A nosa achega á educación infantil

O tempo dos nenos/as cos proxenitores

In FamiliarizArte,RebelArte on 05/10/2012 at 16:14

Téñome por unha persoa comprensiva coas circunstancias das familias do alumnado, pero poida que xa estea maior, porque cada día gústame menos o que vexo. Cada vez a mingúan máis o tempo que “permanecen” cos seus fillos, e se isto, hai anos lles ocasionaba problemas de conciencia, a día de hoxe enténdeno como un privilexio da vida da infantil. É dicir, sacrifícanse polo “ben dos nenos/as”.

Veño de acoller a un novo grupo de 3 anos, e nas entrevistas que mantiven coas súas familias constatei as pegadas da crise na nosa contorna. De cada unidade familiar, ao menos un dos membros está no paro. Desde o punto de vista económico isto é unha mala noticia, pero como contrapartida supoñía que lles dedicarían máis tempo a os seus e á atención aos fillos/as pequenos.

E aquí chega o paradoxal do asunto: o 70% do alumnado do centro no que traballo queda ao comedor escolar, amén de a todo o rosario de actividades que se desenvolven pola tarde. E todo isto ten un elevado custe -ate chego a pensar nas teses da “economía sumerxida”-, tanto económico como emocional para as crianzas.

Comentei aquí que a rigorosa planificación do período de adaptación, así como a entrevista coas familias, foran determinantes para que a finais de setembro os nenos/as permaneceran serenos e acomodados na escola. E agora resulta que desde o día 1 de outubro –data de inicio do comedor- temos dobre sesión de choros, matutina –na que xa anuncian que non queren ir ao comedor- e desde a 1 da tarde cando se decatan de que a prolongación da súa xornada é algo irremediable. Fixemos unha adaptación de libro, e agora, en quince días pasaron de 0 a 100 en 2 segundos coma os coches de carreiras. Non teño nada en contra do servizo do comedor, e de quen non ten outra ca recorrer a el, nin contra os menús dietéticamente perfectos, nin contra as persoas que traballan nel. Con quen estou indignada é cos pais e nais, que non tendo nada que lles impida recoller os seus fillos ás 2 da tarde, os deixan confinados no centro todo o día. Estou a falar de criaturas que aínda non cumpriron os tres anos, que choran a rabiar, que sofren, que se angustian e que crispan ao resto da clase, mestra incluída. Cando saio, pregúntome todos os días, se é a miña responsabilidade consolar a nenos que berran entolecidos porque a súa nai quere “que se acostume a comer de todo”, “que se socialice”, “que se lo pase bien” e “que participe en todas as actividades porque neste momento son coma esponxas”, e de paso, por que non dicilo, deixala despreocupada para todo o día.

Se os nenos choraran deste xeito nos primeiros días, non faltaría quen acusara á mestra de falta de feeling cos nenos, mesmo a levarían ao Tribunal de Dereitos Humanos da Haxa, pero agora, cando lle comentamos os cambios nos nenos escoitamos respostas deste tipo:

“si choras non te virei  buscar”, “campeón, sabes que si lloras llamo a la Policía, porque tú eres un valiente”, ou “ tu pasa, porque son mimos; yo ya no le hago caso”. Pero non señora, eu non podo pasar deles; eu non podo tolerar que un neno chore porque o deixan todo o día no centro mentres vostede está paseando e tomando cafés, e quen vai chamar á Policía vou ser eu por deixación de responsabilidades e por violencia psicolóxica cos menores. E voulle dicir outra cousa, o neno non o pasa tan ben. Non se engane. O que sucede é que cando vostede o vén buscar ponse contento porque ve a fin a horas de laiarse pola falta da súa nai/pai. Certo que son esponxas, pero cando se atopan nun clima de afecto, seguridade e cariño.

Atendan dunha vez: a esperanza de vida cada vez é maior, polo tanto aínda que non coman soia antes dos 3 anos, porque non practiquen judo, ou porque non boten partidos de padle infantil, quédanlle moitos anos por diante para facelo. O que non se volverá a repetir é o tempo no que os seus pais son uns deuses ou heroes que os libran de todo mal. E iso si que é unha verdadeira mágoa que o descubran antes de tempo.

Chamémoslle ás cousas polo seu nome. E non me conten milongas porque levo moitos anos nisto, e xa vin pais que con horarios imposibles, se queren, fan malabares para estar cos seus fillos; e vin tamén a moitos egoístas que tratan de venderlle aos seus fillos o gran favor que lle están a facer, delegando as súas responsabilidades paterno-filiais no primeiro que lles pasa por diante, esperando a que as criaturas se resignen e deixen de chorar. Daquela, eu sempre lles recordo que os nenos/as dos orfelinatos non choran.

Imaxe: Rocking chair nº3 de Henry Moore

Advertisements
  1. Unha verdade constatada por moitas mestras e mestres, pero nas vosas verbas ata se presenta como unha verdade ben arrepiante. Grazas, xa que de vez en cando está ben pensar e sobre todo reflexionar sobre estas pequenas-gran cousas, as cales, en maior ou menos medida, compartimos todos os que profesamos un gran cariño por esta profesión.

  2. Non podo estar máis dacordo; as novas situacións deben ser progresivas e nun clima sosegado; as nais e pais pretenden que as súas fillas e fillos xestionen as súas propias emocións cando non son capaces de mitigar a angustia que lles produce o desapego con outros argumentos que non sexan “vou chamar a policía” ou “non che vou vir buscar como sigas chorando”…en fin, falla o nivel de implicación de moitas familias e hai unha falta de criterio tremendo á hora de decidir que é o mellor para “a/o nosa/o filla/o”…teremos que buscar a fórmula…
    Aproveito para agradecer o lindo traballo deste innovarte; descubrín fai pouco o blog e está sendo moi clarificador e motivante para o meu día a día. Parabéns por compartir experiencias, coñecemento e sensacións!

  3. Hola!Eu non son mestra, solo unha nai , pero que coñezo moitos casos de nais e pais que coa excusa das actividades e da socialización dos seus fill@s ,se ocupan dos nenos só para levantalos pola maña e deitalos pola noite. Os nenos sofren a falta de tempo para estar con seus pais, pero o peor vai ser para eses pais que un bo día se van a levantar e darse conta de que seus fill@s son xa maiores, e que non confian neles, que cando teñen un problema non recurren a eles e que solo pasan pola casa para comer e durmir.Despois se queixaran de que seu fill@ non quere pasar o tempo con eles.A base das relacions pais-fill@s empeza a construirse desde o día en que nace .

  4. Fai tempo que sego o voso blog. Aproveito para felicitarvos por este traballo que estades a facer e ánimo para seguir analizando dende esta visión crítica cada unha das situacións que acontecen no día a día.

    • Grazas Milagros, esta visión témola todos os que estamos na escola no día a día, o único que nos diferenza é que nós escribimos sobre iso, coma quen fai un acto de catarse. Un saúdo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: