Case ao mesmo tempo chégannos dúas noticias relacionadas coa Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) que nos enchen de ledicia; non son outras que o Premio Labor editorial cultural 2012 concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte á editora Kalandraka, e maila candidatura de Fina Casalderrey para ocupar unha cadeira da Real Academia Galega (RAG).
Temos comentado en ocasións que nos nosos inicios profesionais apenas dispoñiamos de libros infantís de calidade en galego, de súpeto, cara finais dos 90, empezaron a vir pola escola os representantes de Kalandraka, xente sabedora de que o traía entre as mans eran auténticas xoias, de tal xeito que esperábamos con ansia a súa visita mensual. Deseñaron estratexias de marketing caseiro, pero daquela novidoso e efectivo, facían presentacións, acompañaban os seus libros con contacontos, ofrecíanos a posibilidade de coñecer aos autores e ilustradores …, en definitiva, ilusionáronos coa literatura infantil. Fixeron traducións doutras linguas, recuperaron obras poéticas esquecidas, déronlle un xiro á ilustración, ao formato e aos textos. Hai un antes e un despois de Kalandraka, sen que isto sexa un demérito para os que seguiron a súa estela. Logo xa veu todo o demais: premios, recoñecementos, outras linguas, outros países, outras editoras, apostas arriscadas aínda sabendo da súa escasa rendibilidade e outras iniciativas que podedes ver no seu blog. Kalandraka marcou un fito na LIX en Galicia que é de xustiza lle sexa recoñecido.
Hai certos sectores dentro dos escritores, editores, críticos e/ou expertos en literatura para quen a LIX é un xénero menor, “historias para nenos”, contos para pequenos, porén non consideran que estea á altura da “grande literatura”. Un erro de vulto. Non queremos dicir que sexa máis difícil escribir para nenos que para adultos, pero si que non é o mesmo; como mostra, abondan exemplos de grandes literatos que trataron de facer unha obra para o público infantil e o que saíu non merece nin sequera ser recordado. É diferente. Para escribir para os nenos/as hai que ter o que Alain Serres denomina espírito de infancia (ver vídeo), e ese don posúeo a pontevedresa Fina Casalderrey.
Fina que, como ela mesma nos conta na súa autobiografía no seu web, elixiu ser mestra tendo como alternativa ser costureira; deu os seus primeiros pasos profesionais na escola amparada por Avelino Pousa Antelo, amosando dende sempre un compromiso responsable coa lingua dos pais e co ensino, así nolo relataba na entrega dos pasados Premios Pedrón de Ouro. Persoa de fala pousada, serena e sabia, é unha das máximas expoñentes galegas no que a LIX se refire, sen deixar de ter en consideración os seus ensaios de carácter etnográfico, materiais didácticos, artigos de opinión e colaboracións varias, mesmo, e máis recentemente no eido do cinema, con curtametraxes como “Dúas letras”. Pero queremos salientar que a LIX é un dos ámbitos nos que a súa obra máis éxitos colleitou, sendo recoñecida con un gran número de premios entre outros o Premio Nacional de LIJ (1996), outros prestixiosos galardóns e mencións de honra como os White ravens ou a Lista de Honra do IBBY. Todo isto faina, ao noso entender, candidata idónea a ocupar na RAG a cadeira vacante deixada por Xaime Isla Couto. E na RAG deberían darlle cabida e recoñecemento ás persoas que tanto fan polo fomento da lectura en lingua galega desde a base, desde a infancia, desde a idade na que se lle sentan os alicerces aos que logo poden ser lectores, escritores, investigadores, pensadores, intelectuais, sociólogos, etnógrafos, lingüistas, filósofos, ensaístas e falantes en galego.
Alegrámonos porque cremos que os docentes temos moita parte neses recoñecementos e na actual consideración da LIX. Canto ás ventas non se pode comparar as compras que se fan desde os centros educativos coas compras individuais, agora ben, que un libro sexa lido nunha aula, recomendado nunha biblioteca escolar, é unha garantía de futuras ventas. Xeralmente, as familias confían no criterio docente e os nenos demandan aquilo que lles gustou cando a mestra llelo contou. Que a día de hoxe a LIX supoña o 25% da produción editorial en Galicia e o 30% das ventas non podería darse sen a conivencia dos profesionais da educación, emporiso dicimos que estes recoñecementos son motivo de alegría para todos e todas nós.
Como homenaxe, traemos aquí unha entrevista que lle fixeron a Fina Casalderrey para o blog de Kalandraka, con motivo da presentación da obra “Filla das ondas”, un álbum sobre a cidade de Pontevedra, traballo no que tanto a autora como a editora participaban.
Parabéns ás dúas e seguide dándonos “libros para soñar” e para “facernos cóxegas na pel da alma”.