A nosa achega á educación infantil

Cristina Pato e Antía Cal en Trasalba mirando cara o futuro

In InformArte on 30/06/2013 at 07:00

O pasado domingo “peregrinamos” unha vez máis aos Chaos de Amoeiro, á terra e casa de D. Ramón Otero Pedrayo, o motivo non era outro que a entrega do Premio Trasalba a Cristina Pato.

Calquera que fora alá, pode entender que pola metade do camiño unha se pregunte que é o que nos leva a expoñernos a un sol de xustiza, a kilómetros de carretera, -de grande beleza-, pero finalmente kilómetros, xusto no último domingo de xuño, para nós o primeiro de vacacións. Pero estas dúbidas de inmediato se disipan cando nos incorporamos aos actos que se estaban a desenvolver. O primeiro deles, unha misa votiva, na que o recitado por parte do oficiante da “Oración” de Ramón Cabanillas, fainos conscientes de todo canto temos que agradecer do que nos rodea, profesemos a relixión que sexa ou mesmo ningunha. Deseguido imos camiñando cara o Pazo de Trasalba e alí recibidos polos sons de Queixume dos Pinos, imos entrando no auditorio no que terá lugar a entrega do premio.

A primeira e grata impresión é a de ver a dúas mulleres na mesa, a gaiteira homenaxeada e a Antía Cal, premiada do pasado ano, que viña a darlle o relevo. Acompañábaas o Presidente da Fundación, Víctor F. Freixanes, quen conducía o acto,  e mailo Presidente de Honra, Xesús Alonso Montero, actual presidente da RAG. Entre o público, moita familia, moitas amizades e moitas autoridades. Os medios deron cumprida información, porén nós o que queremos e transmitir as sensacións vividas nesa hora.

Dúas mulleres, unha moza moi nova, Cristina Pato, e outra nova de espírito e de afouteza pero de avanzada idade, Antía Cal. Dúas mulleres que malia todo o que as separa, coinciden en moitas cousas. As dúas souberon entender o que é Galicia, o que é ser galegas sentíndose orgullosas da súa lingua e da súa cultura, pero abríndose ao mundo. As dúas coñeceron a emigración e o vivir fóra de Galicia (que non é o mesmo), as dúas absorberon todo o que foron vendo polo mundo adiante enriquecéndose como persoas e como profesionais, sen renunciar nunca á súa identidade. As dúas saíron de aldeas pequenas de Galicia e o alí aprendido axudoulles a moverse en grandes urbes, manténdose sempre vinculadas ás súas raíces, á súa familia e á súa xente. Dúas grandes mulleres galegas intelixentes e carismáticas, que combinan maxistralmente esas dúas características tan nosas, sabendo ser rachadas ou coitadas cando cómpre.

Foi un auténtico pracer velas alí xuntas.

Da pianista, gaiteira, profesora ou emprendedora Cristina Pato non ousamos dicir nada, pois preferimos convidarvos a ler a extraordinaria laudatio feita por Pablo Sánchez Ferro coa que nos emocionou e engaiolou a todos os asistentes.

Cremos que coa entrega deste prestixiado galardón a unha persoa como Cristina Pato se inicia unha nova xeira en Trasalba, recoñecendo o mérito de tantos mozos e mozas que están abrindo Galicia ao mundo desde calquera ámbito.

Desde o actualizado web da Fundación Otero Pedrayo pódese acceder a toda a información así como ás pezas musicais dedicadas a Trasalba polo grupo Milladoiro no 2006, e agora por Cristina Pato no 2013. Asemade hai galerías fotográficas e moita información ao dispor dos visitantes.

Para rematar, dicir que recomendamos vivamente ler os libros que lles dedicou a Fundación a ambas as dúas: “Antía Cal. Sementar no futuro” e “Cristina Pato. Galicia no fol”, nos que amigos, familiares, estudosos, coñecidos ou colaboradores nos dan a súa particular visión sobre elas.

Se cadra, o vindeiro ano, na metade do camiño a Trasalba volveremos a preguntarnos que é o que se nos perdeu alá, e cando retornemos farémolo cargadas de enerxía e de entusiasmo como nas veces anteriores, convencidas de que o futuro de Galicia pasa pola súa apertura ao mundo deixando ese “ensimismamento” que tanto nos prexudica e tanto nos distancia das novas xeracións e dos novos tempos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: