4 ou 5 anos. Un día, só un día, daquela saberían por que non se poden aturar ratios tan elevadas atendendo con profesionalidade aos nenos.

Logo, por outra banda, está o grupo dos “ben informados”, que en seguida nos din que os máis recentes estudos non establecen correlación entre tamaño das clases e resultados escolares. É dicir, seica nada parece confirmar que a diminución do número de alumnado incremente o éxito académico, pero por suposto, tampouco confirman que o aumento do grupo o consiga. Non contemplan que non é o mesmo un grupo de 25 nun centro dunha zona residencial que os mesmos nunha dun polígono, nin que 15 nunha escola unitaria do rural do interior. Cando nos falen desas investigacións sería bo que tamén correlacionaran o tamaño do grupo, o nivel, o contexto social e os resultados en base ao punto de partida, non en base a un estándar final igual para todos.

Disto teríamos moito que falar, o primeiro é o que consideran éxito na educación. Ata o de agora, os estudos internacionais aos que todos acudiamos, falábanos da potencialidade compensadora e igualadora da educación infantil no caso das desigualdades sociais. Iso é éxito educativo.

Pero isto sucede en todos os centros nos que hai grande demanda? Non. A ratio de 25 respectase en centros públicos de elite do centro das vilas e os seus excedentes reverten sobre outros non tan “excelentes”. Algo que, por suposto, non acontece ao revés.

Os centros supermasificados adoitan ser aqueles sitos en lugares a onde acode poboación desfavorecida na procura de traballos –ben precarios-, en polígonos industriais e zonas suburbiais nos que a vivenda é máis barata. Nestas zonas, a pobreza, a marxinalidade, a prostitución, a mendicidade e a violencia están presentes na vida de moitos pequenos, así, a escola cumpría, ademais, coa función de compensar as carencias derivadas da falta de estímulo educativo no seo familiar. Realizar esta tarefa con alumnado tan diverso xa era difícil, porque as taxas de nenos con necesidades son máis elevadas ca noutros sitios e porque o compromiso dos proxenitores coa educación dos seus fillos non está entre as súas prioridades, polo cal o profesorado tiña que facer malabares para atender debidamente a 25 criaturas. E se con 25 era difícil, con 26, 27, 28 ou máis xa se converte nun imposible.

Moitas e moitos de nós levábamos anos pedindo a redución de ratio; 25 era un exceso pero tamén unha barreira psicolóxica para os que íamos a tope nas aulas, estábamos mal pero sabíamos que non podíamos ir a peor. E agora onde está o límite?, cal é o teito ao que podemos chegar?, vulnerada a norma, todo vale.

Pódense meter? Pode. O mestre pódeos aturar? Pode. Estarán educativamente ben atendidos? Non. Entón por que se permite isto? Non é preciso afondar nas razóns económicas que manexa a administración, nin nas que levan ás familias a empregar, incluso, o engano para escolarizar ao seu fillo/a nun centro que xa sabe de antemán saturado: a prestación de servizos asistenciais nas horas previas e posteriores ao tempo escolar. Non os queremos culpabilizar a eles, pero si a quen ten a responsabilidade de dispensarlle á cidadanía unha educación de calidade. Eles teñen á obriga de que haxa unha oferta que cubra todas as necesidades alí onde estas xorden.

Escoitamos moitas razóns que se opoñen a este incremento, case todas elas relacionadas coa capacidade das aulas e con cuestións organizativas (mesas, colgadoiros, autobuses para as saídas, zonas de xogo, etc), todas elas poden ser rebatidas polas autoridades apelando á creatividade e á capacidade de resolución que sempre amosaron os mestres de infantil, pero o que é incontestable é a perda da calidade educativa e iso é o que temos que facerlle ver á sociedade. A regra é fácil de entender para calquera: a maior número de alumnos/as menor atención á autonomía, individualidade e singularidade de cada neno e nena. Non ten volta.

Xa veremos o que sae disto.

Advertisements
  1. Isto vén ser un grauciño máis no desmantelamento da educación pública. Como ben dis, a casuística manifesta que sempre se dá en zonas, chamémoslle “marxinais”. Logo les o proxecto da LOMCE e éncheselles a boca falando de excelencia por aquí e por acolá… Amortización de prazas, agrupamentos masivos, recursos cada vez máis escasos, os substitutos só se chaman se a baixa é maior de 15 días (algo contraditorio, porque é o prazo pola que cha asinan, o que colle a baixa ten que contar a súa vida no centro para que lle poñan anotacións persoais no programa do tipo “é enfermidade crónica”, “é unha rotura”…). Dis ben que os pais e nais deberiamos sermos máis perrenchudos e insistentes e protestar ata pola última mala praxe que nos moleste, facer máis presión, visibilizar o noso malestar de maneira máis, digamos, potente, porque está claro que moitos e moitas estamos completamente de acordo co que explicas, vémolo, palpámolo e sufrímolo. Eu sufro desde o primeiro recorte que aplican aos funcionarios públicos ata o último “maltrato” social que leo na prensa ou que escoito en conversas de café. Para min que o ensino sexa de calidade pasa porque as condicións laborais sexan as óptimas, é básico. Pero en fin, marea verde, camisetas, escritos, manifestacións… neste goberno parece que todo se desoe, o que non quere dicir que haxa que renderse. Só podo desexarvos forza, darvos ánimo e agradecervos humildemente que, inda con todo, os nosos pequenos e as nosas pequenas sexan felices nas vosas aulas.

  2. Comparto todo o sinalado na entrada e no comentario anterior e non sei de que modo podo como nai e como mestra mostrar o meu disgusto por como se están recortando os nosos dereitos e o que mais me doe, os dos nosos fillos e os dos nosos alumnos. O meu pequeno tamén compartirá aula con 26 máis…e os que vain aumentando. Ánimo e bo curso para tod@s.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: