A nosa achega á educación infantil

As secuelas da Supernanny

In FamiliarizArte on 18/04/2013 at 06:41

Dun tempo a esta parte, cada vez que temos titorías coas familias, con frecuencia os pais mencionan que seguen os métodos da Supernanny na educación dos seus fillos ou fillas. Gábanse todos cheos de razón da rigorosidade coa que seguen todas as rutinas diarias –hixiene, alimentación, descanso- agora case convertidas en rituais.

Os pais e nais que nos fan estes comentarios non se parecen nin de lonxe aos que aparecen no programa televisivo; adoitan ser persoas novas, preocupadas polo correcto desempeño das súas funcións parentais -para as que non foron preparados-, e que agora cren ter atopado a panacea. Todos temen que nun futuro os seus retoños acaben sendo coma os adolescentes rebeldes que aparecen noutro popular reality. Asemade, dáse a coincidencia de que moitas destas parellas, co nacemento dos fillos, tamén abrazaron outro método que non sabemos ben porque tivo tanta acollida –ou si o sabemos-, o método Estivill.

Teño que confesar que nunca fun quen de ver un deses programas completos. Prodúceme tal repugnancia a falta de madurez e de responsabilidade dos proxenitores que reclaman a axuda da Supernanny, que xa non podo manterme diante da televisión. Nas casas ás que vai a psicóloga, debería comezar a súa intervención cos pais e/ou nais, que adoitan ser os verdadeiros culpables de que os fillos sexan como son (case sempre coma eles).

Disto fago moitas lecturas e extraio cando menos dúas reflexións directamente relacionadas co noso ámbito de traballo:

1ª O que nos amosan con eses métodos non é educación, nin é educativo, é adestramento puro e duro. Condutismo. Os obxectivos que se perseguen son a submisión, obediencia e acatamento de ordes ou regras mediante o sistema dos premios ou castigos. Para o cal, esa fría muller que parece unha mercenaria instrúe aos pais na sistematización do maltrato psicolóxico. Malia que, ás veces, tamén apunta algunha cousa sobre a que non lle falta razón.

Non sabemos ben como os comités de vixilancia de contidos televisivos non interveñen, cando fai xa un par de anos, a Comisión de Dereitos da Infancia da ONU publicou un informe no que se criticaba a imaxe da infancia e da súa educación que se transmite a través destes reality shows.

Engadido ao xa exposto, o motivo polo que nos preocupa, é porque estamos constatando que os nenos e nenas criados baixo eses parámetros tan pechados -que sempre seguen a mesma estrutura, o mesmo horario, as mesmas condicións-, mostran unha grande resistencia a calquera cambio. Non se lle poden variar as rutinas porque do contrario aflora o seu desconcerto e a súa frustración. Non pensan, só actúan segundo aquilo para o que foron adestrados. Coloquialmente, dicimos que son cuadriculados.

Enténdase ben que somos partidarias do establecemento de normas e regras para cos cativos, sempre e cando estas sexan froito da conversa, da reflexión, do consenso e do acordo. Aos nenos/as hai que facelos coñecedores das razóns polas que se estipulan determinadas pautas de actuación, individual e social, e que o seu incumprimento debe ser obxecto de análise e razoamento. O que non pode ser e que lle sexan gravadas a lume e que teman a súa alteración. Para ilo, non son precisas nin as cadeiras de pensar, nin os recantos, nin os minutos de silencio, nin ignoralos, nin as grellas de rexistro de boas/malas condutas nin ningún deses sutís e refinados métodos de castigo. Educar é outra cousa ben diferente de convertelos en marionetas sen vontade nin capacidade de decisión propia.

2ª É unha mágoa que non se emitan bos programas televisivos dirixidos á formación/información dos pais e nais sobre a educación dos seus fillos e que se lle metan polos ollos eses exemplos. En Galicia, tivemos unha iniciativa senlleira na formación para a crianza dos pequenos, o programa Preescolar na Casa do que se emitiron máis de 700 capítulos, e que era seguido por milleiros de familias os sábados pola mañá. Un formato feito con seriedade, rigorosidade e coñecemento tanto da infancia coma das demandas e necesidades dos pais/nais. De seguro que non podían competir coa Supernanny canto a audiencias, pero canto a calidade non habería parangón.

Para rematar, só nos queda preguntar –e reflexionar- sobre os motivos do éxito destes métodos tan pouco respectuosos cos nenos/as e que ninguén dea a voz de alarma sobre eles.

Advertisements
  1. Hai anos, dúas psicólogas do concello ofreceron no centro de educación infantil onde estudaban as miñas fillas unha charla sobre disciplina (este fora o tema escollido polos pais e nais do centro) que aplicaba as mesmas receitas de Supernanny. A min aquilo lembroume un libro que tiña na casa titulado “La educación del pastor alemán”. Propoñían para os nenos o mesmo tipo de educación que se aplica ao adestramento de cans! Non son os nenos seres racionais co don da palabra?, non significa iso que temos a posibilidade de falar con eles?

    Vendo os primeiros capítulos de Supernanny (despois deixei de seguila) tamén me teño preguntado se, no fondo, non será máis maltrato ignorar un neno que darlle un cachete no cu. O que non quere dicir que avogue pola educación a base de cachetes. A miña experiencia ata o momento é que o que mellor funciona é dedicarlles tempo e atención.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: