A nosa achega á educación infantil

Entrega dos premios Francisco Giner de los Ríos

In PremiArte on 17/04/2013 at 06:45

???????????????????????????????

O pasado mércores tivo lugar a entrega dos premios Francisco Giner de los Ríos á mellora da calidade educativa, que nesta XXVIII edición, recoñeceron a achega de InnovArte Educación Infantil. Para nós foi a culminación dunha aposta feita o 15 de outubro cando decidimos concorrer a este prestixioso certame educativo. Logo viñeron as dúbidas e as inseguridades, xa que logo, sempre dicimos que presentarse a un premio entraña un grande risco, que vai máis alá do traballo que supón, e que non é outro que o dano que se lle pode ocasionar á autoestima se as cousas non saen ben. Por sorte para nós, foinos ben e a piques de rematar o ano, chegounos a boa nova.

Agora soubemos que foron cento trinta e cinco as experiencias educativas presentadas, valoradas por un xurado integrado por membros da Real Academia Española (RAE), do Consello Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), do Ministerio de Cultura, Educación y Deporte (MECD), e outras personalidades de recoñecido prestixio no eido da educación entre as que se atopan o Reitor da Universidade de Madrid, a historiadora Carmen Iglesias e a directora do IES Ramiro de Maeztu, Coral Báez Otermín. En palabras do presidente da Fundación BBVA, canto mellor é o xurado, maior garantía é dunha boa selección.

Nesta ocasión tan especial para nós, as dúas irmáns Abelleira, quixemos estar acompañadas pola nosa nai e pola nosa pequena Casilda. Tres sensibilidades e tres percepcións diferentes do feito educativo: a dos nosos pais, que desde ben cativas nos ensinaron a respectar aos mestres e nos fixeron entender que a educación sería o único que nos faría medrar rectamente, e así chegar a onde eles non puideran; a da nosa filla/sobriña, que esperamos entenda as compensacións da dedicación e compromiso da súa nai e da súa tía para coa educación, malia que isto lle reste tempo a ela; e a nosa, que tras moitos anos ilusionadas coa nosa profesión, despois de moitos esforzos e investimentos propios, os nosos ánimos xa empezaban a esmorecer. Quen nos coñece, sabe/entende o especial que foi ese momento.

Asemade, estivemos acompañadas polo Vicepresidente do Consello Escolar de Galicia, que acudiu en nome da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, xesto e elección que agradecemos, nomeadamente, por tratarse dun membro do máximo foro educativo de reflexión, participación, expresión e aportación de ideas dos representantes de todos os sectores sociais da Comunidade Autónoma de Galicia. A vólta tamén fomos recibidas polo conselleiro que quixo coñecer máis de preto InnovArte.

Nos días previos, e por mor da recepción que nos dispensou o rexedor do concello no que traballamos -e vivimos-, a noticia saltou aos medios de comunicación, que deron en denominar este premio coma o “Óscar da educación”, para que así xente puidese comprender o significado do mesmo. En todas as entrevistas que tiveron lugar, tamén agradecemos especialmente que se fixeran eco desta boa noticia, cando polo xeral, os medios só parecen interesarse polos incidentes escolares ou por aqueles episodios que non reflicten a realidade cotiá da escola, pero que chegan a embazar a súa imaxe. Deste xeito, foron moitas as persoas que souberon de nós, do traballo que se desenvolve nas escolas, e polo que recibimos os parabéns de coñecidos e moitos descoñecidos que se sentiron orgullosos da educación pública galega e dos seus mestres. Nós engadimos que o día que as noticias sobre a educación ocupen tanto espazo nos xornais e nos medios coma a moda ou o futbol –por pór un exemplo-, daquela, teremos outro país e outra cidadanía.

Durante o acto, proxectouse un vídeo cun resumo de cada experiencia para o que nós lles aportamos o breve texto que podedes ler aquí, no que facíamos unha aposta pola escola pública, pola valía do profesorado e pola diversidade, para o cal establecemos unha comparanza cun lugar emblemático na nosa traxectoria profesional: Monte Louro en Muros.

No que vimos de contar haberá quen atope fachenda e vaidade, quen faga lecturas ideolóxicas e outros desvaríos, pola contra, a nós gustaríanos que se vise o orgullo de dúas mestras froito da educación pública, que non somos máis ca unha mostra dos milleiros de mestres que hai nas escolas que día a día se desviven por sacar o mellor de cada neno e nena, contribuíndo así á mellora real da sociedade galega.

Ver fotografías.

Advertisements
  1. Noraboa¡ Como dixo recentemente José Luis Sampedro, non estou conmovida estou enternecida, alégrome moito e síntome moi orgullosa deste premio para vós. Ogallá o sintades como agasallo dos vosos seguidores a quen tanto ben nos facedes.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: