A nosa achega á educación infantil

Paro biolóxico

In RebelArte on 04/03/2013 at 08:06

Ancora Cuerda Redes de Pesca

A quen nos pregunta que é o que pasa coa falta de actividade de Innovarte, contestámoslle que estamos en paro biolóxico.

Ao igual que na pesca, vímonos na necesidade de deixar de explotar un caladoiro coa fin de que se recupere e rexenere. Neste caso, máis ca do caladoiro trátase de nós. Poida que sucederan moitas cousas que nos desbordaron e que nos deixaron fóra de xogo.

A primeira e máis importante, a acentuación da crise económica das familias e a súa incidencia no noso alumnado. Hai que innovar cando se pode, cando o clima da aula é o propicio, pero neste momento os nenos e nenas que atendemos precisan doutras cousas, doutras intervencións máis inmediatas que lle axuden a atopar a serenidade na aula para que este espazo e ese tempo lles fagan esquecer o mal trago polo que están a pasar os seus. Nos anos que levamos traballando nunca vimos nada igual. Certo é que a contorna do centro é especialmente sensible, todo se baseaba en traballos temporais relacionados coa actividade dun polígono industrial, porén está supoñendo a marcha de moitas familias e a precarización da situación doutras moitas. Seríamos unhas inconscientes se seguíramos coa nosa sen reparar en que o estado dos nenos/as precisa, ante todo, de seguridade e estabilidade afectiva. Aí é onde centramos neste intre os nosos esforzos, InnovArte é unha actividade secundaria.

Relacionado coa crise e coa actual situación social, xa non sabemos se atender as noticias dos medios de comunicación ou agocharnos nunha cova e esperar a que escampe. Cada día, antes de ir para o traballo, sorpréndenos cun novo caso de corrupción; unha morea de desvergonzados que se quedan co que non lles pertence nin traballaron, nin gañaron e que logo ten unhas consecuencias que todos temos que pagar, nomeadamente os funcionarios e a educación. Isto quítalle os folgos ata aos máis animosos.  E nótase, nótase moito, nunca vimos tanto desánimo entre os compañeiros, porén coidamos que non era momento de poñernos a pontificar desde a nosa particular tribuna, InnovArte.

As iluminacións dos políticos e dos sabios do momento tampouco son certeiras. Curiosamente, case ningún destes personaxes ten unha experiencia acreditada no eido educativo e con todo non teñen ningún reparo e dar solucións definitivas para problemas que eles mesmos –ou os da súa camada- crearon. Ninguén debería exercer ningún cargo relacionado coa educación –ou con outro ámbito- se previamente non coñece o percal. Abondan persoas que saben de educación -de todas as cores políticas- e sempre teñen que poñer ao fronte a quen nunca viu un “neno cru”. Así nos vai. Non deberíamos pasar por iso, pero tampouco queremos estar a dar a réplica ao que nin sequera deberíamos tomar en consideración. InnovArte ten a súa música e o seu ritmo, ninguén lle pode marcar o compás. E o silencio tamén é unha forma de ignorar, non dando crédito a quen non se o merece.

As redes sociais que poderían ser unha oportunidade de intercambio de experiencias educativas novas entre o colectivo docente e unha plataforma para amosarlle á sociedade o que se fai na escola, non son máis ca unha autopista de aforismos, consignas, proclamas e outras herbas, que en nada contribúen á mellora educativa. Sen mencionar como corren pola rede mensaxes que non se analizan polo miúdo. Hai unha procura do máis sorprendente, que non promove máis ca o visceral, o efémero, o consumo rápido. No medio de todo iso, xa non sabíamos se había lugar para as achegas de InnovArte, emporiso, paramos e reflexionamos.

Engadido a todo o anterior, a resaca dos exames e múltiples “traballiños” do máster que estamos a facer, xunto coa valoración que como alumnas temos da situación actual da universidade, tampouco é unha fonte de estímulo. Algún día destes falaremos devagar, porque as facultades de educación ou se renovan ou están abocadas á súa desaparición, e o máis triste é que ninguén as botará a faltar. Ser alumnas á nosa idade non é cousa fácil, nin para nós nin para quen nos ten que aturar, pero -sen arrogancia- a vertente innovadora da universidade no campo da educación está, ao noso entender, neste momento, moi errada e moi lonxe das inquedanzas da escola. Con calma e con distancia, falaremos disto.

Coincide tamén agora que nos admitiron un curso do INTEF no que estábamos moi interesadas, “Avaliacións externas internacionais do sistema educativo”, e que como todos os cursos a través da rede, require da elaboración de múltiples tarefas que nos resta tempo para InnovArte. Disto tamén falaremos máis adiante.

Con todo, cando comentábamos coas persoas máis achegadas a nós e que se preocupaban porque InnovArte non se movía, sempre lle dicíamos que a falta de horas nunca foi un problema para nós, soubemos sacarllas ao sono, pero o desánimo, o ver como se derruba todo ao noso redor, como se descalifican as institucións de referencia, percibir a manipulación informativa, vivir no engano, na superficialidade e frivolidade que impera na escola –que oculta a involución que a está a invadir- , todo iso é o que sacou a InnovArte dos circuítos.

Emporiso, queremos avisar que seguiremos, pero a outro ritmo, ao que nós marquemos, cando pensemos que temos algo que dicir que poida ser de interese para os demais. Polo de agora, e para quen queira, hai moito que ver e ler en InnovArte, 800 entradas e 3 anos de traballo deron para moito. Agora non temos tanto que contar e non imos banalizar a nosa achega por manternos vivas nas redes ou por conservar o número de visitantes.

Grazas pola vosa preocupación e comprensión.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: