A nosa achega á educación infantil

Disfraces en serie na escola

In RebelArte on 15/01/2013 at 07:43

Estamos desconcertadas, non entendemos nada. Claustros nos que o curso pasado se tomou a decisión de non facer festivais ou disfraces -por mor do incremento da carga horaria e de responsabilidades non docentes-, xa están a esta hora a toda máquina deseñando os desfiles do Entroido 2013, malia que as condicións non melloraron, senón, pola contra, empeoraron significativamente.

Que é o que pasou? Que foi o que os fixo mudar de postura?

As persoas que nos seguen ben saben que as razóns de InnovArte para negarse a este tipo de actividades teñen outra base que non é a reivindicación dos dereitos laborais, senón a profesionalización docente. Abonda ler os nosos post dos anos 2010, 2011 e 2012 centrados nos disfraces do Entroido. Ademais, sempre dixemos que os nosos dereitos hai que defendelos onde corresponde, sendo nós exemplo de usuarios dos servizos públicos e mostrándolle á sociedade a nosa competencia e solvencia profesional.

Agora, para xustificar esta “volta aos ruedos folclórico-escolares” escoitamos razóns do seguinte tipo:

Está determinado no currículo. NON, non nos enganemos, o currículo fala da necesidade de que os nenos/as coñezan as principais festas e tradicións do calendario e da súa comunidade. Pero isto non implica, nin pasa porque as mestras fagan de costureiras, de bailadoras de samba ou de chirigoteiras. O cumprimento deses obxectivos require doutras competencias que non se deben relegar en aras desa mal entendida recuperación das tradicións populares.

É para dar alternativas ao desaforado consumo. NON, non nos enganemos, as bolsas, papeis de cores, goma eva, leotardos e polos a xogo xeran máis consumo do que se pensa. Alternativa ao consumo é volver ás tradicións galegas propias destas datas: vestirse con roupas vellas e tisnar a cara.

É para que colaboren as familias. NON, non nos enganemos, reducir a corresponsabilidade educativa das familias a ser meros facedores de disfraces é un insulto para eles.

É para que ninguén se sinta de menos ou relegado na clase. NON, non nos enganemos, que saian á rúa 400 rapaces vestidos igual, fainos pensar en moitas cousas, pero non en non discriminación.

É porque a educación infantil ten que ser eminentemente lúdica. NON, non enganemos, en infantil débense empregar metodoloxías nas que a través do xogo se desenvolvan experiencias de aprendizaxe ricas e significativas, pero a nosa responsabilidade e cualificación profesional vai máis alá do lúdico.

É para que os nenos/as realicen os seus propios disfraces. NON, non nos enganemos, á vista das fotografías que se publican nesas datas a ninguén lle entra na cabeza que eses disfraces todos iguais sexan froito de dar renda solta imaxinación e creatividade persoal de cada neno/a.

É para pechar un proxecto. NON, non nos enganemos, o traballo por proxectos é unha metodoloxía que partindo dos intereses dos nenos/as por algo que queren saber, toman como punto de partida o que saben e o que lles falta por saber, así van procurando información, clasificándoa, organizándoa, categorizándoa e asimilándoa. Pero nunca se sabe como vai rematar, porén, que tres meses antes xa se saiba de que van ir disfrazados non é un proxecto. É outra cousa.

É porque os nenos/as o pasan moi ben. NON, non nos enganemos, os nenos non o pasan ben facendo os mesmos adobíos ao longo de tres semanas, aturando a unha mestra que está dos nervios porque ve que se lle esgota o tempo é a paciencia, e facendo o “paseíllo de rigor”.

É porque lle gusta aos pais/nais e dá unha boa imaxe do centro. NON, como profesionais da educación non deberíamos deixar que se medira a calidade do servizo prestado en función da vistosidade dos actos de cara á galería, que en moitos casos implican a deixación doutras funcións máis propiamente educativas.

É porque a escola é onde se xuntan todos. NON, non nos enganemos, a día de hoxe os nenos pasan moitas máis horas noutros servizos que teñen por obxecto principal o entretemento e o lúdico, porén eses serían os lugares idóneos para facer os disfraces e non as escolas.

Descartadas todas esas razóns que farían que as docentes se “sacrificaran” polo seu alumnado, cal é entón o motivo polo que as mestras de infantil dedican as horas lectivas a facer disfraces?

Alguén nolo pode explicar con argumentos de carácter pedagóxico e/ou didáctico?

Cremos que non cómpre matizar que a nós nos gusta que os rapaces se disfracen, se maquillen e se transformen no que queiran. No que eles queiran. Na banda do trapo.

Advertisements
  1. É ben certo todo o que dicides. Noraboa polo premio. Acabo de descubrir este blog e seguro que vou a seguilo a partir de agora e compartir con vos opinións e experiencias.
    Un saúdo.

  2. ESTOU COMPLETAMENTE DE ACORDO,AÍNDA QUE POR DESGRAZA ESTOU FABRICANDO DISFRACES EN SERIE,NO MEU COLE O ANO PASADO NON FIXEMOS ACTIVIDADES ,ESTE ANO OUTRO COLE DA ZONA FAINAS E NOS POR SER DE XINZO DE LIMIA DE CABEZA O DESFILE POLAS RUAS,MEDIO CLAUSTRO SI VAI O DESFILE MEDIO CLAUSTRO NON FAI DISFRACES NIN VAI O DESFILE..EN INFANTIL SOMOS SEIS TITORAS E TODAS DIXERON QUE SI,ESTO NON XUSTIFICA A MIÑA POSTURA .

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: