A nosa achega á educación infantil

Absentismo en infantil

In InformArte on 28/05/2013 at 08:05

Hoxe queremos reflexionar sobre un tema que de partida xa nos supón posicionamentos contrarios. Trátase do absentismo escolar en educación infantil.
Para comezar apuntamos cal é a nosa opinión canto á escolarización en educación infantil:
1º Estamos de acordo con que non se considere una etapa obrigatoria.
2º Aínda escolarizados, non cremos na necesidade de períodos tan prolongados coa rixidez horaria que se lle aplica, 5 horas lectivas e 30 minutos de recreo para nenos de 3-6 anos non ten sentido.
3º Respectamos a decisión de algún pais/nais que tendo debidamente atendidos aos seus fillos/as, deciden non escolarizalos. Referímonos tanto aos que se apuntan ao homeschooling, unschooling, o whitout schooling, ou a aqueles que sen adherirse a ningún movemento, deciden non supeditalos á tiranía dos horarios, normas, condicións, etc.
4º Non sendo partidarias, entendemos que a educación infantil, nalgúns casos supón unha compensación, un respiro para nenos en situación familiares de risco.
5º Sabemos que malia as estatísticas mostran que os nenos escolarizados en educación infantil seica obteñen mellores resultados académicos nas etapas posteriores, nos países á cabeza das avaliacións internacionais externas non escolarizan aos pequenos ata os 6-7 anos.

Aínda atendendo ao anteriormente exposto, e xusto neste momento que se están a manter reunións informativas coas familias do alumnado que ingresará o vindeiro curso, cremos que se lles debería facer saber que se deciden escolarizalos terían que aproveitar debidamente esa praza escolar que ocupan.

O que vamos a dicir poida que só lles afecte a un pequeno número de centros, coma nos que nós traballamos, con moita demanda de prazas e longas listaxes de espera.

As razóns que nos levan a isto:

1º Cando se desfruta do dereito de ter unha praza escolar nun centro público, hai que asumilo con todas as obrigas que isto supón, pola contra, sería mellor que lle deixasen a outro/a aproveitar esa oportunidade. Xa sabemos que a administración debe ofertar prazas que cubran a demanda existente, pero tamén sabemos que non sempre hai ao pé do domicilio.

2º Agrávase isto se a atención ao neno/a require da intervención de especialistas, PT ou AL, xa que estas profesionais organizan o seu horario en función deles e se non asisten, supón unha perda para outros. Loxicamente estamos a falar de razóns diferentes a cuestións de saúde.

O absentismo escolar en infantil é un terreo delicado e “inexplorado”, non habendo nada estipulado ao respecto debido a esa concepción de etapa non obrigatoria -que non sen obrigas-, mesmo non hai consenso entre a propia comunidade docente. Hai que se pregunta se equiparar o absentismo non xustificado co xustificado (motivos de enfermidade), mesmo entre o absentismo por motivos culturais ou relixiosos do que se produce por períodos vacacionais dos proxenitores.

Tamén queremos apuntar a nosa responsabilidade, canto a que unha ausencia prolongada pode estar ocultando unha situación de desamparo ou desatención dos nenos. E isto tamén está sucedendo, polo que instamos a que:

a)      A administración educativa dite instrucións sobre o absentismo: medidas, intervención, xustificación de faltas, actuacións canto a notificacións, avaliación deste alumnado, etc.

b)      Que se estreite a relación entre o centro educativo e os servizos sociais dos concellos, indagando, intervindo e axudando a algunhas criaturas a ter unha mellor calidade de vida.

En algunhas comunidades autónomas e/ou concellos xa se fixo, e aquí cómpre iniciar algún protocolo de intervención.

Advertisements
  1. Estou totalmente de acordo e paréceme inxusto que se estigmatice a xente que decide non envialos á escola ata os 6 anos. Cando entran en primaria xa case se ve como “obrigatorio” que estean ao día en destrezas tan maduras como ler e bosquexar as primeiras letras. Algo para min un pouco esaxerado. Tamén os horarios tan longos e os recreos tan escasos me botan para atrás cando penso na etapa en que van entrar as miñas fillas. Sei que se adaptarán, pero cústame aceptalo, eu escolariceime aos 6 anos e chegoume abondo a vida “académica” que me agardou. De calquera xeito, falades de reunións informativas cos pais, eu non fun convocada a ningunha, e paso todos os días por diante do centro e fálolles del, das profes e dos profes, do marabilloso que será ir no bus… Boto en falta que poidamos ir, velo, coñecervos… Sería moi positivo que comezasen as súas vacacións tendo referencias que nós poidamos alimentar, sabendo quen vai ser a súa mestra ou mestre, vendo que é un lugar que explorar… Sei que todo o que rodea a educación regrada está suxeito á administración, aos horarios, ás opcións que se sinalan de antemán, pero sería ben fermoso e positivo que aqueles que van entrar no “sistema” puidesen ir recreándoo coa axuda das familias… É unha humilde opinión. Quizais eu, nai primeiriza, me preocupe con cuestións que son fáciles de solucionar… Un saúdo e parabéns polo blog, que me parece ben interesante e positivo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: