A nosa achega á educación infantil

As “rarezas” das mestras de infantil

In RebelArte on 01/10/2012 at 07:12

Detesto profundamente ir aos parques infantís, pero cando non me queda outra, ás veces observo como se relacionan os nenos/as, como se comportan os seus proxenitores, ou descubro como este é un lugar de encontro e de conversas entre case descoñecidos. Un dos temas máis socorridos ou recorrentes é a escola e as mestras. Daquela non o podo evitar, non é que sexa unha axexona, pero abofé que poño a orella.

Agora, a comezo de curso, o habitual é que falen das “rarezas” da mestra que lle tocou en sorte ao seu fillo ou filla. Escóitanse paroladas deste tipo:

-“A nosa non quere que leven mandilón, porque seica non lle gustan, e o neno vén coa roupa manchada de pintura.”, “Pois no noso centro teñen que ser de raias vermellas con botóns”, “No do meu pídenlle que o leve sen botóns con velcro por diante”.

-“A mestra do meu fillo prohibiulle os iogures de beber, porque seica lle caen sempre ao chan e póñeno todo pegañento”, “A nosa mándelles que leven a froita cortada en anacos en un tupper e con garfo ou culler”, “A do meu fillo quere que leven a froita enteira, sen mondar!, e tamén froitos secos que me parecen perigosísimos”, “A da miña filla dixo que leven o que queiran”.

-“O noso trae o mandilón cada día para a casa e ten que volver á escola con el posto”, “Pois nós temos que sacarlle as prendas de abrigo na porta do cole e levalas para a casa”, “Na da miña queren que sexan os pequerrechos os que poñan e saquen a roupa. Coitadiños!”

-“A mestra do meu fillo ten tartarugas e peixes na aula, e as fins de semana pásanas na casa de cada neno/a”. “A nosa mándanos un boneco de cor para que o coiden coma se fora un irmanciño e así asuman responsabilidades”, “A do meu fillo mándanos libros para que llelos contemos”.

Cando uns e outros se preguntan entre eles as razóns desas rutinas e/ou imposicións escolares, encóllense de ombreiros e din: “teimas da mestra”. Nunca chove a gusto de todos, pero o grao de tolerancia con estas “excentricidades” vai sempre en consonancia co grao de simpatía e respecto profesional que lle teñan á interfecta. Algúns rebátenos e outros mesmo repiten con aceptación os argumentos dados pola docente.

Todos sabemos que calquera razón dada, cando se repite fóra de contexto, pode soar ridícula ou absurda. Agora ben, cumpriría saber cantas das normas antes apuntadas, teñen unha base que persegue o benestar, a autonomía e a medra persoal das criaturas e cantas delas veñen marcadas pola comodidade, por malas experiencias pasadas ou porque llelas escoitaron a alguén e as adoptaron na clase sen máis cuestionamentos.

Cando marcamos as normas de funcionamento de centro e de aula, cómpre revisalas á luz do sentido común e non perder nunca de vista que a nosa función é a de axudar ao desenvolvemento integral dos cativos, ao tempo que debemos procurar non dilapidar o prestixio e credibilidade da nosa profesión.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: