A nosa achega á educación infantil

Peche do blog

In EmocionArte on 30/06/2013 at 11:10

Chegado este punto, dámoslle vacacións tamén a InnovArte.

Van catro cursos, van 850 entradas, van milleiros de visitas, van moitas alegrías, moitos desgustos, moitas ilusións, moitos comentarios, moitos recoñecementos, e moitas, moitas satisfaccións; en definitiva vai moito da nosa vida profesional e mesmo persoal.

Nestes últimos días xa sen clases, nos que se producen encontros con compañeiros/as e nos que hai ocasións para falar devagar recibimos moitas achegas sobre o que InnovArte Infantil aporta no escenario educativo no que estamos agora situados. Énchenos de orgullo saber que son moitos os opositores/as que se están examinando e que mencionan o blog nas súas bibliografías e webgrafías. Alégranos non pola vaidade de ser recoñecidas senón por saber que lle somos de utilidade a esas persoas que aspiran a ser mestres e mestras. Esa foi sempre a nosa intención, mostrar o que facemos para que alguén o aproveite e o mellore, xa que si non se amosa, si se converte a práctica docente nunha receita secreta haberá que facer moitos ensaios e cometer moitos erros para dar con ela. Sempre insistimos en que é unha obriga dos máis veteranos expoñerlle a súa experiencia aos máis novos. Logo estes que decidan o que facer, pero non podemos deixar que partan de cero tan só cos coñecementos teóricos, erráticos, vagos e ás veces desatinados que se lle proporcionan na súa formación inicial. Pero mostrarse entraña arriscarse ás críticas e isto hai quen non o pode aturar preferindo agochar entre as catro paredes das súas aulas os seus acertos e as súas equivocacións.

As investigacións feitas no eido educativo constatan que o denominador común daqueles profesionais que destacan polas súas prácticas innovadoras é unha media de vinte anos de experiencia. Docentes de corenta ou máis anos son os que están producindo unha renovación das prácticas. Concorren a veteranía, a autoestima profesional, a seguridade e a experiencia. Nós estamos nese grupo e sempre nos consideramos unhas privilexiadas polas oportunidades formativas que tivemos, emporiso, InnovArte é a nosa achega á educación infantil.

Non todo o que escribimos, non todo o que mostramos é do agrado de todo o mundo nin o pretendemos, o único que pedimos é que os que teñen que dicir, que digan, os que teñen que contar, que conten. Que ninguén oculte, reserve ou se agoche tras a crítica aos que tratamos de construír unha educación mellor. É moi doado buscarlle os fallos a quen se mostra, pero non o é tanto dar alternativas. Fágano, deámoslle alternativas a quen empeza ou a quen está enfastiado, deixémonos de tanta chanza de café ou de Facebook.

Afortunadamente somos cada vez máis as persoas que compartimos de balde, pero aínda fai falla máis, hai grandes experiencias que cómpre mostrar para que os que se fai nas aulas sexa de coñecemento xeral. O malo é que os docentes somos os nosos peores publicistas. Non hai quen fale peor da escola, dos mestres e dos compañeiros ca os propios ensinantes. Así malamente podemos acadar o respecto da sociedade. Se alguén destaca imos a por el sacándolle os “trapos sucios”, deslucindo o seu esforzo. Non fai falla afondar máis no que subxace baixo esas críticas. Unha mágoa, co fácil que é cambiar o chip e ver en positivo, con xenerosidade e gratitude.

Neste curso tan difícil, sorprendeunos ver a cantidade de proxectos que se desenvolven nos centros e que resultan premiados ou recoñecidos nas máis diversas convocatorias locais, autonómicas, nacionais e mesmo internacionais. Hai que salientar que a consellería se fixo eco delas, de xeito que raro era o día que non descubríamos unha boa práctica desenvolvida polos docentes galegos. Temos moito do que presumir e do que gabarnos, emporiso deixémonos xa de tanto laio e poñámonos a mostrar o bo que temos en troques do malo. Parece mentira pero en gran medida, tamén depende de nós o como contemos o conto.

Hai moitas portas, depende da que decidamos abrir ou pechar.

Bo verán a todos e a todas.

Advertisements
  1. Felices e merecidas vacacións que desfrutedes do descanso.
    Biquiños

  2. Bo verán, agardo que o descanso axude a que o próximo curso non decaia o bo ánimo e o bo facer co que desempeñades o voso traballo. Se vos serve de algo, para moitos pais e nais non só é que sexades importantes na sociedade, sodes fundamentais e moitos somos conscientes de que debemos alentar, valorar e colaborar con vós, porque non só axudades na educación (como coñecementos, valores e actitudes), senón que sodes a base fundamental sobre a que vai medrar a futura sociedade. Parabéns polo blog e agardaremos con ilusión o novo curso.

  3. Acabo de conhecer este blog e quedei gratamente impresionada tanto polo traballo como pola filosofía. Son docente pero non desta etapa, más tenho nenos en infantil e só sinto non conhecervos antes,polo tanto espero que sigades con este esforzo no vindeiro curso. Parabens!

  4. Unha vez máis felicitarvos polo voso sempre interesante traballo e inmensa adicación.

    Feliz verán!

    marisa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: