A nosa achega á educación infantil

Peche por vacacións

In EmocionArte on 25/06/2012 at 08:49

Como viñemos facendo nos dous cursos anteriores, chegado este momento, dámoslle vacacións ao blog. Non sabemos se en setembro volveremos ou non, xa que logo dános vertixe.

Levamos tres cursos expoñendo publicamente a nosa opinión e o noso quefacer educativo, así en 725 entradas amosamos o interior das nosas aulas e do noso pensamento. Foi un ir medrando cun grupo de cativos que agora se van, porén, dános medo volver a empezar de novo e resultar repetitivas. Necesariamente, nas nosas aulas teremos que repetirnos, -isto, como todos sabemos é un ciclo, unha roda que sempre empeza no mesmo punto- hai aspectos nos que non se pode innovar sempre, entón, non sabemos ata que punto teremos algo novo que contar que sexa do interese dos demais. E o que non imos facer é condicionar a nosa práctica ao blog. InnovArte para nós é un estímulo, pero non pode ser o motor da nosa praxe.

Xa se verá, cando nos atopemos  en setembro con 25 caras novas. Daquela decidiremos.

Non sabemos se foi un ano máis intenso que os outros, o que si foi é de contradicións internas. Dentro das aulas tivemos a mesma ilusión ca sempre, pero noutros espazos, reais ou virtuais, foi de absoluto desánimo. E isto non é unha apreciación subxectiva, pálpase no ambiente. Unha anemia profesional está acabando cos glóbulos da mellora educativa. Ben sabemos que a anemia non é unha enfermidade de seu, senón un síntoma doutras carencias; sobre algunhas delas non temos control, pero outras dependen do noso estilo de vida, e dende logo, unha visión pesimista non axuda moito á paliación do problema.

Ás veces, ao entrar en espazos de intercambio entre docentes o único que nos producía era máis abatemento. Non é que queiramos vivir nun limbo, flotando ignorantes nunha situación irreal, pero cómpre pensar devagar que a escola, a sociedade, non se cambia para mellor tan só compartindo, wasapeando, ou retuitteando lemas, consignas ou imaxes de denuncia que nos saturan ata atordarnos. Recordemos o que xa dicía o poeta T.S. Eliot en 1934, sobre que a información mataba o coñecemento, e o coñecemento a sabedoría. Estamos convencidas de que se melloraría moito, se a comunidade docente, amosara as súas boas prácticas, a súa sabedoría .

A sociedade pensa de nós que somos uns insatisfeitos, uns reivindicativos e uns contestarios, –non estamos cuestionando a pertinencia destas mensaxes-, baste unha ollada ao Facebook ou a Twitter para confirmalo.  Ao mellor cambiaríamos a súa opinión, se invadíramos as redes con aquelas pequenas cousas que facemos día a día cos seus fillos/as coa pretensión de acadar unha cidadanía máis formada, máis libre, máis democrática, máis culta e máis xusta. É doado de imaxinar: todas as persoas que nos dedicamos á educación mostrando omellor do noso traballo, en troques do negativo.

A mellor maneira de rebater as críticas é con feitos que demostren o contrario. O resto son gritos ao ar. Aos berros ata podemos acabar acostumándonos, só as obras permanecen. Isto é o que pretendemos facer desde InnovArte, a nosa maneira de defender a escola pública, a educación dos nenos e das nenas.

No acto de entrega dos Premios Pedrón de Ouro, escoitámoslle á nosa benprezada Fina Casalderrey –que actuaba como mantedora literaria- esta historia do Guía do Hermitage:

Antes de que os alemáns completasen o cerco a Leningrado, o goberno soviético logrou enviar aos Urais todas as obras de arte do Museo Hermitage. Un guía do museo, vello e enfermo, decidiu continuar coas visitas guiadas e explicar cadros que non estaba con tal paixón e destreza que os visitantes acababan por velos aprecialos e comentalos.

Ben, pois neste momento difícil, poida que iso sexa o que nos corresponda facer os docentes: coma o guía do Hermitage, teremos que mostrar a beleza e necesidade da educación, e facelo con tal paixón que o noso alumnado, a sociedade non poida concibir a vida sen esa obra de arte. Ser os guías da educación aínda en museos baleiros, saqueados e desleixados.

Boas vacacións a todos e todas as que nos seguides en InnovArte en galego ou en castelán desde Galicia, o resto do estado, Italia ou Portugal. Agradecemento especial tamén, ao numerosísimo grupo que nos visitades mentres nós durmimos, desde lugares que ás veces temos que buscar no mapa, da Arxentina, Chile, México, Guatemala, Perú, Venezuela, Colombia, Uruguay ou Australia entre outros; para vós ánimo para continuar co traballo.  Foi unha sorpresa ben grata chegar co discurso InnovArte tan lonxe.

Imaxes: Rock Balancing

  1. Eu tamén son mestra de Infantil e gustaríame felicitarvos polo voso espazo. Descubrinvos hai pouco e nel atopei reflictidos a gran maioría dous meus pensamentos, inquedanzas, desexos… E, tamén con vós, cheguei a emocionarme sentíndome acompañada na miña forma de entender a educación.
    O camiño é difícil, cheo de dificultades, de decepcións, a cotío sen axuda, sen apoio, sen apoio dos compañeiros que non entenden que hai vida “fora do libro de fichas”, … pero só polos olliños de emoción dun pequeno cando algo lle interesa para min xa vale a pena.
    Así que moitas grazas pola vosa achega ao mundo educativo e moitos ánimos para continuar.

    • Saida, o mellor disto, é descubrir como pouco a pouco se van levantando voces que se negan a ser parte dunha paixase plana e monótona; voces que se cuestionan cada día o seu quefacer e o seu papel no mundo educativo. Levas razón, só o brillo da mirada dos nenos e nenas, xa paga a pena. Unha aperta e a seguir para diante.

  2. Tamén eu quería agradecer as vosas aportacións, o voso entusiasmo e facer profesional, facedesme pensar e repensar moito o noso traballo. Se seguides co blog ¡ánimo! senón eu volveria a lelo todo dende o principio ó final, para mín facedes un importante traballo de formación…¡¡Grazas!!! e un moi merecido descanso…¿E se pensamos en positivo? Colaborar, reflexionar, aprender, descubrir, gozar…¡Feliz verán!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: