Desde que descubrimos o libro “O peizoque Roque” estivemos coleccionando palabras coas que agasallar ao paporroibo que nos visitaría na primavera, tal e como nos prometeran os seus creadores, a escritora Dores Tembrás e o ilustrador Xosé Tomás. Acordouse que sería o 7 de maio e desde que o soubemos, comezamos co preparativos. Houbo que refacer o niño, no seu momento era un fogar de outono e agora tiñan que notarse os cambios, ao igual que acontece na paisaxe. Tamén queríamos ter algún agasallo para os nosos convidados, polo que cada neno/a coa axuda da súa familia, prepararon un Peizoque (habíaos desde o máis sofisticado con plumas e cores brillantes, ata os máis reais).
O martes chegaron Dores e Xosé Tomás e esta é a crónica que se fai da visita desde:
–O blog de aula do CEIP A Maía.
–O blog dunha alumna de 5 anos, que reflicte as súas experiencias a través dos seus debuxos.
Catro visións agradecidas e satisfeitas pola experiencia.
Tanto nós coma o noso alumnado non nos cansamos de dárllelas grazas a aqueles creadores que se toman un tempo para coñecer ao seu público admirador da súa obra; cremos que é unha grande labor en prol do recoñecemento do traballo literario e artístico.
Grazas aos dous e a Francisco Castro da editorial Galaxia que mediou para que isto puidera ser.