A nosa achega á educación infantil

A burbulla das luditardes

In FamiliarizArte,RebelArte on 15/11/2012 at 13:54


A raíz do publicado o pasado día sobre a saturación e abuso de actividades de tarde co alumnado de infantil, pregúntame unha nai se entón considero que  estas actividades non lle proporcionan ningún beneficio aos nenos e nenas, e se non atopo diferenzas entre os que asisten e os que non.

Non podo ser ambigua cando antes fun taxativa, pero teño que responder: depende … Depende da idade do neno/a, depende das actividades ás que asista, depende do atinadas que estas sexan segundo o carácter e os gustos do pequeno, depende do contexto no que viva, depende da súa situación familiar, depende do neno, depende … Pero xeneralizando, a tenor do que se oferta hoxe en día nos centros para encher a tarde e en educación infantil, digo rotundamente NON!

Cousa ben distinta é se a familia non ten outra solución, daquela non lle queda outra; agora digamos claramente a razón pola que os inscriben, non busquen xustificacións doutro tipo, como de carácter académico e/ou educativo.

Se comparo aos que asisten a actividades cos que pasan a tarde cos seus pais/avós, direi que os primeiros, como diferenza, presentan unha maior “resignación”, menor atención e máis difícil motivación, e os segundos un maior dominio da lingua oral e de coñecemento do medio físico e social. Agora ben, isto non é atribuíble ao feito de asistir ou non asistir, senón, máis ben, ao perfil de familia que opta por unha ou outra posibilidade. Cada un dos dous grupos teñen unhas crenzas diferentes sobre o que é “o mellor” para os seus fillos; teñen unha concepción distinta do seu rol como pais e como educadores; e non son coincidentes as súas ideas sobre a infancia, sobre a escola e sobre a súa responsabilidade para cos seus fillos e fillas.

Por outra banda e en tempos de andazo de mal diagnosticados casos de hiperactividade, pódese constatar unha elevada correlación entre nenos inquedos, revoltosos, fedellos, trastes ou rebeldes, e asistencia a actividades fóra do tempo lectivo. Pode entenderse que debido a ser así os matriculan en todo tipo de ocupacións, ou ben a que por matriculalos en todo son así. Hai de todo.

En calquera caso, na miña experiencia, nunca unha familia que lle propicia tempos de descanso ao seu fillo/a, que realizan actividades cotiás conxuntamente e que comparten tempo, nunca, insisto, nunca unha familia destas me veu preguntar se o seu fillo/a sería “hiperactivo”.

Unha vez máis, o ambiente familiar e o compromiso coa educación dos fillos é determinante.

Queda por facer unha observación. Agora cando se lle aplica a avaliación a todas as actividades e as relacións custo-resultados, sería precisa unha análise obxectiva e externa da incidencia real destas actividades na educación dos nenos/as, máis alá do que supón de “conciliación” –ou mellor dito de “traspaso de responsabilidades” .  Non podemos entender que en tempos de crise económica se sigan a facer grandes investimentos de cartos públicos –que se restan doutras partidas orzamentarias-  en algo que na meirande parte dos casos tan só serve para o que algúns malentenden como“respiro familiar”, como se tivesen que descansar de estar cos seus fillos e non lles parecesen horas dabondo as que xa están na escola.

Reparade que aquí tamén estamos diante doutra “burbulla” irreal que, coma a inmobiliaria, move inxentes cantidades de euros -que non existen-, xera necesidades onde non as hai,  absorbe subvencións, fomenta empregos precarios -ás veces con persoal pouco cualificado-, edifica mal con malos ladrillos, promove o consumismo,  persegue unha satisfacción momentánea das familias que se traduza en votos -eximíndoas das responsabilidades que lle corresponden para cos fillos- hipotecándolle o seu futuro, algo que finalmente terá unhas consecuencias nefastas para as novas xeracións.

Para rematar, dicir que de PISA hai conclusións que se espallan, terxiversan ou malinterpretan e outras que non parecen interesarlle a ninguén. Periódicamente, publican o boletin “PISA in Focus”, no que a tenor dos resultados das avaliacións internacionais, analizan aspectos concretos. Ao fío do que estamos a falar,  coas reservas precisas e salvando as diferenzas existentes, recomendamos a lectura de:

N° 1: ¿La asistencia a educación infantil se traduce en mejores resultados en el aprendizaje escolar?

N° 3: ¿Vale la pena invertir en clases extraescolares?

Nº 18: ¿Está relacionada la disponibilidad de las actividades extraescolares en los centros con el rendimiento de los alumnos?

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: