A nosa achega á educación infantil

Tres anos de InnovArte

In EmocionArte on 27/01/2013 at 16:24

Fai hoxe 3 anos botou a andar InnovArte Educación Infantil; non podíamos imaxinar daquela as repercusións disto. O que comezou sendo un espazo entre compañeiras, sobre todo coa finalidade de almacenar ligazóns e recursos, tivo unhas consecuencias –nomeadamente para nós- coas que non contábamos. Ver como se ía espallando, como cada día tiña máis seguidores que nos daban azos para continuar, fíxonos cambiar o planeamento inicial. InnovArte converteuse nun referente para moitas persoas, emporiso a nosa “responsabilidade” era diferente: pais e nais, opositores, alumado dos graos de educación, mestres e mestras esperan, confían, comparten e secundan a nosa opinión sobre os temas que afectan directa ou indirectamente á educación infantil. Isto para nós, mesmo supón unha presión, pero, e sobre todo foi unha fonte de enriquecemento profesional. Obrigounos a reflexionar moito arredor das nosas concepcións sobre a infancia, a educación, a sociedade, as familias, as prácticas escolares, os docentes, etc. A exposición pública a través do blog carreounos unha medra profesional que non poderíamos cuantificar. Aprendemos tanto nestes tres anos que InnovArte sempre será un fito na nosa traxectoria profesional. Hai un antes e un despois.

Por outra banda, sempre pensamos que fomos unha xeración privilexiada canto á nosa formación, vivimos os seus momentos iniciais, tivemos asesoras e asesores excepcionais que nos brindaron a ocasión de relacionarnos con outras compañeiras, de coñecer a teóricos, investigadores e outras experiencias escolares dentro e fóra da nosa comunidade, que nos motivaron para facer e mostrar o que facíamos, e sobre todo, que nos fixeron crer que o noso pequeno traballo nas aulas non era irrelevante. Fomos partícipes do empoderamento da educación infantil, amosándolle á sociedade e ao colectivo docente que para ser mestra de infantil había que saber algo máis ca contos e cancionciñas. Vivimos os momentos da euforia formativa (en breve falaremos das súas horas baixas), momentos que na cabeza de moitas de nós permanecerán sempre unidos ás persoas que a fixeron posible.

Emporiso, a día de hoxe, consideramos que, -o mesmo que fixeron con nós-, é obrigado compartir cos demais a nosa experiencia. Seica así se fixo sempre nas tribos, nas aldeas e nas familias: os máis experimentados teñen a responsabilidade de transmitirlle o coñecemento aos que se están iniciando. Compartir de balde, con rigorosidade profesional e con ilusión.  As/os que cremos no potencial da educación non podemos gardar nun caixón o noso saber e dispensalo baixo fórmulas de venda que pasan pola filiación, pola inscrición ou polo rexistro nun grupo ou nunha asociación. Daquela estaríamos a facer o mesmo que criticamos: non poñer ao alcance de todos a cultura e a sabedoría, algo a día de hoxe imperdoable, inxustificable e inexplicable dado as canles das que dispoñemos.

Tamén cómpre dicir que non teríamos chegado ata aquí sen o alento continuo de persoas, coñecidas e moitas descoñecidas que cada vez que decaíamos estaban ao noso carón para levantarnos o ánimo. A ninguén se lle escapa que relatar as experiencias que desenvolvemos na aula, compartir lecturas, documentar e escribir nos ocupa moito tempo e esforzo; 800 entradas no blog (en galego e en español) non se fan nun intre perdido. Agora ben, os azos e comprensión fan que o traballo se vexa compensado.

Decote contamos co recoñecemento dos e das lectoras, os seus comentarios sempre son positivos tanto no blog como en Facebook ou Twitter, agás algo que nos sucedeu fai uns días cando alguén que se agochaba tras un pseudónimo nos preguntou se InnovArte non sería un fraude. Non contestamos pero quedamos desacougadas. Para que algo sexa fraudulento ten que haber unha intencionalidade enganosa e interesada, condición que non se dá no blog. Tampouco lle demos resposta porque cremos que a transferibilidade das informacións e das experiencias non está na nosa man, senón na cabeza de quen nos le; e que a mirada de cada un dos nosos lectores atopará tanto de proveito ou de fraude como queira ver. Nin máis nin menos. O que é unha mágoa é que se cargue contra os que fan, parece que é inherente á profesión a intolerancia e a falta de respecto aos acertos ou éxitos dos compañeiros. Máxime cando estamos a falar do ámbito da educación.

Para reflexionar un chisco, porque de seguro que moitos dos nosos lectores tamén viviron algunha experiencia de intolerancia allea ao éxito, porén, ben poden intuír os motivos que se agochan tras esas críticas. Malia todo, non queda outra que seguir cara diante que o tempo xa encargará de poñer todo lugar que lle corresponde.

Ao igual que a obra que identifica o blog desde o inicio, Spiral Jetty, seguiremos reflectindo o paso do tempo e os seus efectos no sistema. Velaquí as últimas fotografías tomadas da intervención de Robert Smithson en Great Salt Lake, corenta e tres anos despois da súa realización, aínda contemporánea, aínda desconcertante, aínda incomprendida, pero, visible ou non visible, aínda presente.

Advertisements
  1. 3 anos teñen os nosos alumnos cando empezan, 3 anos están nas nosas aulas, 3 anos en educación é moi pouco tempo, tan so un pasiño, o primeiro e mais importante.
    3 anos son suficientes para facer unha avaliación(un ciclo), pero…. é unha sorte saber que queda moito por facer! Que aínda podemos seguir aprendendo, cambiando, revolucionando, sorprendendo, modificando, … así o demostrades cada día no voso blog.
    Parabéns por todo o voso traballo e premios, que cumprades moitos mais, non perdades a ilusión.

    • Grazas amiga María. Os tempos non son os mellores, os estímulos e motivación teñen que nacer de nós que de fóra non veñen, pero sabendo que o noso traballo serve para algo xa é razón de máis para continuar.
      Tres anos é moito tempo e tamén pouco, pero nunca contamos con chegar ata aquí.
      Bicos e temos unha cita pendente

  2. Parabens por estes tres anos!!! Para esa persona da que falades no comentario, decirlle que si todos os “FRAUDES” son como os vosos ¡ EU APUNTOME O FRAUDE!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: