A nosa achega á educación infantil

O bo mestre

In ActualizArte on 28/01/2013 at 07:47

image

Recentemente lemos no blogue  Observatorio de innovación educativa liderado polo filósofo José Antonio Marina, director do CEIDE, e coeditado pola pedagoga Carmen Pellicer -subdirectora do mesmo-, un post titulado O bo mestre que queremos compartir e do que recomendamos a súa lectura.

Imos buscando, como di José Antonio Marina, boas prácticas educativas, como sementes de cambio que, de savia vigorosa, sexan capaces de comerse tanta cizaña mediática que fai cambalear a esperanza de que a educación pode transformar un futuro que vemos tan incerto. E sabemos que, no fondo, todas as experiencias educativas de éxito teñen un só elemento en común: bos profesores que as incitan e acompañan, non para brillar nin presumir, senón para que os seus alumnos aprendan e medren. Por iso, moitas están ocultas e quedan no secreto da cotidianeidade de centos das nosas aulas.

Queremos desvelalas, e aos seus artífices, os bos mestres. 

Aprendemos cada día de todos eles o significado e o poder que se esconde detrás de “dar clase”, de poñerse diante dun grupo de nenos, que, aínda que só por un instante están expectantes. Algúns, cal magos do espírito, son capaces de lograr imposibles e de deixar pegadas nas súas mentes e nos seus corazóns. Como son eses protagonistas das mellores clases? Como é un bo mestre?

Este é o noso particular decálogo:

1. Sabe e cre que o que sabe é importante e necesario para comprender a vida e a un mesmo, e para avanzar, emporiso profunda no coñecemento do que quere ensinar e busca os xeitos de facelo sinxelo e comprensible para todo o seu alumnado.

2. Coñece ben aos seus alumnos/as, non só como son, senón tamén por que son como son e, sobre todo, de que son capaces. Ten de cada un deles unha visión de cara a onde poden crecer en todas as súas dimensións, e sabe como empurralo cara a adiante para lograr o mellor deles mesmos.

3. Identifica as necesidades e os momentos nos que está cada alumno e como afectan ao seu desenvolvemento persoal e xera unha multiplicidade de oportunidades e recursos variados para que todos se impliquen e aprendan en profundidade.

4. Manexa con axilidade diferentes estratexias e metodoloxías que dotan á clase do ritmo e da tensión necesaria para estimular a motivación, a curiosidade, a atención e a reflexión do seu alumnado.

5. Fai aos seus alumnos cada vez máis autónomos e protagonistas da súa propia aprendizaxe, creando un clima cálido e respectuoso de participación e colaboración mutua, xestionando os conflitos con firmeza e eficacia.

6. Fomenta a creatividade e amplía os horizontes de aprendizaxe facilitándolle o acceso a diferentes recursos, experiencias, linguaxes, interlocutores e ferramentas tecnolóxicas.

7. Dedica tempo e esforzo persoal a pensar sobre cada un dos seus alumnos e as súas clases, que prepara, planifica e modifica á vez que estuda, investiga e contrasta para medrar con e para eles.

8. Acompaña os procesos de maduración e aprendizaxe de cada alumno, avaliando e discernindo sobre o que ve e o que revela aquilo que ve, e propoñendo iniciativas de mellora e superación continua.

9. Comparte o seu coñecemento e experiencia, e traballa en equipo cos seus compañeiros, implicándose nun proxecto común que axude ao seu alumnado máis aló da súa aula e da súa mesma escola, facendo cómplices da súa educación ás familias e outros axentes sociais presentes na vida local.

10. Goza dos éxitos dos seus alumnos e das súas alumnas e vive os seus fracasos como propios, cre no que fai e sabe que o que fai pode marcar unha diferenza nas súas vidas, e por iso comprométese con eles, sacando o mellor de si mesmo para eles.

Pero creo, que ao final, e logo de moitos anos de docencia, aprendín que tes que quererlles o suficiente para que che importen. Isto non se pode poñer no decálogo porque o agarimo non se pode esixir, só regalar. Por iso, diante de calquera dos meus grupos de alumnos, pequenos e grandes, necesito deixarme seducir e engaiolar por eles, e entón deixarme a pel e a vida en arrincarlles sorrisos, miradas de complicidade, preguntas e inquietudes, facelos enfadar e sorprendelos. 
E entón ese agarimo que se nutre do roce diario, a impaciencia, o cansazo superado, a rutina que se rompe, á vez que das miles de recompensas fugaces que recibes cando os ves medrar e ser máis e mellores. Ese agarimo é o que os educa, e o que te sostén a ti.

Cremos que todas e todos nos sentimos identificados con estas verbas de Carmen Pellicer, e nestes tempos de abatemento e desacougo polo futuro da nosa benquerida educación, faise preciso ter moi presente sinxelos decálogos como este que logran que nos escintilen novamente os ollos ao pensar na nosa vocación, na nosa labor, no noso alumnado e no futuro de toda unha xeración.

 

Advertisements
  1. Grazas mil e máis. Imprimo e pego na miña cabeza e no meu corazón.

  2. É moi gratificante ler nas palabras de outra persoa que se adica ao mesmo asunto ca ti unha razón similar para continuar neste traballo despois de tantos anos. Eu tamén descubrín, como Carmen Pellicer, que querer ao meu alumnado foi algo espontáneo e necesario para seguir en Educación Infantil, a pesares dos anos, as lumbalxias e demáis atrancos. Por suposto que non llo podes contar a moitos compañeiros e compañeiras, a risco de parecer sensiblera, pero sabes que é moito o que os pequenos che devolven: enerxía, agarimo e a oportunidade de seguir aprendendo cada día que estás con eles. Parabéns por este agasallo.

  3. […] Volvín o meu cole que xa é moi diferente, por dentro é de coloríns e ten un montón de dibuxos nas súas paredes e ten unha biblioteca enorme que ten moitos ordenadores, ata un teatro ten! Meu cole agora segue a ter poucos nenos e nenas e cada vez menos mestres, pero cónstame que son bos mestres. […]

  4. […] sobre educación non dubidedes ler o blogue de InnovArte  e artigos tan xeitosísimos como este. Ou se queres por que reivindicamos unha educación pública de calidade, quizais isto sexa de […]

  5. […] e unha mullar da Costa da Morte, eso xa é dicir moito, non traballa nun cole, pero é mestra, unha boa mestra, cos pes na terra e no mar, cercana, observadora sempre, acompañante, directora, […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: