A nosa achega á educación infantil

Flores e espiñas na educación

In EmocionArte on 30/06/2013 at 10:28

13286_529511560440345_886197172_n

Un curso máis, o cuarto, pechamos o blog por vacacións e como nas anteriores ocasións aproveitamos para facer unha reflexión balance.

Este foi un dos máis duros que recordamos. A climatoloxía non axudou a aturar a invernía permanente, xa que logo non houbo ningún anticipo do verán ata mesmo a súa entrada; os cativos estiveron coma feras en gaiolas os nove meses. As novas e declaracións vertidas (ou recollidas) nos medios polos políticos e outra caste de pseudopensadores foron demoledoras. Pero o peor de todo, foi ver as situacións de empobrecemento acelerado de moitas das familias do noso alumnado e de como isto lles está afectando. Estamos convencidas de que, lamentablemente, serán anos que quedarán no noso recordo.

Houbo días que mesmo pensamos que nada pagaba a pena. Así cara mediados de curso InnovArte sufriu a súa particular crise, tendo un “paro biolóxico” dun mes.

Por fortuna sempre hai algo que nos fai tirar para diante: os nenos e nenas. E pola contra acordamos deixar de escoitar e ler todo aquilo que nos era prexudicial para a nosa saúde. Decidimos que tiñamos que edificar a nosa propia mirada sobre a realidade escolar, poñendo en positivo todo aquilo que a fai grande pese á adversidade.

Os medios non adoitan recoller –nin poderían- o que acontece nas aulas nos últimos días de curso, e é unha mágoa, porque todos eses acenos de agradecemento que se reciben por parte das familias e do alumnado son o alimento do profesorado. Os recortes son terribles, as decisións educativas son desatinadas, a presión social sobre a escola é inxusta, as críticas aos docentes son intencionadas, pero o que nos fai comprometidos/as coa nosa profesión é o agradecemento do noso alumnado. Pode parecer unha parvada, pasamos todo o ano botando chispas e malia todo, un xesto, unha mirada, unha palabra, un agradecemento feito no último minuto do último día de clase pode facernos esquecer todos os desgustos sufridos e nese mesmo momento empezar a matinar sobre os preparativos para o vindeiro curso. Somos xente estraña.

Os cómicos e os artistas adoitan ser o colectivo sobre o que existe a crenza de que son xente rara, pero en realidade poida que os ensinantes sexamos aínda máis singulares; tamén pode ser que teñamos moito cos cómicos e cos artistas. Somos un colectivo feito dunha pasta especial. Ao igual ca eles, un aplauso ao remate da función é todo canto pedimos. Ben pensado somos moi doados de contentar, o que non sabemos é porque non se fai. É unha pregunta que nos formulamos moitas veces: como é posible que individualmente cada familia nos estea agradecida polo que fixemos polo seu fillo ou filla, e sen embargo logo parece que temos a toda a sociedade na nosa contra? Un misterio.

Sumado a iso, os docentes somos uns “adictos”, estamos enganchados aos efectos que nos produce ver a eclosión de cada un dos nosos cativos, que como a secuencia que se recolle no seguinte vídeo é un momento máxico e único. Os docentes de verdade, os que teñen a sensibilidade para apreciar e valorar a singularidade de cada neno e nena, saben que, nun momento ou noutro, florecerán e darán froitos fermosos e que nese proceso, a man dun mestre/a é determinante.

Por desgraza iso descoñéceno moitos responsables das políticas educativas, que queren ter cultivos de invernadoiro, pensando, na súa ignorancia que todas as plantas –nenos- son iguais, ás que hai que aplicarlle os mesmos coidados para obter os mesmos resultados. Coitados!, non saben eles do subidón que dá recoller froitos inesperados ata das plantas máis raras, desas que por non ter non teñen nin follas, desas que sobreviven nos climas máis adversos, desas que polo seu aspecto non se podería esperar nada delas, desas que se defenden coas súas espiñas. Coitados!, eles non saben destas substancias que nos producen eses efémeros momentos de felicidade aos docentes. Mágoa para eles, pero os adictos, malia as prohibicións, seguiremos consumíndoos aínda que sexa ás agochadas. Non podemos deixalo, estamos enganchados.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: