A nosa achega á educación infantil

32 Feira do libro de Compostela

In ContArte on 29/04/2013 at 05:53

Na nosa memoria a Feira do Libro de Compostela vai indefectiblemente cinguida á chegada da primavera –que non do bo tempo-, ao ver as árbores da Alameda cubertas de follas, aos rododendros e azaleas en flor, aos macizos de tulipáns, ao sol no Paseo da Ferradura, e como non, aos preparativos da Ascensión. Logo, tamén levaba asociados aqueles tempos que lle dedicábamos a todo o que mercábamos. Cando descubrimos a Feira, daquela parecíanos grandísima, unha morea de librerías con milleiros de libros que nunca antes víramos, mesmo houbo ocasións nos que se uniu cunha Mostra de Arte e era unha fermosura, xente que ía, que viña, que miraba, que mercaba …

Hai uns anos deixamos de ir a este tipo de eventos. Agora coa rede podemos saber a cada momento das novas de todas as editoriais existentes, xa non había nada que nos parecera unha novidade. Mesmo cuestionamos en máis dunha ocasión a pertinencia da realización e subvención deste tipo de actividades, tanto para o público como para as librerías que participan. Pensábamos que había que buscar outro modelo de negocio, outra forma de promocionar o produto e outra maneira de facer lectores.

Onte amañeceu o día claro e soleado, mesmo pedindo saídas desde ben cedo, así que convencemos ás nosas nenas de que podíamos pasar unha bonita mañá en Compostela e alá fomos.

Certamente xa non é o que era. Dado o cambiante da climatoloxía, agora as casetas –que non sei se chegarán a dez- apoléiranse baixo unha carpa. Pero, e con todo …, aínda paga a pena ir.

O bo facer e criterio dos libreiros fai xurdir perante os nosos ollos libros e editoras que non coñecíamos; emporiso ten ese punto de descuberta. O contacto físico cos libros suscita un desexo máis intenso ca o producido pola oferta virtual; diante dun libro, xa se pode sentir se haberá química ou non. A profesionalidade dos libreiros fai que na conversa co potencial cliente se transmita o seu amor polos libros e as súas recomendacións. Certamente, non é o mesmo, Internet aínda non nos pode dar iso.

Chama a nosa atención que o groso do exposto é de literatura infantil. Ben saben os libreiros de quen vai á feira, como, con quen vai e por quen se rascan o peto.

Líamos días atrás no blog da editorial Galaxia un artigo de Xosé Antonio López Silva, titulado “Casetas, libros e cadernos“, que nos fixo lembrar con nostalxia o que foi a Feira do Libro para moitos e moitas de nós. Contamos, esperamos e desexamos que así sexa para as nosas nenas e para todos os cativos que esta mañá trouleaban felices cos seus libros baixo o brazo polo Paseo das Letras Galegas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: