A nosa achega á educación infantil

Aulas sen tecnoloxía

In TICArte on 05/11/2012 at 08:06

Nestes días mantivemos interesantes debates a raíz dun artigo no que nos contaban que os altos directivos de empresas de Silicon Valley (referente mundial de tecnoloxía punta), envían aos seus fillos/as a escolas onde non se empregan os ordenadores. Prefiren que xoguen, que desenvolvan a imaxinación e que manipulen elementos naturais antes ca que estean enganchados aos aparellos tecnolóxicos.

Hai quen está moi a favor desta medida e quen está totalmente en contra. Apúntanse as vantaxes e inconvenientes da formación dixital dos nenos deste tempo.

Esta dicotomía hai  que collela sen falsos dogmatismos, entendendo moi ben o contexto social, cultural e familiar do que estamos a falar.

1º Trátase de rapaces que se crían no medio de ordenadores e de aparellos de última xeración; de nenos que escoitarán conversar aos seus pais sobre estas cuestións a todas horas, de cativos que “mamaron” a tecnoloxía xa antes de nacer.

2º Trátase dunha escola que segue o modelo Waldorf, na que se prima o aprender facendo, os aspectos emocionais e de saúde, cun modelo pedagóxico diferente.

3º Para estas familias, estar “desconectado” é un luxo, malia que para outros é unha carencia que xera profundas diferenzas: a coñecida como fenda dixital. Recórdese que polo xeral quen non ten ordenadores na escola é altamente probable que tampouco os teña na casa. Para os de Silicon Valley, a diferenza do resto do mundo, estar desconectado é un “signo” dos ricos da tecnoloxía; en contraposición “os pobres da tecnoloxía” teñen a obriga de estar todo o día enganchados a un correo electrónico ou a unha rede social. Pero isto que parece ser norma desa sociedade concreta, non o é para o resto do mundo. Eles xa van uns pasos por diante dos demais.

Agora ben, isto non quita que non haxa que debater sobre a primacía dun tipo de actividades máis de tipo analóxico ca sobre outras de corte dixital, nomeadamente na escola infantil. Nós recordamos que nas visitas ás escolas italianas chamaba a nosa atención a ausencia de aparellos informáticos nas aulas, cando aquí estamos a pelexar por portátiles, PDIs, proxectores, tabletas, etc, etc.

Desde que iniciamos InnovArte insistimos na idea de que a tecnoloxía debe inserirse no normal descorrer dunha aula de infantil, coñecendo, entendendo e empregando as posibilidades que nos brinda para a creación, expresión, comunicación, información e mesmo para o xogo. Esas son as finalidades, que os nenos e nenas aprendan a comunicarse, a crear, a procurar información e a ocupar o seu tempo de lecer poñendo en funcionamento e utilizando todo aquilo que lle permita facelo e a inserirse na sociedade na que viven, compensando as carencias ás que poidan estar condicionados polo grupo social ao que pertencen. Sen magnificar nin demonizar. A tecnoloxía non é o centro da intervención educativa nin é só unha ferramenta, pero o obxecto da nosa atención é o desenvolvemento harmónico e integral das criaturas.

Noutras ocasións, sempre recordamos unha intervención do filósofo Javier Echevarría Ezponza, quen preguntado sobre o tempo que os nenos/as deberían dedicar á tecnoloxía, expón que a vida humana se desenvolve en tres contornas: a contorna natural (a natureza), a contorna artificial (a cidade), e a contorna virtual; calquera delas son necesarias, agora ben a prevalenza dunha sobre a outra, -por boa que sexa-, xeraría unha carencia e unha descompensación. Ningunha destrúe á outra.  Hai que procurar o equilibrio entre o tempo que se lle dedica e se permanece en cada unha das tres contornas.

Para rematar, dicir que cómpre cautela, xa que logo sempre nos preguntamos que é o que hai detrás de todos estes movementos. Do mesmo xeito que tratábamos de indagar que había en todo ese empeño de tecnoloxizar as aulas, cando aínda non tíñamos evidencias empíricas da súa incidencia na mellora da calidade educativa, agora facemos o mesmo coas correntes de destecnoloxización. Todo isto faise pola calidade educativa?, é casual?, é un froito dos tempos?

Advertisements
  1. Permitídeme dicirvos que me gustan moito os vosos artigos ou entradas pois fannos reflexionar, son amenas e educativas, non só para mestr@s senón tamén para nais e pais, como é o meu caso. Parabéns e grazas polo tempo que empregades nisto.

    • Benprezado pai, non sabes canto che agradecemos este comentario, porque malia que InnovArte está dirixido a profesionais que interveñen coa infancia, entendemos que a familia é o primeiro axente educador, emporiso, que nos digas que che é de utilidade é un dos mellores afagos que se nos poderían facer. Un saúdo e esperamos seguir estando á altura da túa consideración.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: