A nosa achega á educación infantil

Agasallos para o Día do Pai/Nai

In RebelArte on 02/04/2013 at 06:59

Lemos na rede a carta-protesta dun pai dunha nena de educación infantil porque o pasado 19 de marzo, Día do Pai, non lle prepararon ningún agasallo na escola, que el esperaba en mostra de agradecemento polos coidados que lle dispensaba con xenerosidade á súa filla, e que por riba sospeitaba que o mesmo ía acontecer no Día da Nai.

Argumentaba este home que desde que recordaba sempre se fixera así, e que nos centros aos que acudían os fillos dos seus coñecidos seguían a manter esa fermosa costume. Dicía tamén que intuía que non se facía esta actividade pola actual diversidade de familias non convencionais e/ou pola ausencia da figura paterna en moitas delas, algo que para el non era problema, porque seica xa fixera as consultas pertinentes entre colectivos homosexuais, e que por outra banda, no caso de parellas rotas, serviría para non culpabilizar máis ao ausente, case sempre o pai. Ao seu entender, este agasallo sería unha maneira de facerlle manifestar ás criaturas o agradecemento para con quen se desvela por eles.

Non queremos entrar aquí no feito de facer ou non facer este tipo de actividades no tempo lectivo. O único que queremos dicirlle a este pai é que no que se inviste o tempo escolar e o esforzo das docentes ten que ver, xeralmente, co concepto que teñen da educación, da escola e da infancia. Que poida que haxa profesionais do ensino que non consideren a pertinencia de agradar dese xeito a un pai/nai nunha data fixada no calendario por entre outras razóns:

1ª Porque están ocupadas no desenvolvemento de competencias –como a social e cidadá-, e no traballo de contidos ben recollidos no currículo de educación infantil, que lle axudarán a conducirse pola vida con solvencia e autonomía, tales como:

-O recoñecemento dos membros da súa familia e dos vínculos existentes entre eles (case ningún pai sospeita o traballoso desta cuestión ou doutras como pode ser aprender o nome de pila dos seus pais).

-O recoñecemento, identificación e manifestación dos sentimentos ou emocións de cara esas persoas achegadas.

-A valoración da importancia dos acenos e dos afectos por enriba dos elementos materiais ou tanxibles.

-O fomento de actitudes responsables de cara ao consumo, sendo críticos coas tiranías da publicidade de do marketing.

-O desenvolvemento da creatividade nas súas creacións individuais ou colectivas, que por suposto, non se acada realizando accións e obxectos en serie.

Como pode percibir este pai, estamos a falar de obxectivos educativos moi elevados e desexables nunha cidadanía madura. Algo co que temos a completa seguridade, todos os pais/nais coincidirían e anhelarían para os seus fillos.

E se ese pai, máis ca pensar en si mesmo e no que lle agrada nun momento, pensara no que lle convén á formación integral da súa filla, poida que –ao igual que pide para si mesmo- agradecera e tratara de comprender a labor que desenvolve a mestra. Non ten máis ca pensar na cantidade de xestos, actitudes, feitos e coñecementos novos cos que cada día o sorprende, e nos que é de supoñer determinante a labor  desa mestra ingrata e desleixada que non se tomou a molestia de prepararlle un agasallo para unha data tan sinalada para el.

Se ese pai fose quen de distinguir a educación infantil de calidade, poida que non esperara da mestra que fixera disfraces, postais, adobíos, agasallos e outras manualidades.

Se ese pai quere tanto á súa filla é de supoñer que preferirá a alguén que llela vaia formando para ser quen de pensar, enxuiciar, argumentar, valorar e apreciar, a alguén que llela converta nun ser que realiza traballos en serie idénticos a un prototipo fixado e que da unhas mostras afectivas marcadas por un calendario comercial.

O dito, unha vez máis estamos a falar do que queremos que sexa a escola infantil na vida dos nenos/as, e esas expectativas sempre se van a corresponder coas crenzas e modelos de cadaquén. Modelos hai moitos, pero non todos valen nin producen os mesmos efectos.

As nosas desculpas para aqueles que esperan que a escola sexa coma un taller clandestino de traballo en serie para una grande multinacional, porque nós seguiremos tratando de facer aflorar o mellor de cada neno e nena, non en reproducir suxeitos segundo normotipos.

Estimado pai, que non lle conten contos; estas son as verdadeiras razóns polas que hai mestras que non fan agasallos en serie para pais e nais en días marcados polo comercio.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: