Van xa un anos que no noso concello veciño de Brión se organizan uns Encontros coa Arte nos que convidan a artistas a plasmar plasticamente algún lugares da contorna, ao tempo que llelo dedican a escritores senlleiros.
Nesta edición tivo lugar a pasada fin de semana, homenaxeando a Roberto Vidal Bolaño que viviu os seus derradeiros anos nesta localidade. As actividades comezaron o venres, das que salientamos a apertura dos encontros coa inauguración dunha exposición colectiva das obras realizadas o pasado ano tanto en Brión coma en Rianxo, xa que logo, o escritor homenaxeado daquela era Castelao. O sábado estivo dedicado ao lugar da Pontemaceira e o domingo ao Río Pego.
Cómpre destacar iniciativas coma esta que permiten que adultos e nenos teñan contacto cos artistas, que vexan como trasladan ao lenzo a particular visión dun recanto empregando diversas técnicas. Iniciativas que, como recoñecía o rexedor do concello, hai que manter, porque a crise non pode ser pretexto para privarse da cultura, e que sobreviven grazas á colaboración entusiasta dos pintores convidados que posteriormente ceden unha das súas obras para integrar os fondos municipais distribuídos en salas e centros educativos públicos. Brión sempre destacou pola súa aposta pola educación e pola cultura sendo exemplo referencial para outros moitos concellos.
Para os nosos/as pequenos, o sábado foi un día inesquecible: un lugar único como é a Pontemaceira ateigado de pintores que xurdían en cada recuncho do río, dos penedos, entre os muíños ou as casas, deixándolles mirar, conversando con eles e mesmo convidándoos a pintar. Tiveron ocasión de ver en persoa a dúas pintoras que coñecían polas súas ilustracións de libros infantís: Isabel Pintado, autora das fermosas imaxes que acompañan “Parece unha rosa” ou “Cantiga do mazarico” que recollemos neste blog; e María Manuela creadora das de “O meu primeiro Celso Emilio”.
Vaia desde aquí o noso agradecemento aos nosos amigos e mestres Luísa e Moncho que foron quen nos falalaron desta iniciativa e nos instaron a ir.