A nosa achega á educación infantil

Herdeiros pola forza

In ActualizArte on 18/06/2013 at 06:52

Sempre manifestamos a nosa admiración polo labor que desenvolve Manuel Gago, profesor de ciberxornalismo, director de culturagalega.org e autor do blogue referencial Capítulo Cero, entre outras ducias de ocupacións. Gústanos porque dos seus traballos dedúcese que é un profesional vital e optimista, cunha mirada clarividente e fresca sobre aquilo polo que paga a pena deixarse a pel. Leva anos divulgando o noso legado cultural, desvelándonos á xente de a pé o que antes era patrimonio duns poucos eruditos.

Emporiso acollemos con expectación o libro “Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI”, do que é coautor xunto co arqueólogo Xurxo Ayán. No vídeo de presentación xa deixan ver polas claras o seu entusiasmo xunto coa crenza firme na necesidade da participación activa da sociedade civil no proceso de construción social do coñecemento sobre o noso pasado.

A publicación, de seu, reúne razóns dabondo como para recomendalo, pero si quixemos traelo aquí é polas leccións que extraemos da súa lectura; leccións que deberíamos aplicar ao noso eido, a educación, no que acontece algo moi semellante ao que eles denuncian no referido ao patrimonio cultural:

“En Herdeiros pola Forza, Ayán e Gago avogan por transformar un modelo enquistado e esclerotizado de xestión do noso patrimonio cultural, devolvendo ás sociedades a relación coa súa propia memoria, e recuperando o sentido da nosa enorme herdanza e da nosa memoria. A sociedade galega do século XXI: urbana, usuaria das novas tecnoloxías e sometida a fortes procesos de tensión identitaria interna, precisa darlles novos sentidos ao patrimonio cultural. Este libro está escrito desde a crenza en que a nosa sociedade está a cambiar con rapidez, e está converténdose, gradualmente, ela mesma, en protagonista dese proceso de recuperación.”

Así, o modelo educativo tamén está enquistado e esclerotizado, e a súa xestión abandonada na man dunha elite de burócratas, técnicos, académicos e intelectuais que marxinan aos profesionais do ensino e á comunidade educativa. E que precisamos para que teña o recoñecemento ou a presenza que lle corresponde?

Ao noso entender, nestes dous parágrafos que seguen, se cambiamos patrimonio cultural por educación, atoparemos a resposta:

“Os partidos políticos son axentes valiosos das nosas sociedades pero xogan, pola miña experiencia, nunha liga presentista e conxuntural. A sociedade debe ir máis alá da foto, da nota de prensa e da tensións dunhas eleccións que se nos presentan cada par de anos. Debemos aprender a xestionarnos por nós mesmos, a diversificar e a facer máis grande a nosa sociedade capilarizando todo tipo de actividades. Só así poderemos ter liñas de control e de presión máis efectivas sobre os gobernos.

Teño comprobado que o patrimonio cultural une persoas alén de compromisos políticos. Nun momento no que temos un problema serio, e novo, en relación á lingua e a súa polítización, o patrimonio cultural é un elemento especialmente senlleiro para manter a cohesión social ao redor da identidade de Galicia.”

A participación, a divulgación, a visibilización do traballo a tempo real, o poder da insistencia e o uso das ferramentas web, todo ilo axustándonos a un código de honestidade e ao compromiso coa profesión, poderían ser a clave para cambiar a mirada da sociedade sobre a educación e sobre os ensinantes.

Xa nos gustaría que alguén fixera en educación unha serie como a de Repúblicas de Homes Libres, iniciativa que se recolle na publicación, un relato da realidade construído entre todos, que vén a ser “un alento de modernidade, apoiado na tecnoloxía, na intelixencia colectiva e na pluralidade de discursos.”

Para tomar nota e recordalo de cando en vez.

Estamos obrigados a defender a herdanza (educación) dos nosos fillos. Precisamos poñer en valor o noso traballo, pero estamos convencidas de que só nós podemos facelo, sumando, arrimando o hombreiro, non desleixando nin esperando a que outros o fagan desde fóra.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: