A nosa achega á educación infantil

Balance de final de nivel de 3 anos

In RebelArte on 17/06/2013 at 06:42

Joana Vasconcelos

Este curso tiven que comezar cun novo grupo e resultoume máis duro do que recordaba. Cada promoción cústame máis, non sei se atribuírllo a que teño menos folgos, a que agora os nenos son máis/menos… (de todo), ou a que cada vez a situación é máis complicada.

Velaquí o meu balance de final de nivel.

1º Constato que cada vez os nenos están metidos en máis actividades e pola contra, nótaselles máis atordados, máis desorientados e menos autónomos. Contra esa “crenza popularizada” de que é importante a socialización, creo que se está enmascarando unha deixación de responsabilidades por parte das familias.

Do que extraio como reflexión que agora se lle demanda á escola que asuma responsabilidades educativas propias do ámbito familiar: hixiene, alimentación e outras de tipo asistencial en detrimento do que sería a responsabilidade “académica”. Saliento a escasa colaboración das familias na adquisición e consolidación de hábitos que ata o de agora se consideraban da súa competencia (usar o wc, asoar os mocos, lavar as mans, comer con corrección, normas de cortesía, etc). En troques amosan unha grande preocupación por como ocuparlle o tempo aos seus fillos/as con xogos “educativos” (virtuais ou reais).

2º Agora percibo un paulatino e acelerado empobrecemento das familias do alumnado: algo que se nota claramente nas merendas, na roupa, etc., polo que recomendaría prudencia á hora de pedir dotación económica o vindeiro curso e austeridade canto a gastos extras.

3º Detecto cada vez máis dificultades na fala e linguaxes pobres, froito da falta de práctica e da falta de modelos de referencia. Polo que considero se debe incidir máis ca nunca nos aspectos lingüísticos.

4ºNoto aos nenos faltos de calma, de sosego, de descanso. Polo que insto ás familias a que lles alixeiren esa carga, o mesmo lle pido ao centro e rogo llelo trasladen aos encargados municipais ou da ANPA para que lle propicien actividades de relaxantes aos nenos en troques do que se está a facer.

5º Increméntase cada vez máis o número de alumnado fillos/as únicos, isto tradúcese nunha atención exclusiva dos pais de cara eles que, cada vez, se van tornando máis esixentes e menos autónomos. Tamén se manifesta nunha falta de hábito de compartir tempo e materiais cos outros. Polo que creo debemos contrarrestalo desde a escola.

6º Detecto un gran aumento de nenos/as zurdos/as no grupo. Creo que máis ben se trata de lateralidades non definidas. A estas alturas isto pode explicarse pola falta de actividade manipulativa. Creo que se denostou a actividade manipulativa en aras da cognitiva, polo cal atopamos tan pouco desenvolvemento da motricidade fina e grosa.

7º Os nenos e nenas non saben xogar, polo que considero que debemos dedicarlle máis tempo a esa cuestión que poderá mellorar aspectos aos que doutro xeito non se pode chegar: coordinación, cooperación, respecto, etc. Algo que tamén creo habería que indicarlle aos responsables de actividades extraescolares.

8º Tempo atrás cando os pais querían entreter aos fillos dábanlle un folio e un lapis e dicíanlle que debuxaran; hoxe en día ese tipo de entretementos pasan pola tecnoloxía, co cal detecto unha expresión plástica cada vez máis pobre. Polo que creo que hai que volver a dar pautas e mostrar modelos, xa que logo, en aras dunha creatividade mal entendida, deixouse de lado a copia, os modelos, a axuda no debuxo ou na expresión plástica.

9º Cada vez máis percibo a ausencia de convencións sociais e de cortesía nos rapaces. A présa imponse sobre todo o demais. Polo que insistín, insisto e insistirei na necesidade da adquisición desas normas sociais como facilitadoras da súa integración plena no grupo ao que pertencen.

10ºNas titorías mantidas coas familias ao longo deste curso detectei arriscadas diagnoses de hiperactividade e de déficit de atención por parte dos pediatras, algo que xera moita preocupación entre os proxenitores. Do mesmo xeito que percibín como moitos pais/nais tratan de xustificar a súa escasa dedicación aos fillos en base desa pandemia postmoderna. Polo que  pediría que se inste ás administracións locais a realizar sesións informativas para as familias, por suposto non a cargo de academias, centros ou axencias pedagóxicas, xa que logo son parte interesada nun determinado diagnóstico alarmista.

Cando falo con outras compañeiras todas coincidimos en que cada vez é máis difícil o traballo cos pequenos, e que coas problemáticas que temos hoxe en día é imposible atender debidamente a grupos de 25 nenos e nenas, máxime cando ao longo do curso se poden producir cinco ou seis altas e baixas na matrícula.

Certamente o noso traballo é moi satisfactorio, pero chegado este punto do curso, todos precisamos un descanso, especialmente eles, pero un descanso de verdade, non un cambio de actividade. Hai nenos que ao día seguinte de finalizar o curso comezarán unha nova rolda, os Ludiveráns que os manterá confinados nos centros ata setembro, e así non poden ter serenidade.

Xa se empezan a notar os resultados de ter ás criaturas trasteadas dunha actividade noutra, e certamente, isto non dá un balance moi positivo.

Nota: sería aconsellable que nas reunións que se están a manter estes días cos pais e nais (mesmo cos de novo ingreso) se lles fixera partícipes dos resultados da vida entolecida á que están sometidos os seus fillos/as. 
Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: