Síndrome da porta xiratoria na educación pública

Aplícaselle esta denominación a aquelas situacións nos que hai entradas e saídas pasando dun sistema a outro, por exemplo aos políticos captados do sector privado que, tras exercer no ámbito público, retornan a aquilo no que estiveron influíndo. Tamén se usa con aqueles mozos que, tras independizarse, teñen que regresar ao fogar familiar por problemas económicos. Ultimamente tamén se emprega para referirse ao que viven aqueles fillos/as de pais separados aos que de inmediato lles van presentando as novas e sucesivas parellas dos seus proxenitores.

Nós demos en usalo para con un efecto da crise que estamos empezando a percibir, precisamente agora no momento de solicitude de matrícula. Pais e nais educados na escola pública, que nos tempos de bonanza económica quixeron levar aos seus fillos/as a centros privados máis acordes co estatus que puideron disfrutar por un tempo -ben diferente do da súa infancia-, e que agora, polos cambios acaecidos, se ven na necesidade de solicitar praza en centros públicos xa que logo non poden soster as cargas económicas que isto lle supuña. Un curioso efecto boomerang que ten ou mellor dito, terá as súas consecuencias, porque o tránsito por un sistema diferente xera unhas expectativas ben distintas do que é a prestación do servizo educativo, que sumadas á incomodidade do cambio, acaba producindo un grande malestar, tanto para os novos “residentes” como para os “habitantes” da casa. Os costumes non son os mesmos que cando marcharon, algo mudou, emporiso a readaptación vai ser dura, para uns e para os outros.

Non imos a entrar aquí naquilo que diferenza á escola pública da privada (mesmo da concertada), xa que todos temos unha idea bastante aproximada sobre esta cuestión. Agora ben, hai certas atencións da privada máis dirixidas á captación do cliente que van máis alá do estritamente educativo. E iso será o elemento que botarán a faltar estas familias na escola pública. Esa será a pedra de toque. Ese será o motivo de discrepancia e mesmo de descalificación da escola pública.

A solución: non hai solución, porque é algo alleo a nós. Pero podemos evitar comparacións odiosas se desde o primeiro momento no que estes pais pisan o centro tratamos de mostrarlle os puntos fortes da escola pública, salientando as vantaxes que isto terá para a educación dos seus fillos. Sen complexos, que o noso grande problema é que sempre vendemos máis o negativo ca o positivo (outra das cousas que nos diferenza da privada). A escola pública é unha grande opción para eles e os seus fillos, non é unha desgraza sumada ás outras que xa teñen.

Pero é unha visión que primeiro temos que crer nós mesmos para ser quen de transmitírllelo ás familias.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s