A nosa achega á educación infantil

InnovArte Infantil premio Francisco Giner de los Ríos

In PremiArte on 29/12/2012 at 10:16

A piques de cumprir tres anos, InnovArte Educación Infantil, recibe o máis prestixioso recoñecemento educativo no ámbito estatal, un premio Francisco Giner de los Ríos(Resolución BOE 25/01/2013)

Por segundo ano consecutivo, este galardón vén para Galicia; algo debemos estar a facer ben na educación infantil os mestres e as mestras galegas.

Sempre dicimos que comezamos esta aventura co ánimo de compartir con outras compañeiras; que InnovArte non é máis ca unha xanela na que amosamos o noso pensamento, as nosas expectativas, os nosos desexos, mesmo as nosas rebeldías sobre o que acontece na etapa da educación infantil, algo que facemos de forma voluntaria e gratuíta, que vemos compensado cos comentarios das persoas que nos seguen. Como ben sabedes os e as que nos seguides, os blogs InnovArte (galego e español) son tres anos de traballo diario, ás veces con máis e outras con menos forza, fortuna, ganas, orixinalidade e compromiso. Son tres anos de investimento de ilusión, tempo e cartos; a ninguén se lle escapa o custe das publicacións, das visitas de estudo e das actividades que compartimos. Tres anos xa é moito tempo se non se lle mete unha inxección de recoñecemento; non ocultamos que en máis dunha ocasión nos invadiu o desánimo, por sorte, os azos recibidos axudarannos a tirar para diante.

Isto para nós é algo longamente acariñado. Cando gañamos o noso primeiro premio de innovación educativa, fai agora doce anos, unha amiga xa nos falou desta prestixiosa convocatoria; logo durante moitos anos que estivemos fóra das aulas non tivemos nada co que presentarnos, e este ano, consideramos que nos chegara o momento de facelo; era unha proba dura, competimos por un único galardón, ao que todos nos presentamos porque honestamente cremos que estamos á altura  del. Afortunadamente para nós, o xurado tivo a ben recoñecer a labor de InnovArte Educación Infantil. Non saben ben canto llo agradecemos, xusto neste momento de inflexión.

Nun ano tan duro para os profesionais da educación, os premios obtidos son para nós coma un bálsamo que mitiga as feridas. Enorgullécenos ter gañado no 2012 un Mestre Mateo e un Giner de los Ríos, e queremos compartilo con todos e todas vós, porque sempre dicimos que o que fai grande a InnovArte son os seus lectores. Grazas a todos e a todas. Esperamos seguir estando á altura da vosa consideración.

Moitas grazas tamén ao xurado; nunca saberán o ben profesional que nos fixeron.

E sobre todo, grazas a Don Francisco Giner de los Ríos, para nós un referente que sempre tratamos guíe o noso desempeño docente. Pechamos esta entrada cunha cita do panexírico que lle dedicou o seu alumno Antonio Machado, publicado no Boletín de la Institución Libre de la Enseñanza en febreiro de 1915, e que, máis ca nunca, cómpre ter presente.

 “Don Francisco Giner no creía que la ciencia es el fruto del árbol paradisíaco, el fruto colgado de una alta rama, maduro y dorado, en espera de una mano atrevida y codiciosa, sino una semilla que ha de germinar y florecer y madurar en las almas. Porque pensaba así hizo tantos maestros como discípulos tuvo.” 

Advertisements
  1. Para nós, acadar este recoñecemento que leva o nome do grandísimo don Francisco Giner de los Ríos, filósofo, ensaista, pedagogo e fundador e director da Institución Libre de Enseñanza, pola que pasaron persoeiros tan insignes como José Ortega y Gasset, Federico García Lorca, Salvador Dalí, Antonio Machado, Juan Ramón Jimenez, Luis Buñuel ou Miguel de Unamuno, entre outros moitos; o nome dun home que defendeu unha escola creativa, neutra, non dogmática e que abranguía toda a vida, cuxa máxima era a formación de persoas, completas e abertas a todos os ámbitos do saber humano…para nós, como vos dicía, é un soño feito realidade, anhelado e mimado durante tempo e bregado co tesón da miña irmá e mentora Ánxeles.

    Grazas a todos e a todas os que sabemos que nos ledes e nos seguides, vai por todos vós!

  2. Parabéns a InnovArte polo premio e pola implicación na Educación Infantil das nosas crianzas. Un blogue que sigo e que necesito desde a miña responsabilidade como nai.
    Desde O Corno do Boi, o noso agradecemento porque xente coma vós sigades crendo que a educación de verdade si existe e que se pode facer realidade.

  3. ¡Enhorabuena! Vuestro trabajo es una fuente de inspiración y de motivación constante. Desde el cariño, la admiración y la envidia que me corroe, un abrazo para las dos.

  4. Noraboa por este merecido recoñecemento ! Sodes unha luz de esperanza nesta “longa noite de pedra” que estamos a sufrir todos os que traballamos na escola pública.

  5. A miña máis sincera felicitación por este premio; pero sobre todo pola ilusión q se vislumbra na vosa vocación de ensinantes.

    Noraboa tamén aos vosos. Feliz aninovo!

  6. Queridas “sisters” Abelleira: estou encantada co recoñecemento ao voso marabilloso traballo que nos guía e nos fai reflexionar sobre a nosa práctica docente. Mil bicos

    • Benprezada Aurora, o recoñecemento ás sisters Abelleira leva implícito o recoñecemento a todas as persoas coma ti, coas que compartimos inquedanzas, desexos e mesmo rebeldías sobre a calidade educativa, nomeadamente da escola infantil. As conversas, as actividades e as ocasións nas que temos falado con uns e con outros, conforman a nosa bagaxe, porén, isto é obra de todos e todas vós. Beizóns.

  7. Prezadas compañeiras:
    Logo de agasallarnos durante todo o ano coas vosas reflexións, propostas, ideas, comentarios e tempo de adicación, ben merecedes este xusto e importante recoñecemento. Grazas por facernos seguir mantendo a ilusión!
    PARABÉNS!

    • Benquerida Marisa, grazas polas túas palabras. Sabes que pensamos que nós somos dunha xeración profesional “privilexiada”, tivemos un excelente asesoramento e formación, oportunidades de ver e coñecer outros contextos escolares, e ocasións para partillar con compañeiras con inquedanzas similares, porén consideramos que é a nosa “obriga” compartir de balde todo ese coñecemento por se lle for de utilidade ás máis novas xeracións. Seica é coma nas tribos, así se mantén viva a chama. E isto é o que tentamos facer día a día. Bicos das Abelleiras e moitas grazas pola túa consideración.

  8. Isa, Angeles ¡FELICIDADES! o tedes merecido, moitas gracias por vosa aportación a todos e todas mestres e tamén a outras xentes.
    “para que haya primavera se necesita
    un trebol y una abeja,y el ensueño,
    con el ensueño bastará
    si las abejas escasean”E.Dikinson
    Un bico moi forte merce

    • Grazas miña pequena e querida “Emily Dickinson”!. Ti que me ves e acompañas todos os días no traballo, sabes que non facemos nin máis nin menos que o mesmo que levamos a cabo no día a día da aula, e que compartimos o noso coñecemento por si a alguén lle é de utilidade. Todas sabemos que desta vez a primavera se fará de rogar, pero seguiremos soñando e ensoñando para estar preparadas para o día en que por fin rexurda con todo o seu esplendor. Grazas pola túa sinceira felicitación. Un bicazo moi forte das abelleira

  9. A pesar de que xa temos falado por teléfono non podo deixar de poñer por escrito os meus PARABÉNS, canto me alegro!!!!, …por vós, … por deixar tan alto á nosa comunidade, …. por comprobar que o esforzo e o traballo ben feito ten o seu recoñecemento. Mil bicos
    Eva

  10. Parabéns por este recoñecemento ao esforzo e á ilusión tan merecido. Precisamos das vosas reflexións e experiencias para ser mellores docentes, para ser máis irreverentes cando pican as pulgas gordas pero non deixar de crer naquilo que facemos. Grazas polo tempo prestado e por compartir as vosas inquedanzas. Moitos anos de vida a Innovarte!

  11. Moitas felicidades por este importante premio!
    Grazas mil por compartir coas/cos demais tanto e tan bo traballo!
    Apertas.
    Rosa Suárez

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: