A nosa achega á educación infantil

Remate do período de adaptación

In InformArte on 24/09/2012 at 06:53

Hoxe, trala finalización do período de adaptación, comezamos as clases con horario normal, que, por outra banda, consideramos excesivo para criaturas que, algunhas delas, aínda non cumpriron os tres anos.

No último número de Aula de Infantil, recollen a opinión de persoas expertas nesta etapa educativa sobre si se deberían limitar as horas que os nenos e as nenas poden estar na escola. Cómpre recordar que ás horas lectivas hai que sumarlle outras moitas nas que van transitando por distintos servizos, persoas e actividades ata chegar a horarios, mesmo esaxerados para un adulto.

Non sabemos ben como responderá hoxe o noso alumnado cando se vexa na aula cinco horas, máxime cando algúns tamén poderán empezar a facer uso do comedor tanto para o almorzo como para o xantar, xa que o concello no que traballamos, non permite que os nenos/as fagan uso deste servizo mentres están no período de adaptación. Medida ao noso entender moi acertada, pero tamén, moi criticada polas familias. Dun día para outro, cativos que non ían á escola, poden pasar a permanecer nela, cando menos de 7:30 da mañá  ata as 20:30 da tarde. Estamos de acordo en que hai casos en que é mellor así, xa que no centro poderán recibir unha atención que non lles dispensan na casa, pero por sorte non son iguais todas as situacións.

Volvendo ao período de adaptación, temos que dicir que foi un dos mellores dos últimos cursos. Parte do éxito da entrada serena de 100 novos nenos/as atribuímosllo:

-Ao progresivo incremento do tempo de permanencia, que foi pasando de 1 hora, a 2, a 3, ata chegar ás 5.

-Á organización de catro grupos por aula, cos que logo se fixeron as combinacións posibles para que previamente se coñecesen todos/as antes de atoparse co grupo ao completo.

-Ao apoio en aula do equipo directivo, do departamento de orientación e das especialistas; habendo sempre cando menos dúas persoas. Isto cubre esa necesidade inicial de axuda, pero tamén lles permite coñecer de primeira man a todos os nenos e nenas, saber do que precisan e detectar posibles necesidades de intervención. Para nós é altamente recomendable esta medida.

-Ás reunións informativas mantidas coas familias tanto cando formalizaron a matrícula, no mes de xuño, coma agora, xa por titorías, a comezos de setembro.

– E moi especialmente, a que cun gran esforzo organizativo, logramos entrevistarnos con cada unha das familias antes do inicio das clases. Esa media hora na que charlamos distendidamente co pai e nai en presenza do neno/a, para nós marcou unha diferenza substancial con respecto a outros cursos nos que as entrevistas iniciais se realizaban ao longo da segunda quincena de setembro. Cando os pequenos chegaron o día 12, nós xa non éramos unhas estrañas. Pode parecer algo nimio, pero ten o seu aquel.

Para nós, a organización do período de adaptación é algo crucial no posterior desenvolvemento escolar das criaturas, porén dedicámoslle moito tempo á súa planificación e mellora. Non somos alleas ás críticas que fan algunhas familias polos trastornos que lles ocasiona, como tampouco o somos á lixeireza e falta de profesionalidade coa que se realiza nalgunhas escolas infantís, nas que non se sabe moi ben se non é un privilexio que teñen os docentes cada tres anos que lles permite prolongar as vacacións estivais. Por norma xeral, hai que dicir tamén que a opinión de moitos destes mestres,  é totalmente diferente cando o período de adaptación lle afecta aos seus fillos e fillas.

Sempre nos preguntamos en quen se está pensando cando se planifica o período de adaptación: nas familias, no profesorado ou nos nenos e nenas. As criaturas teñen que ser o centro das nosas decisións, tanto na escola como na casa, isto é algo a ter sempre presente.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: